miniatura|Micrografía electrónica de varrido dun eritrocito, unha plaqueta e un leucocito. miniatura|Sangue humano fraccionado por centrifugación. Plasma (parte superior, capa amarela), tampón (no medio, capa branca delgada) e capa de eritrocitos (no fondo, capa vermella). miniatura|Circulación do sangue:Vermello = oxixenadoAzul = desoxixenado. O sangue é un fluído corporal dos animais que ten como función principal transportar nutrientes e oxíxeno ás células e os residuos metabólicos producidos polas células. En anatomía e histoloxía o sangue considérase un tipo especializado de tecido conectivo con matriz líquida (o plasma), dada a súa orixe nos ósos e a presenza de fibras proteicas en potencia en forma de fibrinóxeno. Os termos médicos relacionados co sangue xeralmente empezan por hemo ou hemato, do grego αἷμα (haima) 'sangue'.
Nos vertebrados, o sangue está composto por células sanguíneas suspendidas no plasma sanguíneo. O plasma, que constitúe o 55 % do fluído sanguíneo, é principalmente auga (92 % do seu volume), e contén proteínas dispersas, glicosa, ións minerais, hormonas, dióxido de carbono (e outros produtos residuais), e nel flotan as propias células sanguíneas. A albumina é a principal proteína do plasma, que funciona regulando a presión osmótica coloidal do sangue; o plasma tamén contén os anticorpos. As células sanguíneas constitúen o 45 % volume do sangue son de tres tipos: na súa maioría son glóbulos vermellos (tamén chamados eritrocitos ou hemacias), que transportan o oxíxeno, as outras son glóbulos brancos (leucocitos), que interveñen na defensa inmunitaria, e as plaquetas (ou trombocitos), que interveñen na coagulación do sangue. Os glóbulos vermellos conteñen a proteína hemoglobina, que contén ferro, e á que se une (reversiblemente) o oxíxeno que o sangue transporta, o que incrementa a capacidade de disolver oxíxeno do sangue. Ao contrario, o dióxido de carbono transpórtase extracelularmente na súa gran maioría disolvido libre no plasma en forma do ión bicarbonato.
Cando o sangue chega aos pulmóns prodúcese un intercambio de gases entre o sangue e o aire alveolar no que, por difusión, se expulsa dióxido de carbono e se capta oxíxeno. Deste modo, o sangue queda oxixenado e diríxese desde os pulmóns ao lado esquerdo do corazón. Despois sae do corazón pola aorta e o sangue oxixenado distribúese por medio de arterias e capilares por todo o corpo, onde as células consumirán o oxíxeno e cederán dióxido de carbono, de maneira que regresa ao corazón desoxixenado por veas e cargado de dióxido de carbono, desde onde é enviado aos pulmóns.
O sangue dos vertebrados é vermello brillante cando a súa hemoglobina está oxixenada e vermello escuro cando está desoxixenada. Algúns animais invertebrados teñen outras proteínas respiratorias distintas da hemoglobina, que transportan o oxíxeno e lle dan ao seu sangue outra cor. Os insectos e algúns moluscos teñen un fluído chamado hemolinfa en lugar de sangue; a hemolinfa non está contida dentro dun sistema circulatorio pechado. Na maioría dos insectos este "sangue" non transporta oxíxeno.
Os vertebrados con mandíbula teñen un sistema inmunitario adaptativo, baseado principalmente nas células brancas do sangue. Os glóbulos brancos interveñen na loita inmunitaria contra as infeccións e parasitos. As plaquetas son importantes para a coagulación do sangue. Os artrópodos na súa hemolinfa teñen hemocitos como parte do seu sistema inmunitario.
