O Movemento Socialista (MS) (orixinalmente, e en éuscaro: «Mugimendu Sozialista») ou corrente socialista («ildo sozialista») é un movemento político e social con orixe no País Vasco de ideoloxía comunista formado a finais da década de 2010. Está formado por distintas organizacións relacionadas entre si, cada unha cun espazo de acción definido. En Galiza, a organización correspondente do MS é a Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS).

Aínda que nace do mesmo espazo social que o Movemento de Liberación Nacional Vasco (MLNV), o Movemento Socialista rompeu desde os seus inicios coa esquerda abertzale e coa súa estratexia, situándose como un movemento organizado á marxe da mesma, xa que consideran que a esquerda abertzale ten unhas posicións socialdemócratas incompatibles coa revolución socialista e que o comunismo foi acurrunchado «de forma sistemática» no seo da esquerda abertzale. Os territorios fóra de Euskal Herria que se uniron ao Movemento Socialista tamén parten da ruptura con experiencias políticas previas, como é o caso de Cataluña/Comunidade Valenciana con Arran e o resto do Estado Español coa UJCE. As distintas organizacións que forman o movemento agrúpanse arredor das ideas do marxismo revolucionario e o comunismo.

Antecedentes

O final de ETA e creación de novas correntes na esquerda abertzale (2011-2017) Tras o cesamento definitivo da actividade armada de ETA en 2011, xurdiron varias tensións no seo da esquerda abertzale, creando unha multitude de organizacións que non asumían as teses oficiais establecidas e que reclamaban unha estratexia diferente. Co paso do tempo, a través do intercambio de ideas entre diferentes militantes vinculados ao movemento estudantil e aos gaztetxes, comezaron a sentar as bases do que máis tarde sería a corrente ou movemento socialista. Neste proceso inicial, tiveron especial relevancia blogs como Borroka garaia, onde se publicaron reflexións e textos desenvolvidos polos militantes.

Ruptura entre Ikasle Abertzaleak e Ernai (2018) O movemento estudantil tivo unha grande importancia na creación do Movemento Socialista, xa que foi en Ikasle Abertzaleak —sindicato estudantil da esquerda abertzale desde 1988— onde chocaron notablemente as dúas correntes principais da esquerda abertzale nun enfrontamento polo liderado da organización. Tales foron as discrepancias que, en outubro de 2018, se rompeu a alianza que historicamente existira entre a organización estudantil e a xuvenil da esquerda abertzale, que nese momento era Ernai, ao considerar que «se afastaron por completo a visión e a práctica política de ambas as organizacións». Este feito confirmou a ruptura do MLNV con Ikasle Abertzaleak, os cales reivindicaron no seu VII Congreso (2019) a construción dun «Estado socialista vasco». Ernai, pola súa banda, puxo en marcha Ikama, unha nova organización estudantil que seguirá coordinándose baixo o MLNV.

Historia

Creación de organizacións e encontros (2019-2022) En xaneiro de 2019, púxose en marcha a publicación dixital Gedar, para dar voz ás organizacións e militantes do movemento socialista. Declarouse abertamente como o elemento de propaganda e comunicación política do movemento, creado coa fin de servir de ferramenta política para a clase traballadora.

En febreiro do mesmo ano, presentouse Gazte Koordinadora Sozialista (GKS) no frontón Auzolana de Vitoria. GKS naceu co obxectivo de abordar a problemática da mocidade desde unha perspectiva de clase, e facíao traballando en conxunto con Ikasle Abertzaleak, dando forma ao que máis tarde sería o Movemento Socialista. Ambas as organizacións puxeron en marcha diversas iniciativas conxuntas, entre as que destacaba Euskal Herriko Gazte Sozialisten Topagunea (en galego, «Punto de Encontro de Mozos Socialistas de Euskal Herria»).

Nese mesmo ano xurdía Erraki, co obxectivo de incidir nos espazos autoxestionados, como os gaztetxes. A idea detrás de Erraki era establecer os marcos necesarios para superar as limitacións que podían existir na xestión illada de devanditos espazos, a través da solidariedade de clase e dotándolles de mecanismos de autodefensa.

