miniatura|300px|Mapa de Vilasantar coas súas parroquias. miniatura|Vilasantar no Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz (1850).
Vilasantar é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Betanzos.
Xeografía
Situación O concello de Vilasantar está situado no sur da Comarca de Betanzos, entre as cidades de Santiago, A Coruña e Lugo, a uns 40 km en liña recta das tres. Limita ao norte cos concellos de Curtis e Oza Cesuras, ao oeste co concello de Mesía, ao leste co de Sobrado e ao sur co de Boimorto. A súa superficie é de 59,2 km². A capital é Ru.
Orografía Sitúase nunha zona de altitude media. A maior parte do concello sitúase entre os 400 e os 500 metros sobre o nivel do mar. O punto máis alto do concello atópase no Seixo, con 594 metros.
Hidrografía esquerda|miniatura|Río Cabalar ao seu paso por Présaras Ten grande importancia o río Tambre (que delimita a fronteira sur co concello de Boimorto) e os seus afluentes. Entre eles destacan o Cabalar e o río das Gándaras.
Clima O clima de Vilasantar é temperado, con temperaturas suaves no verán e frías no inverno. As precipitacións son abondosas dende o outono á primavera. No inverno son frecuentes as xeadas e ocasionais as nevaradas.
Demografía Segundo o Instituto Nacional de Estadística, en 2018 tiña 1.225 habitantes, 645 homes e 580 mulleres. A poboación sofreu un descenso do 70% dende 1950, cando o concello contaba con 4.094 habitantes. No tocante ás vivendas, en 2011 había no concello 998 edificacións, a metade delas construídas antes de 1950, e delas, 267 anteriores a 1900. Censo total 2018 1.225 habitantes Menores de 16 anos 72 (5.88 %) Entre 16 e 64 anos 696 (56.82 %) Maiores de 64 anos 457 (37.31 %)
Historia miniatura|Mosteiro de Santa María de Mezonzo
Prehistoria Da época prehistórica consérvanse numerosos megálitos e mámoas: Guiliade Ponte do Sapo Monte da Gándara A Revolta Mourengos Lagoaceiras As do monte Vilariño As do Monte da Corda As de Pedriño Medorra de Fanegas
Da cultura castrexa consérvanse máis dunha ducia de castros como os de Ril, Vilariño, Follente, Armental ou o das Corredoiras.
Idade Antiga Da romanización hai restos do campamento romano da Ciadella, o máis extenso dos descubertos en Galicia, entre os concellos de Sobrado e Vilasantar. Ademais, hai evidencias de que a medorra de Fanegas albergou unha construción romana sobre a antiga mámoa. Nas proximidades do campamento atópase tamén a necrópole da Areosa.
Idade Media No transcurso da Idade Media estas terras pertencían ao condado de Présaras, que tivo a súa orixe nas praessurae romanas, terras desertas ofrecidas aos colonos para que as cultivasen e poboasen.
A zona estivo fortemente vencellada ao mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes e ao mosteiro de Santa María de Mezonzo. A orixe deste último posiblemente estea na época dos suevos, pois a igrexa conserva dous capiteis do século VI ou VII e aparece en documentos latinos como mosteiro de Mosontio. A mediados do século X ingresou nel Pedro de Mezonzo, quen chegaría a abade e, posteriormente, a bispo compostelán. O mosteiro de Sobrado, pola súa banda, foi fundado polos condes de Présaras, Hermenexildo Aloitez e Paterna Gundesindez, en 952. O conde acabaría entrando no convento como monxe trala morte de Paterna. O fillo do matrimonio, Sisnando II, bispo de Iria Flavia, liderou a resistencia contra os viquingos na batalla de Fornelos.
Idade Moderna miniatura|Pazo de Présaras en Eirixe Na Idade Moderna era numerosa a fidalguía, como testemuñan as diversas casas señoriais repartidas polo concello.
Idade Contemporánea Vilasantar foi constituído como concello en 1834. A súa poboación foi medrando até 1950, cando empezou a descender por mor da emigración.
Foi unha zona de grande actividade durante a guerra civil española e a posguerra. En 1938 o alcalde e veciño de Présaras, Antonio Iglesias Corral, foi fusilado en Miraz, Friol.
Nos anos seguintes á guerra tivo presenza no concello o Exército Guerrilleiro de Galicia, así como o mítico "Foucellas", quen actuaba pola zona e viviu un tempo agochado na casa dunha curmá en Ru. Na parroquia de Mezonzo naceu o tamén guerrilleiro Manolito Bello.
