Angkor Wat (en lingua khmer ou Ângkôr Vôtt, traducido como Cidade templo ou Cidade de templos) é un templo khmer, situado no sitio arqueolóxico de Angkor, en Camboxa, preto da cidade de Siem Reap. Trátase do templo máis grande e mellor conservado dos que integran o complexo de Angkor. Está considerado como a maior estrutura relixiosa xamais construída, e un dos tesouros arqueolóxicos máis importantes do mundo. Consonte o Libro Guinness dos Récords é o meirande sitio relixioso do mundo. É o lugar do país máis visitado polos turistas anualmente, cuns 800 000 visitantes por ano. Foi fundado orixinalmente como templo hindú para o Imperio Khmer, mais gradualmente transformado nun templo budista cara ao final do século XII.
Situado a 5,5 km ao norte da actual Siem Reap, na provincia homónima de Camboxa, Angkor Wat forma parte do complexo de templos construídos na zona de Angkor, a antiga capital do Imperio Khmer durante a súa época de esplendor, entre os séculos IX e XV. Angkor abrangue unha extensión en torno a 200 km², aínda que recentes investigación falan dunha posible extensión de 3 000 km² e unha poboación de ata medio millón de habitantes. O templo ten a forma dun rectángulo, cunha lonxitude aproximada de 1,5 km de oeste a leste e 1,3 km de norte a sur. No interior do foso que circunda completamente o muro perimetral de 3,6 km hai tres galerías rectangulares, construídas unha sobre outra. No centro do templo levántanse cinco torres. Angkor Wat contén dúas principais características da arquitectura camboxana: o templo outeiro que se ergue no interior dun foxo e que simboliza o Meru (a montaña dos deuses na relixión hindú, de feito o templo está consagrado a Vishnu), e os sucesivos templos de galería.
Dende a súa construción a principios do século XII e ata o traslado da sede real ao próximo Bayon, a finais do mesmo século, Angkor Wat foi o centro político e relixioso do imperio. O recinto —entre cuxos muros calculouse que vivían 20 000 persoas—, cumpría as funcións de templo principal, e albergaba ademais o palacio real. Outras hipóteses apuntan a que tamén serviu de mausoleo, un lugar onde o rei podería ser venerado despois da morte, xa que a entrada principal está situada no oeste, como nos templos funerarios hindús.
O templo consta de tres recintos rectangulares concéntricos de altura crecente, rodeados por un lago perimetral de 3,6 km de lonxitude e dunha anchura de 200 m. No recinto interior érguense cinco torres en forma de loto, acadando a torre central unha altura de 42 m sobre o santuario, e 65 m sobre o nivel do chan.
Angkor Wat converteuse nun símbolo de Camboxa, ata o punto de figurar na bandeira do país. O 14 de decembro de 1992 foi declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade.
Nome O nome moderno, Angkor Wat, significa «Cidade do templo» ou «Cidade de templos» en lingua khmer. A palabra Angkor vén do camboxano នគរ Nokor, e esta á súa vez da voz sánscrita Nagara (नगर), que significa «capital». Por outra banda, a palabra Wat é de orixe khmer e tradúcese como «templo» ou «terra de templos», derivada da palabra pali vatta (वत्त). O nome de Angkor Wat é en todo caso posterior á súa creación, pois orixinalmente recibiu o nome de Preah Pisnulok (Vara Vishnuloka en sánscrito); nome póstumo do seu fundador Suryavarman II.
Historia miniatura|Baixorrelevo do rei Suryavarman II en Angkor Wat. Angkor Wat é o máximo expoñente da arquitectura do Imperio Khmer, cuxos primeiros templos se remontan ao século VI. O xigantesco monte-templo foi feito construír polo monarca Suryavarman II, quen reinou dende o ano 1113 ata o 1150. Suryavarman II alcanzou o poder logo de asasinar o daquela rei Dharanindravarman, saltando sobre el mentres o monarca paseaba no seu elefante, polo que algúns historiadores opinan que as colosais dimensións deste templo están motivadas en parte polo desexo de contrarrestar a aparente ilexitimidade do seu reinado.
Segundo conta a lenda, o rei quixo situar o templo nun lugar do agrado dos deuses, polo cal soltou un boi na chaira e decidiu construír o templo no lugar onde se deitase. Sexa certa a lenda ou non, Suryavarman II estableceu o templo xunto á antiga cidade de Yashodharapura (que en sánscrito significa «cidade sagrada»), situada a escasos quilómetros da actual cidade de Siem Reap, e ao igual que os seus predecesores, dispuxo o palacio dentro do recinto amurallado do complexo. Os traballos no templo interrompéronse á morte do rei e non foron continuados, polo que a construción do complexo durou unicamente 37 anos.
En 1177 Angkor foi saqueada polos cham, un pobo localizado no actual Vietnam e inimigo tradicional dos khmer. Poucos anos despois, coa chegada do rei Jayavarman VII expulsouse os invasores e ampliáronse as fronteiras do imperio. Este importante rei, cuxo reinado se estendeu desde o 1181 ata o 1220, abandonou o hinduísmo e converteuse ao budismo da rama Mahāyāna, establecendo a nova capital no próximo Angkor Thom, con Bayon como novo templo.
