Li Jianwu (chinés tradicional e simplificado: 李健吾; pinyin: Lǐ Jiànwú; Wade-Giles: Li3 Chien4-wu2), coñecido polo pseudónimo de Liu Xiwei 刘西渭, nado en Yuncheng (Shanxi) o 17 de agosto do 1906 e finado en Beijing o 24 de novembro do 1982, foi un escritor, dramaturgo, tradutor e crítico literario chinés. Está considerado un dos membros da chamada Escola de Beijing.
Traxectoria Li Jianwu naceu no condado de Yuncheng, na provincia de Shanxi. O seu pai, Li Mingfeng, foi líder do Exército Revolucionario na súa provincia. Posteriormente, o pai serviu no Exército do Goberno de Beiyang, polo que Li Jianwu se trasladou a Beijing para estudar a primaria. Pouco despois, o pai sería arrestado polas súas conexións e, tras saír da cadea no 1919, foi asasinado.
Li Jianwu comezou a actuar dende moi novo, colaborando con estudantes da Universidade Normal de Beijing. Durante esta época, interpretou papeis femininos como o de Chen Dabei en Youlan nüshi 幽兰女士 (A señora Youlan). Tamén coñeceu a Xiong Foxi (1900-1965).
Tras aprobar os exames de ingreso da secundaria no 1921, Li Jianwu comezou a escribir pezas teatrais, novelas curtas, poesía e outros textos en prosa, algúns dos cales se publicaron na revista Chenbao. Estas obras chamaron a atención do editor Wang Tongzhao (1897-1957), con quen trabaría amizade. No 1925, cando estaba a piques de graduarse, foi detido por organizar accións contra Ma Junwu, o director xeral de educación.
Nese mesmo ano, Li Jianwu foi admitido no departamento de chinés da Universidade Tsinghua; porén, o profesor Zhu Ziqing (1898-1949) suxeriulle ingresar no departamento de literatura occidental. Durante os anos de universidade, Li Jianwu padeceu pleurite e tuberculose, polo que pasou longas tempadas convalecente. Secasí, logrou escribir varias novelas. Tras graduarse, entrou a traballar como asistente do xefe do departamento, Wang Wenxian.
No 1930, o caudillo Yan Xishan (1883-1960) tivo que abandonar o país, polo que Li Jianwu puido regresar á súa terra natal para enterrar aos pais. Despois de recibir algún financiamento, matriculouse na Universidade de París para estudar aos realistas franceses, como Gustave Flaubert (1821-1880). Nos dous anos seguintes, continuou a publicar en revistas chinesas, opoñéndose á guerra civil e defendendo a unidade fronte ás tropas xaponesas.
No 1933, regresou á China e rematou a súa obra Fuloubai pingzhuan 福楼拜评传 (Flaubert: biografía crítica). Entrou a traballar na Universidade de Jinan invitado por Zheng Zhenduo (1898-1958), decano da Facultade de Literatura, mais dimitiría pouco despois. Tras o estalido da guerra co Xapón, trasladouse á Concesión Francesa, onde se dedicou a escribir teatro, contos e ensaios. Tamén traducíu obras de autores franceses, especialmente Flaubert e Molière (1622-1673).
Estilo A dramaturxia de Li Jianwu estivo moi influenciada polo teatro francés, especialmente o de Molière. Moitas das súas primeiras pezas teñen un estilo sinxelo, e narran a vida das clases baixas. Porén, a complexidade das súas obras aumentou tras os seus estudos en Francia, diversificando tamén as temáticas. Así, comeza a traballar arredor de asuntos históricos ou políticos. Por exemplo, a súa obra mestra Zhe bu guo shi chuntian 这不过是春天 (Non é máis cá primavera, 1934), mestura unha narración amorosa con temas de corte revolucionario. Inspirado no realismo, elaborou personaxes complexos, explorando tanto as súas virtudes como os seus defectos. Foi pioneiro do teatro socialista na China.
Notas
Categoría:Escritores da China Categoría:Escritores en lingua chinesa Categoría:Nados en 1906 Categoría:Finados en 1982