Cultura
Patrimonio
Patrimonio arqueolóxico No concello atópanse xacementos de varias épocas. Están identificados os seguintes: +NomeLugarParroquiaTipoCastro de ArmentalO CastroArmentalCastroMámoa da RevoltaA RevoltaArmentalMámoa (3 mámoas)Castro de RilRilBarbeitoCastroMámoa de GuiliadeGuiliadeBarbeitoMámoaCastro de ParrandoParrandoBarbeitoCastroO Castro de ViladarcasViladarcasBarbeitoCastroA Roda de IgrexafeitaIgrexafeitaMezonzoCastroCastro de CernadasCernadasMezonzoCastroCastro do BatánO BatánMezonzoCastroMámoa da Ponte do SapoPonte do SapoPrésarasMámoaOs Castros de CezarCezarSan Vicenzo de CurtisCastroCastro de Mourengos/Castro da Pena do OsoMourengosSan Vicenzo de CurtisCastroCastro das CorredoirasAs CorredoirasVilariñoCastroCastro de Follente/A Roda de CastroO CastroVilariñoCastroCastro de VilariñoEirixeVilariñoCastroCampamento romano da CiadellaDíasVilariñoCampamento romanoMámoas de FanegasDíasVilariñoMámoa (9 mámoas)Mámoas de PedriñoDíasVilariñoMámoa (2 mámoas)Mámoas do Monte VilariñoEirixeVilariñoMámoa (2 mámoas)Mámoas da LagoaceiraA TorreVilariñoMámoaMámoa do Monte da GándaraA TorreVilariñoMámoaNecrópole da AreosaA AreosaVilariñoVía romanaVía romana de FanegasDíasVilariñoNecrópole romana
Patrimonio arquitectónico relixioso miniatura|Altar da Igrexa de Mezonzo No patrimonio relixioso do concello destacan:
Mosteiro de Santa María de Mezonzo. Este mosteiro, do que practicamente só se conserva a igrexa de estilo románico, atópase no Priorato. A súa orixe probablemente estea na época sueva, aínda que o mosteiro que hoxe coñecemos foi fundado polo abade Reterico no século IX. Máis tarde pasou a depender do mosteiro de Sobrado. No ano 955, ingresou no mosteiro Pedro de Mezonzo, quen despois se converteu en abade. Santuario de Nosa Señora da Laxe. Situado na Laxe, trátase dunha edificación do século XVIII de estilo barroco. Conta cun importante retablo rococó, no que se custodian catro imaxes de Gambino. Igrexa de Présaras. Situada en Eirixe, foi construída no século XVIII con planta rectangular, cantería de granito, dous arcos de medio punto e fachada de estilo neoclásico.miniatura|Santuario de Nosa Señora da Laxe Igrexa de Barbeito. Está situada na Xarela. Con planta rectangular dunha nave, cantería de granito e fachada principal con porta alintelada. Igrexa de Vilasantar. Atópase en Ru e foi construída a comezos do século XIX. Ten planta de cruz latina formada por dous corpos rectangulares de distinta altura e unha ábsida rectangular. A ábsida e o altar están separados por un arco triunfal de medio punto. Construída con cachotería revocada e pintada de branco, agás nos esquinais e enmarcados dos vans que son de cantería de granito visto.
A listaxe completa de igrexas, capelas e edificios relixiosos do concello é a seguinte: +NomeLugarParroquiaIgrexa de San Martiño de ArmentalEirixeArmentalSantuario de Nosa Señora da LaxeA LaxeArmentalPeto de ánimas da LaxeA LaxeArmentalIgrexa de San Salvador de BarbeitoA XarelaBarbeitoCasa reitoral de San Salvador de BarbeitoA XarelaBarbeitoCapela de Santo AndréMendeBarbeitoMosteiro de Santa María de MezonzoO PrioratoMezonzoCasa reitoral de Santa María de MezonzoO PrioratoMezonzoCapela de San PedroO Campo da FeiraMezonzoErmida de San PaioAguiónMezonzoIgrexa de San Pedro de PrésarasEirixePrésarasCasa reitoral de PrésarasEirixePrésarasIgrexa de San Vicenzo de CurtisEirixeSan Vicenzo de CurtisIgrexa de Santa María de VilariñoEirixeVilariñoCasa reitoral de Santa María de VilariñoEirixeVilariñoIgrexa de Santiago de VilasantarRuVilasantarCasa reitoral de VilasantarRuVilasantar
Patrimonio arquitectónico civil En canto á arquitectura non relixiosa máis destacable do concello temos os seguintes pazos:
Pazo de Présaras. Construído en Eirixe no século XVIII por Valentín Sánchez de Boado, un indiano regresado do Perú, que tamén construíu a igrexa. O pazo ten forma de "L" a dúas alturas, feito con muros de carga de cachotaría. Baixo o mesmo teito conviven a vivenda e a casa reitoral. Pazo de Mende. Situado nunha gran leira en Mende con hortas e prados, rodeada de carballos de grande idade. É de planta baixa e ten un frontón semicircular con escudo. Ten capela propia, cun amplo soportal. Pazo de Zanfoga. Este pazo do século XVIII atópase na aldea de Zanfoga. É de estilo barroco, construído con cachotaría de xisto e cantería de granito nos elementos nobres. Pertenceu a Emilia Pardo Bazán e á súa familia.
