Armando Ojea Bouzo, nado en Ourense en 1962, é un político galego, un dos ideólogos e fundadores de Democracia Ourensana (DO). Foi tenente de alcalde, concelleiro e deputado provincial de Ourense. Tras as eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024, foi elixido deputado por DO para a XII Lexislatura do Parlamento de Galicia.

Traxectoria Armando Ojea foi un dos fundadores que en 2001 creou xunto a Gonzalo Pérez Jácome o partido provincial Democracia Ourensana (DO). A finais de febreiro de 2015, antes da campaña das eleccións municipais de maio, dimitiu a até entón número dous de DO, Susana Gómez Valencia. Logo da dimisión e como preparación para a campaña electoral que prometía mellorar os resultados dos partidos maioritarios, Jácome elixiu a Armando Ojea como novo número dous da lista e por tanto do partido.

En 2019, co acordo entre o Partido Popular de Galicia e Democracia Ourensana para manter a Xosé Luís Baltar (PPdeG) á fronte da deputación e a Gonzalo Pérez Jácome (DO) como alcalde de Ourense, Armando Ojea converteuse en tenente de alcalde do consistorio de Jácome.

En outubro de 2023, Gonzalo Pérez Jácome anunciou a intención de que o partido provincial DO se presentase ás xa anunciadas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024. Non foi até o 15 de novembro de 2023 que se anunciaría que o candidato que DO presentaría aos comicios non sería Jácome, alcalde de Ourense, senón Armando Ojea, número dous do partido.

O 8 de xaneiro de 2024 deixou a súa acta de deputado provincial na Deputación de Ourense para asumir a campaña electoral de DO ás eleccións galegas, nas que o partido só se presentaba pola circunscrición electoral de Ourense.

Polémicas

Petición de dimisión das XSG En 2019, as Xuventudes Socialistas de Galicia solicitaron a dimisión do daquela edil de DO, Armando Ojea, por consideralo «tránsfobo». Esta acusación xurdiu duns comentarios que Ojea realizou na súa conta da rede social Twitter co adaxo da proposta de poder indicar cun «X» no xénero do Documento Nacional de Identidade.

Renuncia en bloque de concelleiros de DO En 2020, por mor dunhas acusacións de corrupción que afectaban tanto ao alcalde de DO, Gonzalo Pérez Jácome, como ao propio Armando Ojea, comezou unha guerra intestina no grupo municipal de DO no concello de Ourense, sendo encabezado o grupo díscolo polo daquela voceiro municipal, Miguel Caride. Tras a negativa de Jácome a dimitir, os cinco concelleiros críticos acabaron dimitindo como protesta ante as actuacións e postura do seu alcalde.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024

Categoría:Nados en 1962 Categoría:Nados en Ourense Categoría:Deputados da XII Lexislatura do Parlamento de Galicia‎ Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia por Democracia Ourensana Categoría:Teclistas Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes