Este artigo trata sobre o xénero. Para o organismo modelo ver Arabidopsis thaliana.

Arabidopsis é un xénero de plantas da familia Brassicaceae. Son pequenas plantas con flores relacionadas coas verzas e a mostaza. Este xénero ten grande interese porque contén a especie Arabidopsis thaliana, un dos organismos modelo usados para estudar a bioloxía das plantas e a primeira planta da que se secuenciou o xenoma completo. Os cambios en A. thaliana son doadamente observables, o que a fai un modelo moi útil.

Status Actualmente, o xénero Arabidopsis ten nove especies e outras oito especies máis adicionais recoñecidas. Esta delimitación é bastante recente e está baseada en filoxenias morfolóxicas e moleculares feitas por O'Kane e Al-Shehbaz e outros.

Os seus descubrimentos confirman que as especies anteriormente incluídas en Arabidopsis facían que o xénero fose polifilético. A reclasificación máis recente incorporou ao xénero Arabidopsis dúas especies antes situadas en Cardaminopsis e Hylandra e tres especies antes en Arabis, pero excluíu do xénero 50 especies que foron trasladadas aos novos xéneros Beringia, Crucihimalaya, Ianhedgea, Olimarabidopsis e Pseudoarabidopsis.

Todas as especies de Arabidopsis son indíxenas de Europa, mentres que dúas das especies teñen áreas de distribución máis amplas, estendéndose por América do Norte e Asia.

Nas últimas décadas, Arabidopsis thaliana espertou moito interese científico como organismo modelo para a investigación de numerosos aspectos da bioloxía das plantas. The Arabidopsis Information Resource (TAIR) é unha fonte de información curada en liña sobre a investigación biolóxica e xenética de Arabidopsis thaliana e The Arabidopsis Book é unha compilación en liña de capítulos sobre a bioloxía de Arabidopsis thaliana. (Nótese que a partir de 2013 deixaron de publicarse novos capítulos.) En Europa, o centro de recursos de organismos modelo para o xermoplasma de Arabidopsis thaliana, e fontes bioinformáticas e de bioloxía molecular (incluíndo GeneChips) é o Nottingham Arabidopsis Stock Centre (NASC), mentes que en América do Norte os servizos de xermoplasma proporciónaos o Arabidopsis Biological Resource Center (ABRC) con sede na Universidade de Ohio. O sistema de ordenación do ABRC foi incorporado na base de datos TAIR en xuño de 2001, mentres que o NASC desde o principio (ano 1991) ten o seu propio sistema de ordenación e buscador de xenomas.

En 1982, a tripulación da estación esacial soviética Salyut 7 cultivou alí algunhas Arabidopsis, que foron as primeiras plantas que floreceron e produciron sementes no espazo. Viviron durante 40 días. As sementes de Arabidopsis thaliana leváronse á Lúa na nave de aterraxe Chang'e 4 en 2019, como parte dun experimento para estudantes. En maio de 2022 Arabidopsis thaliana cultivouse con éxito en mostras de terra lunar (regolito) traídas á Terra.

Arabidopsis é bastante similar ao xénero Boechera.

