María Nicolasa Paula Barbeito Cerviño, nada na Coruña o 2 de marzo de 1880 e finada na mesma cidade o 20 de novembro de 1970, foi unha pedagoga,Marín Eced, Teresa (1991). Innovadores de la educación en España: becarios de la junta para ampliación de estudios. Volume 7 de Monografías. Cuenca. Ed. ilustrada Universidad de Castilla La Mancha. p. 401; 406. ISBN 84-7729-107-1 . escritora, tradutora, lingüista,Fernández Salgado, B. (2000). Os rudimentos da lingüística galega: un estudio de textos lingüísticos galegos de principios do século XX, 1913-1936. Volume 47 de Verba: Anexo. Ed. Univ. Santiago de Compostela. ISBN 84-8121-859-6. publicista, conferenciante e profesora galega. Introduciu en Galicia os principios do Método Montessori, así como os métodos do belga Ovide Decroly.
Traxectoria María Barbeito era filla do escritor Avelino Barbeito Hermosilla e de María Cerviño Vázquez, e foi educada nun ambiente liberal e culto.
En 1896 aprobou a reválida na Escola normal como profesora de primeiro ensino superior, gañando praza nas oposicións de 1902 como mestra co número un da súa promoción con vinte e un anos. Escolleu como destino a Escola Graduada Pública de Párvulos "Da Guarda", na súa cidade local. Dende 1911 exerceu como directora da escola, que converteu nun colexio modelo, sendo pioneira na renovación pedagóxica. Introduciu en Galicia os principios de Maria Montessori e o seu método, baseado en fundamentos psicopedagóxicos de liberdade e autoactividade dos nenos nun ambiente que favoreza o seu desenvolvemento. Así mesmo, introduciu o método dos centros de interese desenvolvidos polo belga Ovide Decroly, consistente en desenvolver un plan de estudo conforme cos intereses dos nenos en cada idade. Na memoria de actividades que redactou en 1932 recolleu o seu proxecto curricular e a súa metodoloxía educativa coa dotación de material do método Montessori que importou de Italia en 1915, coleccións de láminas didácticas, unha gramola para audicións musicais, unha biblioteca escolar e unha Biblioteca Popular Circulante, á que doou parte da súa colección bibliográfica. miniatura|María Barbeito co seu fillo Juan. En 1933, obtivo por concurso de méritos o cargo de Inspectora Mestra dende o que creou un Plan de Lectura Global (1934) para as escolas da súa zona de inspección. En 1935 obtivo unha bolsa da JAE (Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas) grazas a cal emprendeu unha viaxe por Europa xunto con outros dez docentes españois. Visitou institucións educativas de Francia, Bélxica, Países Baixos, Alemaña, Suíza e Italia nos que tomou contacto cos métodos pedagóxicos que se impartían en Europa. Tralo regreso escribiu como resumo da viaxe e das visitas realizadas Países y escuelas ("Países e escolas"), no que realiza unha crítica das prácticas pedagóxicas observadas aprobando aspectos como a gratuidade e a obrigatoriedade das escolas públicas de Bélxica, ou o espírito democrático das escolas alemás baixo os plans da pedagoxía Waldorf de Rudolf Steiner, ou o ambiente de escola activa de Milán impulsado por Giuseppina Pizzigoni.
En 1936, co triunfo do golpe militar, foi afastada do seu posto de mestra das escolas "Da Guarda". O proceso de depuración iniciouse no mes de setembro, e foi sinalada con falsas acusacións por unha compañeira de carreira que pretendía o seu posto: Rosa Buján, unha das instigadoras da "morte civil" da eminente pedagoga. En 1941, con sesenta anos, foi destituída dos seus cargos académicos e forzada a xubilarse por razóns políticas.Marco, Aurora; Porto Ucha, Anxo Serafín (2000). A Escola Normal de Santiago de Compostela: de Escola Normal Superior a Escola Universitaria, 1849-1996. Volume 6 de Textos históricos Fonseca. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-8121-854-5. Iniciou unha nova etapa retirada dos centros escolares dedicándose á escritura e á tradución de libros escritos en francés de autores como François-René de Chateaubriand, Alfred de Vigny, a condesa de Noailles, Charles Perrault…
Entre os temas de interese dentro da área de pedagoxía figura o bilingüismo na escola galega sobre o que publicou un artigo no Boletín da Real Academia Galega en agosto de 1931, en que recoñecendo o seu "rexionalismo puro" defendía a necesidade do uso da lingua materna entre mestre e discípulos así como reivindicaba: miniatura|300px|Rosario Romero e María Barbeito no Eusebio da Guarda.
No seu desexo de ofrecer aos nenos e nenas unha boa educación, embarcouse nunha serie de actividades que cubran as necesidades básicas dos mesmos buscando o seu benestar social como base dun desenvolvemento mental. Por iso, realizou unha intensa labor asistencial a través de diversos proxectos como "Gota de Leche", "Casa Cuna", "Comedor y ropero Da Guarda", "Colonias Escolares para Niños pretuberculosos", e foi presidenta da Asociación Concepción Arenal para protección e rehabilitación do Preso.
