Jagoba Beobide Larrañaga, nado en Azpeitia o 19 de febreiro de 1987, é un futbolista español, que xoga como centrocampista no Real Unión da Primeira División RFEF.
Traxectoria Formouse como futbolista na canteira da Real Sociedad, debutando coa Real Sociedad B na Segunda División B na tempada 2006/07.
Despois de dúas tempadas no filial "txuri-urdin", na campaña 2008/09 saíu cedido ao Real Unión. O conxunto irundarra dirixido por Iñaki Alonso eliminou ao Real Madrid na Copa do Rei e conseguiu o ascenso á Segunda División despois de máis de 40 anos sen facelo. O interese do Real Unión e do xogador pola súa continuidade permitiu renovar a cesión unha tempada máis.
En 2010 fichou polo Córdoba, tamén de Segunda, onde comezou coa confianza de Lucas Alcaraz, pero acabou desaparecendo tanto das aliñacións titulares como das convocatorias. Ao final da tempada abandonou a entidade cordobesa tras disputar 13 partidos de liga e 5 de Copa.
Na tempada 2011/12 baixou un chanzo para regresar ao Real Unión, de novo en Segunda B. O proxecto dos irundarras era ambicioso, pero os homes dirixidos por Roberto Olabe decepcionaron ao acabar na 14ª posición.
A continuación, Beobide deixou Irún para incorporarse Alavés. Axiña se converteu nun xogador clave no medio campo de Natxo González e gañou o cariño de Mendizorrotza. O equipo albiazul logrou o ascenso a Segunda e Beobide formou unha sólida parella de mediocampistas xunto a Manu García (antigo compañeiro seu na Real Sociedad B e no Real Unión), contando para os tres técnicos que pasaron polo banco do Alavés: Natxo González, Juan Carlos Mandiá e Alberto.
A súa segunda tempada estivo marcada por unha lesión que lle quitou protagonismo no equipo a favor de Dani Toribio. A marcha do centrocampista catalán no verán de 2015 non supuxo que Beobide recuperase o protagonismo perdido, tendo que competir polo posto con xogadores como Sergio Mora, Manu García ou Hernán Bernardello. Finalmente, Beobide deixou o club no verán de 2016 despois de 4 tempadas e 2 ascensos. Despois duns meses sen club, en xaneiro de 2017 fichou polo Racing de Santander.
Nas tempadas 2017/18 e 2018/19 xogou no Burgos CF, e tras un breve paso por Laponia, onde xogou nas filas do Rovaniemen Palloseura, en 2020 iniciou a súa terceira etapa no Real Unión.
Notas
Categoría:Nados en 1987 Categoría:Nados en Azpeitia Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores da Real Sociedad B Categoría:Xogadores do Real Unión Categoría:Xogadores do Córdoba CF Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés Categoría:Xogadores do Racing de Santander Categoría:Xogadores do Burgos CF