En outubro de 2020, Itaia, rede de mulleres socialistas existente desde 2018, definiuse como organización socialista de mulleres. Desta forma, Itaia pasaba a ser unha organización no seo do MS que abordaba a problemática de xénero desde unha perspectiva de clase.

No mesmo ano, xurdía o primeiro Kontseilu Sozialista («Consello Socialista») en Iruñerria. Esta nova organización buscaba analizar a totalidade desde unha perspectiva socialista, e nacía coa intención de ser unha organización interxeracional —até ese momento, as distintas organizacións do MS estaban centradas en espazos de acción moi concretos e, principalmente, na mocidade—. Co tempo, xurdiron máis núcleos baixo o paraugas de Kontseilu Sozialistak en distintas comarcas de País Vasco, Navarra e do País Vasco francés.

En 2021, dentro do MS, xurdía a organización Ekida, co obxectivo de traballar a arte e a cultura desde unha perspectiva socialista.

Expansión do Movemento Socialista fóra de Euskal Herria (2022-2024) O 17 de xullo de 2022, varias asembleas fan pública a creación dun novo espazo político chamado "Horitzó Socialista". O movemento xurdiu en Cataluña por mor dunha escisión da organización xuvenil Arran debido a diferenzas políticas, ideolóxicas e estratéxicas no seo da organización independentista catalá. Isto daría paso en 2023 á creación da Organització Juvenil Socialista en Catalunya e o Paìs Valenciá.

En abril de 2024, exmilitantes de organizacións como as MPI, UJCE, Galiza Nova ou Xeira, así como independentes, anunciaban a creación dunha novo espazo de encontros do Movemento Socialista en Galiza, a Creba Socialista.

Pouco despois, en marzo de 2024, froito dun proceso de debate e reflexión entre o Encontro polo Proceso Socialista e un sector maioritario de militantes da UJCE, organización xuvenil do PCE, naceu a Coordinadora Juvenil Socialista (CJS).

Consello Socialista de Euskal Herria (2023) Por primeira vez desde a separación de Ikasle Abertzaleak do MLNV e o nacemento posterior de diversas organizacións do Movemento Socialista, ponse en marcha unha organización política que actuará como referente político do conxunto do movemento, así como de dirección política do mesmo. O Euskal Herriko Kontseilu Sozialista (Consello Socialista de Euskal Herria) presentouse o 16 de decembro de 2023 no frontón Astelena de Eibar ante máis de 1.500 militantes comunistas. Os, até entón, denominados Kontseilu Sozialistak reorganízanse como agrupacións territoriais e sectoriais desta nova organización principal.

Organizacións As organizacións do MS son un subconxunto da multitude de grupos que xurdiron na década de 2010 como consecuencia dos desencontros internos da esquerda abertzale e outras organizacións fóra de Euskal Herria. Aínda que existen espazos compartidos coas mesmas, o MS rexeita calquera relación organizativa e, por tanto, non forman parte do mesmo outras organizacións disidentes como Jarki, Jardun, Hauspoa, ATA ou Herritar Batasuna.

Euskal Herriko Kontseilu Sozialista (EHKS) (Consello Socialista de Euskal Herria): dirección política do movemento. Gazte Koordinadora Sozialista (GKS): organización xuvenil en Euskal Herria. Ikerketa Sozialisten Institutua (ISI) (Instituto de Estudos Socialistas): think tank do movemento. Ikasle Abertzaleak (IA): organización/sindicato estudantil en Euskal Herria. Itaia: organización de mulleres en Euskal Herria Erraki: organización a favor dos centros ocupados autogestionados en Euskal Herria Ekida: organización artística e cultural en Euskal Herria. Euskal Herriko Etxebizitza Sindikatu Sozialista: sindicato de vivenda en Euskal Herria. Organització Juvenil Socialista (OJS): organización xuvenil en Cataluña, Mallorca e Comunidade Valenciana. Creba Socialista: espazo de encontros na Galiza que precedeu à CMS. Coordinadora da Mocidade Socialista (CMS): organización xuvenil en Galiza. Coordinadora Xuvenil Socialista (CJS): organización xuvenil noutros territorios dentro do Estado Español.

Notas

Véxase tamén

Categoría:Comunismo Categoría:Socialismo Categoría:Esquerda política