"El niño descalzo" foi un organismo que fundou en colaboración co director de La Voz de Galicia coa fin de repartir calzado entre os escolares pobres da cidade; tamén participou na "Xunta de protección á infancia" e promoveu a "Festa da Flor", celebrada por primeira vez na Coruña o 11 de agosto de 1912 para auxilio de organismos benéficos dedicados á infancia. A "Festa da Flor" propúxoa o 2 de marzo de 1912 nunha conferencia que impartiu na Escola Normal de Mestras seguindo o modelo de recadación que se realizaba noutros países de Europa. Apoiada por autoridades e personalidades, mentres se celebraban as festas da cidade numerosas postulantes entregaban flores a cambio dunha doazón que se repartiría entre as distintas institucións de beneficencia infantil. Debido ao seu éxito, a partir do ano 1913 a Festa da Flor celebrouse noutras cidades españolas e dende 1914, por orde do Goberno, a súa recadación sería destinada á loita contra a tuberculose.
Pertenceu ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, e obtivo diversos premios literarios e distincións como a Medalla de Mutualidades, a Cruz de Beneficencia e a Medalla de Ouro da Cruz Vermella. Como muller declarou "son feminista, aínda que non revolucionaria" insistindo na importancia da educación das mulleres e sendo firme defensora dos dereitos da muller.
Achegas pedagóxicas miniatura|300px|M.ª Barbeito, no centro, cun grupo de mestres durante unha viaxe. María Barbeito mostrouse sempre contraria á ensinanza baseada na memorización e optou por unha metodoloxía que aproveitase os recursos da comunidade e fomente a observación. Para ela, educar non significaba transmitir coñecementos, senón formar aos nenos e ás nenas para que poidesen adquirilos por si mesmos, defendendo unha educación renovadora, libre e creativa. Por esa razón eliminou os sistemas memorísticos e incluíu as referencias didácticas e pedagóxicas que viñan das reflexións do filósofo americano John Dewey, así como tamén as do médico e psicopedagogo belga Decroly, coa súa pedagoxía baseada na metodoloxía dos centros de interese.
Cuestionaba que a aprendizaxe da gramática se apoiase nun conxunto de regras e definicións. Na súa opinión, o importante era conseguir o dominio da linguaxe, e para atinxilo propuxo que se favorecesen as conversas. Tampouco cría que se debía basear o estudo da historia na memorización de datos, senón que era preciso darlle un sentido vivo e humano, o que implicaba estudar os feitos históricos pola influencia que exerceron sobre a humanidade.
Defendía a instalación de escolas públicas (“escolas de todos”) fronte ás clasistas. Introduciu a música e a ximnasia rítmica na escola, ao igual que abriu comedores, roupeiros e colonias escolares. Nas Escolas da Guarda engadiu a observación antropolóxica e o uso de fichas para o estudo psíquico individualizado de cada alumno e alumna. Tamén foi unha gran promotora da coeducación de ambos xéneros e do emprego da lingua galega nas aulas. miniatura|200px|Rúa María Barbeito, A Coruña. Como proba das prácticas pedagóxicas observadas nas escolas europeas, propuxo a través dun escrito certas innovacións ás escolas, entre elas a relación epistolar entre alumnado, diarios escolares, arquivos de traballos dos nenos e nenas, xardín escolar, sesións de cine, creación dun xornal escolar, museos da escola e representacións teatrais infantís.
Foi membro correspondente da Real Academia Galega e formou parte da sección pedagóxica do Instituto de Estudos Galegos.
Vida persoal En 1909, contraeu matrimonio con Juan Martínez Morás, fillo de Andrés Martínez Salazar,Biblioteca de Carlos Martínez Barbeito Fundación Barrié. con quen tivo tres fillos: Juan María (1911), Carlos (1913) e Isabel (1918). miniatura|265px|"La mujer, antes, ahora y después", 1934.
Obra Escribiu varios artigos e libros entre os que destacan: "Niños y educadores" (1913), conferencia pronunciada na Reunión de Artesáns da Coruña o 4 de maio de 1913, 35 pp. "La mujer, antes, ahora y después" (1934), conferencia pronunciada o 19 de maio de 1934 ante a Agrupación Republicana Feminina, 30 pp. Concepción Arenal. Breviario humano (1949), 463 pp Aguilar, Madrid. Antoloxía de pensamentos de Concepción Arenal que seleccionou e prologou María Barbeito. Países y escuelas (1975), 221 pp. Moret, A Coruña. Serie de dez conferencias.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Depuración franquista do maxisterio A Coruña en feminino A Galiza feminista. Tebras e alboradas
Ligazóns externas Arquivo persoal de María Barbeito en Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia.
Marco, Aurora (2007). "María Barbeito, pioneira da renovación pedagóxica no primeiro terzo do século XX". Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega.
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1880 Categoría:Finados en 1970 Categoría:Personalidades do ensino de Galicia Categoría:Membros correspondentes da Real Academia Galega Categoría:Pensionados da JAE Categoría:Tradutores de Galicia Categoría:Tradutores do francés Categoría:Tradutores ao castelán Categoría:Artigos destacados sobre Galicia