Andrés de Losada e Prada, finado en Madrid o 8 de decembro de 1625, foi un político galego. Foi secretario de Estado cos reis de España Filipe III e Filipe IV.
Traxectoria Ignórase o exacto lugar de nacemento de Andrés de Losada, pero é posíbel que fose valdeorrés pola súa mai, Francisca de Santalla, irmá de Andrés de Prada e Gómez de Santalla, que foi secretario do rei Filipe II, ou ben quirogués, a xulgar polo lugar onde funda morgadío, orixe que lle viría pola liña paterna (seu pai era un tal Álvaro de Losada y Somoza).
O seu tío conseguiríalle honores dos reis aos que serviu, pois Andrés de Losada sería tesoureiro da Real Casa da Moeda da Coruña e alcaide da fortaleza desa mesma cidade (1611). Nese mesmo ano morría o seu tío, mais antes obtería para el o nomeamento de secretario do rei Filipe III. Os dotes persoais do sobriño non debían ser magros, pois conseguiría ser Secretario de Guerra co mesmo rei, posto que mantivo con Filipe IV, aínda que pouco tempo, pois falecería aos poucos meses da subida ao trono dese monarca.
No seu testamento funda para o seu sobriño Pedro de Monseiro e Losada un morgadío vinculado no Hospital (Quiroga), onde tiña a súa casa e onde foi soterrado. Andrés de Losada foi, ademais, cabaleiro da Orde de San Xoán de Xerusalén e comendador de Fregenal de la Sierra.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Finados en 1625 Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Nados en Galicia