O patrimonio arquitectónico rexistrado no concello é o seguinte:
+NomeLugarParroquiaCasa do CastroO CastroArmentalPazo de ZanfogaZanfogaArmentalCasa de NeiraRilBarbeitoPazo de MendeMendeBarbeitoCasa de MeraVilaboaMezonzoPazo de OpaOpaMezonzoPazo do FachalO FachalMezonzoPazo de PanacioiPanacioiPrésarasPazo de PrésarasEirixePrésarasCasa de EirixeEirixeSan Vicenzo de CurtisCasa das MedallasO VaoVilariñoCasa Grande de VilariñoEirixeVilariño
Patrimonio etnolóxico miniatura|O batán de Mezonzo miniatura|Muíño de Vasques Conta cun importante patrimonio etnolóxico con numerosos muíños á beira dos distintos ríos e regatos do concello, e incluso un batán en perfecto estado, O Batán de Mezonzo, un dos poucos conservados en Galicia e talvez un dos máis antigos. Situado xunto a unha gran cascada do río das Gándaras, crese que foi construído polos monxes do mosteiro de Mezonzo.
Existe unha ruta de sendeirismo chamada Ruta dos Muíños, que discorre xunto a 22 muíños das parroquias de Mezonzo e Barbeito, como o Muíño de Vasques ou o Muíño da Ponte do Sapo.
Etnografía
Festas e romarías
Romaría da Santa Cruz, celébrase xunto á capela de San Paio en Aguión, sobre o día 3 de maio. Romaría Nova de Armental, celébrase en Eirixe, a segunda fin de semana de agosto Festa de San Pedro de Présaras, celébrase na Carballeira sobre o día 29 de xuño. Festa de Santiago de Vilasantar, celébrase en Ru sobre o 25 de xullo. Festa de Santa María de Mezonzo, celébrase no Priorato sobre o 10 de setembro. Festa de San Roque de San Vicenzo, celébrase en Eirixe sobre o 16 de agosto. Festa de San Bartolomeu de Barbeito, celébrase na Xarela sobre o 24 de agosto. Festa de San Paio de Vilariño, celébrase en Eirixe, sobre o 26 de xuño. Festa da Ascensión da Laxe, celébrase na Laxe o día da Ascensión. Festa do outono de Armental, celébrase en Eirixe sobre o día de San Martiño, o 11 de novembro. Festa de San Miguel de Présaras, celébrase na Carballeira sobre o 29 de setembro. Festa da Inmaculada Concepción de San Vicenzo, celébrase en Eirixe sobre o 19 de maio. Festa de Santa Minia en Vilasantar, celébrase en Ru sobre o 27 de setembro.
Economía
Sector primario Segundo datos do IGE do 2011, o 28% dos traballadores do concello adicábanse ao sector primario.
A agricultura está maiormente centrada na produción de millo e herba para prover as explotacións gandeiras da zona, sobre todo bovina (tanto produción leiteira como de carne de rubia galega) e en menor medida porcina, bovina e avícola. O concello conta cunha Escola de Agricultura Ecolóxica situada na parroquia de Vilasantar. Tamén hai unha gran cantidade de superficie forestal, principalmente de cultivo de eucalipto.
Sector secundario No 2011, a porcentaxe de traballadores no sector secundario era do 31%.
Destaca a industria da fabricación de taboleiro de madeira e de chapa de madeira pola presenza do Grupo Losán na vila.
Durante a primeira metade do século XX tivo grande importancia a industria téxtil pola presenza en Présaras da fábrica de tecidos La Arzuana, que funcionou de 1882 a 1962 e na que traballaron centos de persoas, a maioría mulleres.
Sector terciario O sector terciario empregaba no 2011 ao 42% dos traballadores de Vilasantar.
Deporte