Carolina Rubirosa Rodríguez, nada no Grove na década de 1980, é unha cantante e compositora galega.

Traxectoria

Estudou para psicóloga e compaxina o traballo de auxiliar de clínica coa música. Compón en galego, castelán e inglés, os seus referentes son Carole King, Karen Carpenter ou Joni Mitchell, ademais de declararse amante férrea dos Beatles.

Colaborou en proxectos discográficos de diferentes artistas e como cantante solista en varias gravacións, tamén poñendo a voz en bandas sonoras de proxectos cinematográficos. En 2016 empezou como vocalista do grupo The Funkles e desde 2017 tamén ten traballos en solitario. Ten compartido escenario con Coque Malla,  Miguel Ríos, Javier Gurruchaga, Andrés Calamaro, Loquillo, Jorge Drexler...

Xa ten actuado en Rusia, Finlandia, Alemaña, Inglaterra, Dinamarca ou Portugal e en España: Almería, Valladolid, Madrid, Asturias, Granada… Na Galiza no Son do Camiño, Festival da Luz, Noroeste Pop Rock, Festival de Cine de Cans, Ourense ICC Week, TedEX Santiago, Landro de Viveiro etc.

En 2010 gravou a canción Isolation con Julia Baird, irmá de John Lennon. O tema foi producido e gravado por Paco Serén, de Los Piratas, e incluído no triplo CD con carácter benéfico “50 aniversario homenaje The Beatles.

Formou un dúo co mestre guitarrista de jazz Rafa Otero e cantan en español, inglés, francés, portugués, galego e italiano.

En 2022 quedou a un voto de gañar o Liet International Festival (eurovisión das linguas minorizadas). Fíxoo coa canción O teu camiñar!, "cuxo videoclip foi a peza promocional Oficial do Camiño de Santiago Inglés e está protagonizado por Julia Baird.

Carolina Rubirosa foi seleccionada en 2023 para o Laboratorio de Creación Musical de Fundación SGAE Galicia.

Discos

Voltando ó fogar (2020). Soldadeiras (2022). É unha ponte temporal entre a lírica medieval galego-portuguesa e hoxe, con sete cantigas medievais musicadas, producidas e interpretadas por Carolina Rubirosa. Alén do mar (2022). É unha conexión transatlántica entre poetas unidos a través da música. O indo-americano Indran Amirthanayagam, o brasileiro Salgado Maranhão, a francesa Katia-Sofía Hakim e as galegas Eva Veiga e Yolanda Castaño. Tierra de nadie (2020-2024). Con convidados como Lou Marini, histórico saxofonista de Aretha Franklin ou Frank Zappa ou a erhuísta Na Wang dende Pequín.

Premios

2019: Revolution Unplugged. 2019: Sonidos Mans 19. 2021: recibiu un premio no Art&Tur International Film Festival de Portugal. 2022: Premio Meca 2022 no Grove. 2022: Premio I Fondo de Proxectos Culturais do Reino de Galicia . 2023: Premio do público aomellor videoclip no Festival de Cans, por Contra la pared. 2024: V Premio Luísa Villalta (compartido con Gema Pardo co proxecto divulgativo "En clave de muller").

Notas

Categoría:Nados no Grove Categoría:Nados no século XX Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Compositores de Galicia