Funcións dereita|miniatura|Hemoglobina, unha proteína globularverde = grupo hemovermello e azul = subunidades da proteína. right|miniatura|Hemo. O sangue realiza moitas importantes funcións no corpo, como son: Subministración de oxíxeno aos tecidos (que se une á hemoglobina, a cal está dentro dos glóbulos vermellos). Subministración de nutrientes como a glicosa, aminoácidos, e ácidos graxos (disolvidos no sangue ou unidos a proteínas do plasma; por exemplo, os lípidos sanguíneos). Eliminación de residuos metabólicos como o dióxido de carbono, urea, e ácido láctico. Funcións inmunolóxicas, contén as células defensivas do corpo, que son os glóbulos brancos, que o sangue fai circular por todo o corpo, e distribución dos anticorpos, que neutralizan as substancias alleas. Coagulación, a resposta ante as hemorraxias, na que o sangue pasa do estado líquido ao dun xel semisólido que detén a hemorraxia. Funcións de mensaxeiro, como o transporte de hormonas e moléculas sinalizadoras dos tecidos lesionados. Regulación do pH corporal. Regulación da temperatura corporal. Funcións hidráulicas.
Constituíntes do sangue humano miniatura|Ilustración dos elementos figurados do sangue. miniatura|Dous tubos de sangue anticoagulado con EDTA. Tubo da esquerda: despois de esperar, os glóbulos vermellos sedimentaron no fondo do tubo. Tubo da dereita: contén sangue fresco recentemente extraído. O sangue supón o 7 % do peso do corpo humano, e ten unha densidade media duns 1060 kg/m3, moi próxima á da auga pura, que é 1000 kg/m3. Un adulto medio ten un volume sanguíneo de aproximadamente 5 litros de sangue, o cal está composto de plasma e varios tipos de células. Estas células sanguíneas, que se denominan corpúsculos ou "elementos formes" ou "elementos figurados" constan de eritrocitos (glóbulos vermellos do sangue), leucocitos (glóbulos brancos do sangue, dos que hai varios tipos), e trombocitos (plaquetas). Por volume, os glóbulos vermellos constitúen un 45 % do sangue total, o plasma o 54,3 %, e os glóbulos vermellos o 0,7 %.
O sangue completo (plasma e células) mostra unha dinámica de fluídos non newtoniana; as súas propiedades de fluxo están adaptadas a fluír eficazmente por diminutos capilares con menos resistencia có propio plasma considerado por separado. Ademais, se toda a hemoglobina humana estivese flotando libre no plasma (en lugar de estar toda dentro dos glóbulos vermellos), o fluído circulatorio sería demasiado viscoso para que o sistema cardiovascular puidese funcionar eficazmente.
Células Un microlitro de sangue humano contén: De 4,7 a 6,1 millóns (en homes), ou de 4,2 a 5,4 millóns (en mulleres) de glóbulos vermellos: Os glóbulos vermellos, eritrocitos ou hemacias conteñen a hemoglobina do sangue e distribúen o oxíxeno. Os glóbulos vermellos maduros carecen de núcleo e orgánulos nos mamíferos. Os glóbulos vermellos (xunto coas células endoteliais dos vasos sanguíneos e outras células) están tamén marcados por glicoproteínas que definen os grupos sanguíneos. A proporción de sangue ocupada polos glóbulos vermellos denomínase hematócrito, e é normalmente do 45 %. A área superficial combinadas de todos os glóbulos vermellos do corpo humano sería aproximadamente 2.000 veces maior que a superficie exterior do corpo. De 4.000 a 11.000 leucocitos: Os glóbulos brancos do sangue ou leucocitos forman parte do sistema inmunitario humano; destrúen e eliminan as células vellas e anormais e os refugallos celulares, e atacan aos axentes infecciosos (patóxenos) e substancias estrañas ao organismo. O cancro de leucocitos denomínase leucemia. De 200.000 a 500.000 trombocitos: Tamén se chaman plaquetas, e toman parte na coagulación do sangue. A proteína fibrina da fervenza de coagulación crea un rede sobre o tapón de plaquetas na zona de coagulación. En realidade, as plaquetas non son células completas, senón que se orixinan como fragmentos de células máis grandes (os megacariocitos da medula ósea).
