Nemesio García Carril, nado en Pousada (Sobrado) o 27 de abril de 1943 e finado en Málaga o 18 de xullo de 2025, foi un gaiteiro e compositor galego. Compuxo a banda sonora para a serie de Televisión Española Os gozos e as sombras, coa que acadou moi boa crítica, nela escoitouse por primeira vez unha versión televisiva do histórico himno anarquista A las barricadas, traballo de Nemesio. A súa actividade musical pódese dividir en catro ámbitos: a música sacra, a instrumental, a escénica e a música sobre textos escénicos e tradicionais para solistas e para agrupacións vocais.
Traxectoria Con 12 anos ingresou no Seminario Maior de Santiago de Compostela, onde obtivo os títulos profesionais de solfexo, teoría da música, transposición e acompañamento, contrapunto e composición. Tamén obtivo o título de instrumentación no conservatorio da Coruña. En 1967 recibiu unha bolsa para seguir estudando no conservatorio estatal de Santa Cecilia, en Roma. Posteriormente completou a súa formación e traballou en Madrid, Lisboa e Granada.
Comeza a tocar a gaita aos cinco anos de idade na casa natal, a Casa de Carril. A primeira gaita mercouna onde o artesán Antonio García Fandiño. O seu primeiro titor foi Antonio Pardo, antigo rexedor de Sobrado. A principios da década de 1950 chegou a Sección Feminina a Sobrado e Nemesio foi asignado para as súas coreografías. Estuda na Escola de Orientación Agrícola. Coa Sección Feminina actuou no Teatro Colón da Coruña en 1952, e dende os 8 ata os 12 anos participou nas festas do San Pedro e das Dores, en Sobrado.
Na súa etapa compostelá, sendo xa mozo, contratouno Televisión Española para ir dar conferencias e amosar os instrumentos tradicionais polas vilas de Galicia. Prestoulle á agrupación folclórica Cantigas e Agarimos os instrumentos gaita, tambor, bombo e pandeireta. Con 24 anos continuou cos seus estudos musicais en Roma:
Entre 1968 e 1980 foi mestre-director da capela de música da Catedral de Santiago. Foi profesor nos Conservatorios de Ponteareas e Santiago de Compostela, onde tivo o rango de profesor Numerario do IES Rosalía de Castro.
Foi vicepresidente do Centro Galego de Lisboa e membro da misión cultural da embaixada de España en Portugal. Tocaba para o grupo de baile, ademais de ensinar a tocar a gaita, entre eles ao seu fillo Nemesio García Puy, recoñecido músico granadino, académico e gaiteiro. Houbo unha etapa na que dirixiu todas as actividades da Casa da Xuventude de Galicia en Lisboa. Pertence á Asociación Portuguesa de Pedagoxía Musical.
Foi catedrático do IES Padre Suárez e invitado como profesor colaborador da Universidade de Granada.
Obra
García foi o autor da transcrición dos Cantos de Polifonía 5º e 6º do século XVI e do 2º libro de Órgano (obras de Joaquín Sánchez (Teruel, s.d. - Sevilla, 1800) músico da basílica de Santa María de Elche (1776-80)) do século XVIII procedentes do Arquivo Histórico da Catedral de Compostela.
Compuxo as bandas sonoras das series para TVE: A filla do mar de Rosalía de Castro en 1976 Os Gozos e as sombras, de Torrente Ballester en 1982 Musical A Nai: guión de Bernardo Vilariño e texto de Antón de Santiago, en 1998.
Executou a gravación de música propia de catro poemas de Rosalía de Castro coa soprano e profesora da Orquestra Nacional da Radio, Maruxa Villanueva. Gravou o disco Grandes obras musicais do século XIX na Catedral de Santiago polo VIII centenario do Pórtico da Gloria (Orquestra Manuel de Falla de Madrid e Orfeón Terra a Nosa de Santiago).
Distincións 1º Premio Himno Santa Teresa Jornet e Ibars, 1973. Premio á mellor música do 1º Festival Internacional da Canción de Pontevedra, 1977. Premios da Crítica Galicia, 1984. Fillo Distinguido do seu concello natal, 1986. Medalla da Catedral de Santiago, 2019, concedida polo cabido da Catedral de Santiago de Compostela polo seu traballo como mestre de capela entre 1971 e 1986.
Notas
Categoría:Gaiteiros de Galicia Categoría:Nados en Sobrado Categoría:Nados en 1943 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Personalidades da música e o baile tradicional de Galicia