Yu Hua (chinés tradicional: 余華; chinés simplificado: 余华; pinyin: Yú Huá), nado o 3 de abril de 1960, é un escritor, doutor e novelista de vangarda chinés.

Entre as súas obras, traducidas a máis de vinte idiomas, destacan Huozhe ("Vivir", 1993), Xu Sanguan mai xue ji ("Crónica dun mercador de sangue", 1995) e Xiongdi ("Irmáns", 2005). As dúas primeiras foron nomeadas entre as dez novelas máis influentes da década dos noventa segundo a crítica e os editores.

Traxectoria Yu Hua naceu en Hangzhou, na provincia de Zhejiang, aínda que a súa familia procede do condado de Gaotang, en Shandong. Ambos os dous pais eran médicos de profesión. Cando o autor contaba cun só ano de idade, a familia trasladouse a Haiyan. Na primaria e mais na secundaria, tivo que estudar as obras de Mao Zedong e de Lu Xun.

Logo de participar na Revolución Cultural, en 1977, suspendeu os exames de acceso á universidade. Posteriormente, ingresou na Escola de Medicina para iniciar os seus estudos. En marzo de 1978, foi asignado como dentista na cidade de Wuyuan.

En 1983, Yu Hua comezou a súa carreira como escritor. Nese mesmo ano, conseguiu un traslado ao Centro Cultural de Haiyan. En 1991, publicou a súa primeira novela longa, Zai xiyu zhong huhan ("Un berro no orballo"). Seguíronlle Huozhe en 1993 e Xu Sanguan mai xue ji en 1995.

En 2004, recibiu a Medalla da Orde das Artes e das Letras de Francia, xunto con Mo Yan e Li Rui. Ao ano seguinte, saíu do prelo a primeira parte de Xiongdi, seguida pola súa continuación ao ano seguinte. En 2011, publicou en Taiwán a seu ensaio Shi ge cihui li de Zhongguo ("A China en dez palabras"). En abril do mesmo ano, foi nomeado director emérito da Federación Chinesa das Letras e as Artes en Hangzhou.

As súas dúas últimas novelas son Di qi tian ("O sétimo día", 2013) e Wencheng (2021).

Obra Temas A obra de Yu Hua está fortemente influenciada pola Revolución Cultural, un período da historia recente da China moi presente na súa escrita. Os seus traballos contan con tramas psicolóxicas que exploran e ilustran os retos da desintegración cultural e a perda de identidade. Moitas das súas historias se sitúan en pequenas vilas durante o liderado de Mao Zedong, en épocas como a propia Revolución Cultural ou a guerra civil, aínda que tamén aparecen etapas da China posmaoísta.

A infancia é outro leitmotiv das súas novelas, sen por iso alixeirar a dureza da narrativa. De feito, o autor é coñecido polas súas brutais descricións da violencia, a crueldade e mais a morte, así como das "dificultades das clases baixas da China", como se pode comprobar en Xu Sanguan mai xue ji.

Malia ter imitado con anterioridade o estilo de Kafka, o escritor afirmou que "a esencia da escrita é liberarse a un mesmo; se os grandes mestres poden facelo, por que non poderiamos nós?". Así mesmo, adoita mesturar o tráxico co cómico.

Estilo O estilo de Yu Hua está influenciado polo realismo máxico e pola ficción chinesa premoderna. Así mesmo, é coñecido por empregar o humor negro na súa escrita. Na súa obra, abundan as referencias musicais, en especial á música clásica, que inspira tamén a estrutura da súa narrativa. Por exemplo, en Xu Sanguan mai xuan ji aplicou técnicas tomadas da ópera Yue. Ademais, adoita usar a repetición de palabras como recurso formal.

Premios V Premio de Literatura Zhuang Zhongwen (1992). Premio Grinzane Cavour (1998). Orde das Artes e das Letras de Francia (2004). Premio ao Mérito do Libro Chinés (2005). Premio Francés de Novela Estranxeira (2008). Premio Yasnaya Polyana á Mellor Obra Estranxeira (2022).

Publicacións Ensaio Shi ge cihui li de Zhongguo 十个词汇里的中国 ("A China en dez palabras", 2011).

Novelas Zai xiyu zhong huhan 在细雨中呼喊 ("Un berro no orballo", 1991). Huozhe 活着 ("Vivir", 1993). Xu Sanguan mai xue ji 许三观卖血记 ("Crónica dun mercador de sangue", 1995). Xiongdi 兄弟 ("Irmáns", 2005). Di qi tian 第七天 ("O sétimo día", 2013). Wencheng 文城 (2021).

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Obras de Yu Hua

Categoría:Escritores en lingua chinesa Categoría:Escritores da China Categoría:Nados en 1960