+ Constitución do sangue normalParámetroValor Hematócrito 45 ± 7 (38–52 %) en homes 42 ± 5 (37–47 %) en mulleres pH 7,35–7,45 Exceso de base −3 a +3 PO2 10–13 kPa (80–100 mm Hg) PCO2 4,8–5,8 kPa (35–45 mm Hg) HCO3− 21–27 mM Saturación de oxíxeno Oxixenado: 98–99 %Desoxixenado: 75 %
Plasma
Aproximadamente o 55 % do volume sanguíneo é plasma sanguíneo, un fluído que é o medio líquido do sangue, que cando está só ten unha cor amarelada. O volume do plasma sanguíneo chega a 2,7–3,0 litros nun humano medio. É esencialmente unha solución acuosa que contén un 92 % de auga, un 8 % de proteínas do plasma sanguíneo, e cantidades traza doutros materiais. O plasma circulante leva disolvidos nutrientes, como glicosa, aminoácidos, e ácidos graxos (disolvidos no sangue ou unidos a proteínas plasmáticas), e retira os produtos residuais, como dióxido de carbono, urea, e ácido láctico.
Outros importantes compoñentes son: A proteína albumina sérica Factores de coagulación do sangue (que facilitan a coagulación). Inmunoglobulinas (anticorpo)s. Partículas de lipoproteínas. Outras proteínas. Varios electrólitos (principalmente sodio e cloruro).
Cando ao plasma se lle retiran as proteínas de coagulación denomínase soro sanguíneo. A maioría das proteínas que quedan no soro son a albumina e as inmunoglobulinas.
Estreito rango de valores de pH
O pH do sangue está regulado para permanecer nun intervalo estreito entre 7,35 e 7,45, o que fai que sexa lixeiramente básico.Merck Manual - Acid-Base Regulation and Disorders Cando o sangue ten un pH por debaixo de 7,35 é demasiado ácido, mentres que por riba de 7,45 é demasiado básico. O pH do sangue, a presión parcial de oxíxeno (pO2), a presión parcial de dióxido de carbono (pCO2), e de HCO3− están regulados coidadosamente por varios mecanismos homeostáticos, que exercen a súa influencia principalmente por medio do sistema respiratorio e o sistema urinario para controlar o equilibrio ácido-básico e a respiración. Unha proba de gasometría arterial pode medir estes valores. Polo plasma tamén circulan hormonas que transmiten a súa mensaxe a diversos tecidos do corpo. A lista de rangos de referencia para os diversos electrólitos do sangue é extensa.
O sangue dos vertebrados non mamíferos miniatura|Os tipos de glóbulos vermellos de vertebrados medidos en micrómetros. miniatura|dereita|Glóblols vermellos de ra a un aumento de 1000x. miniatura|dereita|Glóbulos vermellos de tartaruga a un aumento de 1000x. miniatura|dereita|Glóbulos vermellos de polo a un aumento de 1000x. miniatura|dereita|Glóbulos vermellos humanos a un aumento de 1000x.
O sangue humano ten as características típicas do sangue de mamífero, aínda que os detalles precisos en canto aos números de células, tamaños, estrutura das proteínas etc. varían algo entre especies. Porén, en vertebrados non mamíferos hai algunhas diferenzas importantes: Os glóbulos vermellos dos vertebrados non mamíferos son aplanados e ovoides, e manteñen o seu núcleo celular cando son maduros. Hai unha variación considerable nos tipos e proporcións dos glóbulos brancos; por exemplo, os acidófilos son xeralmente máis comúns que nos humanos. As plaquetas (que se orixinan como fragmentos celulares sen núcleo) son exclusivas dos mamíferos; noutros vertebrados o que hai son trombocitos pequenos, nucleados e fusiformes, que son os responsables da coagulación.
Fisioloxía Sistema cardiovascular miniatura|A circulación do sangue no corazón humano.