Kosmos 133 ou Cosmos 133 foi unha misión espacial soviética lanzada sen tripulación o 28 de novembro de 1966 mediante un foguete Soiuz 11A511 desde o cosmódromo de Baikonur.
Características Kosmos 133 fo a primeira Soiuz modelo 7K-OK lanzada á órbita. Foi enviada sen tripulación para facer diferentes probas xunto con outra Soiuz, incluíndo o acoplamento entre elas, sendo a Kosmos 133 a parte pasiva da misión, pero despois do lanzamento varias anomalías fixeron que o control de terra decidira non lanzar a segunda Soiuz. Despois de chegar a órbita, Kosmos 133 mantivo unha rotación de dúas voltas por minuto en lugar de manter unha posición estable. Ademais, a telemetría indicaba que algúns dos tanques de propelente estaban baleiros, imposibilitando unha cita espacial, de aí a cancelación do lanzamento da segunda Soiuz para as probas. O control de terra intentou facer reentrar de maneira controlada a Soiuz, pero varios problemas cos sistemas de orientación e propulsión fixeron que a reentrada se producira de maneira incontrolada e fora do territorio da Unión Soviética, activándose o sistema de autodestrucción. Nunca se atoparon os restos da nave.
A pesar dos problemas non se considerou a misión un fracaso total ao ser a primeira nave do seu tipo en ser posta en órbita e recollerse datos valiosos para corrixir os problemas no futuro. Segundo a investigación, a causa dos diversos problemas tivo a súa orixe na instalación coa polaridade invertida de diferentes sistemas eléctricos.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Soiuz 11A511
Categoría:Programa Soiuz