En bioloxía, Archezoa (arquezoos) é un termo que foi introducido por varios autores para referirse a un grupo (taxon) de organismos eucariotas primitivos. Entre os autores que foron partidarios deste taxon están no século XIX Josef Anton Maximilian Perty,Perty, M. 1852. Zur Kenntnis kleinster Lebensformen nach Bau, Funktionen, Systematik, mit Spezialverzeichniss der in der Schweiz beobachteten. Jent & Reinert, Bern e Ernst HaeckelHaeckel, E. 1866. Generelle Morphologie der Organismen Vols I and II. Reimer. e no século XX Thomas Cavalier-Smith, que o utilizou no seu sistema de clasificación. Cada autor utilizou o termo para referirse a distintos conxuntos de organismos. Esta reutilización por autores posteriores do mesmo nome de taxon, incluíndo nel distintos grupos de organismos, é moi criticado en taxonomía porque a inclusión do nome nunha frase (por exemplo, "os Archezoa non teñen órganos olfactorios") non é útil a non ser que se especifique o uso particular (por exemplo, "os Archezoa sensu Cavalier-Smith (1987) non teñen órganos olfactorios"). Non obstante, todos os usos de 'Archezoa' son agora obsoletos, xa que o termo non se utiliza nas clasificacións modernas.
Archezoa sensu Cavalier-Smith (1987) Thomas Cavalier-Smith propuxo o termo 'Archezoa' para aplicalo a un territorio parafilético de eucariotas que primitivamente carecían de mitocondrias. Como Margulis e outros antes (ver Pelomyxa), Cavalier-Smith argumentou que o antepasado inicial dos eucariotas xurdiu antes da adquisición endosimbiótica de mitocondrias. Outros autores denominaban a ese mesmo territorio parafilético "Hypochondria". O argumento para establecer os Archezoa sensu Cavalier-Smith nunca foi universalmene aceptado debido á conflitiva información da que se foi dispoñendo, e foi abandonado cando se fixo dominante o argmento contrario, é dicir, que os amitocondriados eran descendentes de eucariotas con mitocondrias, as cales perderon despois secundariamente.
Os eucariotas que finalmente adquiriron un endosimbionte bacteriano que se converteu nas mitocondrias formaban un grupo taxonómico que foi denominado por Cavalier-Smith Metakaryota, mentres que os Archezoa representaban un grupo parafilético anterior no cal Cavalier-Smith variadamente foi situando as diplomónadas, Entamoeba, os microsporidios, oximónadas, parabasálidos, pelobiontes, retortamónadas, tricomónadas e Trimastix (ver sistema de clasificación de Cavalier-Smith). Co rexeitamento do uso de "Archeozoa" en zooloxía, o significado do termo "Metakaryota" pasou a ser o mesmo que o de "Eukaryota", polo que se converteu nun termo superfluo.
Perda das mitocondrias orixinais Descubriuse que os protistas eucariotas que carecen de mitocondrias experimentaron unha perda secundaria das mitocondrias, o que significa que os seus devanceiros algunha vez posuíron mitocondrias pero que estas mitocondrias co tempo foron tansformadas, reducidas ou perdidas. Nalúns destes organismos, as mitocondrias degradáronse ata ser orgánulos de dobre membrana máis simples coñecidos como mitosomas e hidroxenosomas. Algúns destes dous tipos de orgánulos perderon totalmente o seu xenoma.
En descubrimentos iniciais atopouse que os organismos amitocondriados parecían expresar as proteínas mitocondriais Hsp60 e Hsp70 no ADN nuclear do organismo. Isto indicaba que os antepasados deses organismos posuíron nalgún momento mitocondrias que expresaban esas proteínas, mais despois eses xenes acabaron migrando ao ADN nuclear como resultado de transferencias de xenes endosimbióticas.
Como resultado, quedou refutado o argumento de que algúns eucariotas existentes carentes de mitocondrias xurdiran a partir da liñaxe eucariota antes de que esta adquirise as mitocondrias.
Atracción das ramas longas
Un argumento a prol do grupo Archezoa era que os protistas amitocondriados parecían orixinarse como unha rama temperá da liñaxe eucariota nas análises filoxenéticas. Isto corroboraba a suposición de que os Archezoa estaban máis estreitamente ligados a eucariotas primitivos que evolucionaran antes de que o proceso endosimbiótico xerase as mitocondrias. Porén, esta diverencia temperá resultou ser unha clase de erros sistemáticos típicos das análises filoxenéticas chamada "atracción das ramas longas".
Notas
Categoría:Grupos taxonómicos obsoletos Categoría:Teorías científicas obsoletas Categoría:Mitocondrias Categoría:Taxonomía