Antonio José Valín Valdés, nado en Ribadeo o 24 de febreiro de 1968, é un sacerdote católico e bispo galego.

O 25 de maio de 2024 o Papa Francisco nomeouno bispo da diocese de Tui-Vigo, substituíndo a Mons. Luís Quinteiro Fiuza.

Traxectoria En 1986 ingresou no teologado diocesano de Santiago de Compostela estudando no Instituto Teolóxico Compostelán ata 1992. É bacharel en Teoloxía e ten o Mestrado en Comunicación cristiá pola Universidade Pontificia de Salamanca.

Foi ordenado sacerdote na catedral de Mondoñedo o 14 de marzo de 1993. Foi formador e profesor do seminario de Mondoñedo (1992-1999), director espiritual do seminario maior (2006), director espiritual do seminario maior e menor (2011), formador seminaristas menores diocesanos (2019) e director da residencia universitaria Domus Ecclesiae de Ferrol (2000). Tamén foi profesor do ISCRD «San Agustín» e da EDT.

Foi subdelegado de Pastoral Xuvenil, Vigairía Ferrol (1999), delegado diocesano de Pastoral Vocacional (2002), delegado episcopal de Pastoral de Infancia e Xuventude (2007), secretario de Pastoral (2015/2016) e vicario episcopal para a Evanxelización (2017). Foi membro da delegación de Pastoral Vocacional e do COV de Viveiro, do equipo sacerdotal de Vilalba, do equipo sacerdotal de Vilalba-Abadín-Xermade, do Consello Presbiteral, do Colexio de Consultores, do Consello Diocesano de Goberno e do Consello de Pastoral.

Foi párroco de San Sadurniño (1999), párroco de Santiago de Foz (2012), arcipreste da Terra Chá (2006/2009), arcipreste de Mondoñedo (2012/2016/2019), delegado Ano Xubilar da Misericordia (2015). Foi párroco in solidum e moderador da UPA de Foz (desde 2019) e vicario xeral e moderador da Curia (desde 2021). Todo na diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Desde 2018 foi cóengo da catedral de Mondoñedo e consiliario do “Colectivo Campamento Diocesano” desde 2003. Desde o 21 de decembro de 2020 ata o 4 de setembro de 2021 foi administrador diocesano da diocese de Mondoñedo-Ferrol, cando tomou posesión como bispo Fernando García Cadiñanos.

Ten colaborado no programa El Espejo de la diócesis’de COPE Ferrol e na revista Dumio.

Na súa primeira carta tras ser nomeado bispo recalcou: "compartir o que son, os meus soños, as esperanzas, a alegría da fe e a paixón polo Evanxeo e polo Reino do Señor, especialmente cos máis pobres e descartados da nosa sociedade”.

O seu ordeamento está previsto o 20 de xullo de 2024 na Catedral de Tui. É o terceiro bispo nado en Ribadeo, despois de ter sido nomeado o primeiro, Pedro Sarmiento de Villandrando, en 1524, e o segundo, Laureano Veres, no século XIX.

Notas

Categoría:Nados en Ribadeo Categoría:Nados en 1968 Categoría:Bispos da Igrexa católica latina Categoría:Bispos católicos de Galicia Categoría:Bispos católicos do século XXI