Lista de especies e subespecies Arabidopsis arenicola (Richardson ex Hook.) Al-Shehbaz, Elven, D.F. Murray & S.I. Warwick (Groenlandia, Labrador, Nunavut, Québec, Ontario, Manitoba, Saskatchewan). Arabidopsis arenosa (L.) Lawalrée A. arenosa subsp. arenosa (Europa: nativa en Austria, Belarús, Bosnia-Herzegovina, Bulgaria, Croacia, República Checa, nordés de Francia, Alemaña, Hungría, norte de Italia, Letonia, Lituania, Macedonia, Polonia, Romanía, Eslovaquia, Eslovenia, Suíza e Ucraína; naturalizada en Bélxica, Dinamarca, Estonia, Finlandia, os Países Baixos, Noruega, Rusia e oeste de Siberia e Suecia; ausente en Albania, Grecia, centro e sur de Italia e Turquía). A. arenosa subsp. borbasii (leste de Bélxica, Repúblic Checa, noroeste de Francia, Alemaña, Hungría, Polonia, Romanía, Eslovaquia, Suíza, Ucraína, e presenza dubidosa en Dinamarca). Arabidopsis cebennensis (DC.) (sueste de Francia). Arabidopsis croatica (Schott) (Bosnia, Croacia). Arabidopsis halleri (L.). A. halleri subsp. halleri (Austria, Croacia, República Checa, Alemaña, norte e centro de Italia, Polonia, Romanía, Eslovaquia, Eslovenia, Suíza e sur de Ucraína. Probablemente introducida no norte de Francia e extinta en Bélxica). A. halleri subsp. ovirensis (Wulfen) (Albania, Austria, nordés de Italia, Romanía, Eslovaquia, Eslovenia, suroeste de Ucraína, antiga Iugoslavia) A. halleri subsp. gemmifera (Matsumura) (leste distante ruso, noroeste da China, Corea, Xapón e Taiwan). Arabidopsis lyrata (L.) O'Kane & Al-Shehbaz. A. lyrata subsp. lyrata (noroeste da Rusia europea, Alasca, Canadá (Ontario e ao oeste ata a Columbia Británica), e no sueste e centro dos Estados Unidos (de Vermont ao sur ata Xeorxia e Mississippi cara ao norte ata Missouri e Minnesota)). A. lyrata subsp. petraea (Linnaeus) O'Kane & Al-Shehbaz (Austria, República Checa, Inglaterra, Alemaña, Hungría, Islandia, Irlanda, norte de Italia, Noruega, Rusia (noroeste de Rusia, Siberia e leste distante), Escocia, Suecia, Ucraína, América do Norte boreal (Alasca e Yukón). Aparentemente extinta en Polonia). A. lyrata subsp. kamchatica (Fischer ex D.C.) O'Kane & Al-Shehbaz (Alasca boreal, Canadá (Yukón, distrito de Mackenzie, Columbia Británica, norte de Saskatchewan), illas Aleutianas, leste de Siberia, o leste distante ruso, Corea, norte da China, Xapón e Taiwan). Arabidopsis neglecta (Schult.) (Cárpatos (Polonia, Romanía, Eslovaquia e zonas adxacentes de Ucraína)). Arabidopsis pedemontana (Boiss.) (noroeste de Italia e probablemente extinta na zona adxacente do suroeste de Suíza). Arabidopsis suecica (Fries) Norrlin (Fennoscandinavia e a rexión Báltica). Arabidopsis thaliana (L.) Heynh. (área nativa case toda Europa ata Asia central, agora naturalizada por todo o mundo).

Especies reclasificadas

As seguintes especies, que antes estaban incluídas dentro de Arabidopsis, actualmente non se consideran parte deste xénero:

Citoxenética

A análise citoxenética mostrou que o número haploide de cromosomas (n) varía entre as especies do xénero e dentro dunha mesma especie:

A. thaliana é n=5 e a secuenciación do ADN desta especie completouse en 2001. A. lyrata ten n=8, pero algunhas subespecies ou poboacións son tetraploides. Varias subspecies de A. arenosa teñen n=8, pero poden ser 2n (diploides) ou 4n (tetraploides). A. suecica é n=13 (5+8) e é unha especie anfidiploide orixinada por hibridación entre A. thaliana e a A. arenosa diploide.

A. neglecta é n=8, como tamén o son varias subespecies de A. halleri.

En 2005, A. cebennensis, A. croatica e A. pedemontana non foran aínda investigadas citoloxicamente.

Notas

Bibliografía Al-Shehbaz, I. A., O'Kane, Steve L. (2002). Taxonomy and Phylogeny of Arabidopsis (Brassicaceae). The Arabidopsis Book: 1-22. Ceccato, Luca; Masiero, Simona; Sinha Roy, Dola; Bencivenga, Stefano; Roig-Villanova, Irma; Ditengou, Franck Anicet; Palme, Klaus; Simon, Rüdiger; Colombo, Lucia (2013-06-17). Grebe, Markus (ed.). "Maternal Control of PIN1 Is Required for Female Gametophyte Development in Arabidopsis". PLoS ONE. 8 (6): e66148. doi:10.1371/journal.pone.0066148. ISSN 1932-6203. PMC 3684594. PMID 23799075. O'Kane Jr, S. L., i Al-Shehbaz, I. A. (1997). A synopsis of Arabidopsis (Brassicaceae): Novon 7: 323–327. O'Kane Jr, S. L., i Al-Shehbaz, I. A. (2003). Phylogenetic position and generic limits of Arabidopsis (Brassicaceae) based on sequences of nuclear ribosomal DNA: Annals of the Missouri Botanical Garden 90 (4): 603–612. (Nótese que en 2013 o ASPB decidiu deixar de publicar novos capítulos.)

Categoría:Brassicaceae