A finais do século XIII, o rei Jayavarman VIII retornou ás crenzas hinduístas, destruíndo parte do legado de Jayavarman VII e mellorando algúns templos hinduístas, incluído Angkor Wat. A Jayavarman VIII sucedeulle Srindravarman en 1295: este novo rei, que nos anos anteriores fora ordenado monxe budista en Sri Lanka, cambiou novamente a relixión do imperio cara ao budismo, aínda que adoptando esta vez as crenzas da rama Theravāda. Entre os séculos XIV e XV, o Imperio Khmer viu chegar dende Sri Lanka os primeiros monxes budistas Theravadas, que transformarían os templos para a nova relixión. Foi nese tempo cando o templo de Angkor Wat se remodelou para adaptarse ao culto budista Theravāda, feitos que sucederon pouco antes do abandono final de Angkor.
miniatura|esquerda|150px|Os monxes de Angkor Wat foron os únicos que permaneceron durante os séculos do abandono. A pesar da decadencia do imperio e o abandono dos templos durante os séculos seguintes, os monxes budistas permaneceron en Angkor Wat ata que os franceses o redescubriron. Nas galerías do Preah Poan —unha galería cruciforme que serve de entrada ao terceiro recinto do templo— encontráronse estatuas de Buda de madeira, pedra e metal. Algunhas destas esculturas están datadas entre os séculos XVI e XVIII, o que confirma que o templo de Angkor, ao contrario que outros da zona, nunca foi abandonado. Tamén a aparición de inscricións en linguas como a birmana ou a xaponesa permiten inferir a repercusión que tivo o templo fora das fronteiras camboxanas.
Non se coñecen con certeza as razóns polas que Angkor foi abandonada: unha das máis probables foi a decadencia do Imperio Khmer, principalmente a causa das incursións mongois (1283) e siamesas (entre 1369 e 1431), que evidenciaron a excesiva proximidade da capital respecto aos invasores, polo que os gobernantes puideron determinar a busca dun sitio máis seguro ao sur do lago Tonlé Sap, nas zonas próximas ás actuais cidades de Nom Pen e Udong. Ademais, a proximidade destas novas localizacións ao delta e ao Mar da China Meridional dotábaos dunha mellor situación estratéxica para o comercio e o intercambio marítimo, tan importante nunha rexión onde o transporte por terra practicamente se interrompía na época de choivas. Arguméntase tamén a posibilidade de epidemias ou fames (motivadas quizais pola pequena Idade do xeo experimentada na Idade Media), que obrigaran á monarquía a mover o seu trono cara ao sur. En calquera caso, Angkor foi abandonada no ano 1432, e a nova capital estableceuse en Lovek, cerca da actual Phnom Penh.
Non obstante, Angkor foi novamente habitada na segunda metade do século XVI: no ano 1550, o rei Ang Chan (1516–1566) trasladouse a Angkor Thom, aínda que mantivo a capital en Lovek, e uns anos despois, en 1576, o rei Satha trasladou de novo a corte a Angkor. Como consecuencia diso realizáronse diversas tarefas de restauración en Angkor Wat, das que queda constancia nunha inscrición do ano 1577. Non obstante, esta nova ocupación de Angkor durou pouco, pois en 1594 os siameses conquistaron o feble imperio camboxano, e Angkor foi abandonada definitivamente.
Descubrimento en occidente miniatura|Fotografía de Angkor, tomada en 1866 por Emile Gsell. Logo do seu abandono a finais do século XVI, Angkor foi sepultada pola selva, coa única excepción do templo de Angkor Wat, que permaneceu habitado por monxes budistas.
Aínda persiste a lenda de que Angkor Wat caeu no esquecemento ata que foi redescuberto a finais do século XIX polo naturalista francés Henri Mouhot, quen se topou co templo accidentalmente mentres cazaba bolboretas. Esta historia é un mito, pois Mouhot non foi o primeiro occidental en visitar o templo, e este nunca foi completamente abandonado, permanecendo na memoria colectiva do pobo khmer e mesmo transcendendo as fronteiras do seu imperio. A primeira visita documentada dun occidental a Angkor Wat tivo lugar no ano 1586, e foi realizada polo frade capuchino portugués António da Madalena. As impresións do frade foron recollidas por un funcionario e historiador portugués chamado Diogo do Couto, quen as deixaría por escrito:
miniatura|O plano máis antigo conservado de Angkor Wat (século XVII). Tras esta visita, outros pioneiros europeos, especialmente españois e portugueses, continuaron a visitar as ruínas, aínda que sen obter demasiada repercusión pública. Tamén hai constancia dunha carta de 1668 na que un frade francés de nome Chevreul menciona o lugar. O templo tamén recibiu visitas de oriente: o mapa máis antigo de Angkor Wat está datado entre 1623 e 1636, e é obra dun peregrino xaponés de nome Kenryo Shimano.
En 1857, o misioneiro francés Charles Emile Bouillevaux foi o primeiro en deixar constancia «moderna» da visita dun occidental a Angkor Wat, ao publicar no seu libro Voyage dans l'Indo-Chine 1848–1856, unha breve recensión sobre a visita realizada ao templo no ano 1850. Mais non foi senón ata uns anos despois, en 1860, cando un compatriota seu, o naturalista e explorador Henri Mouhot, conseguiu por fin atraer a atención popular cara a Angkor. Logo dunha viaxe financiada pola Royal Geographical Society e a Zoological Society of London, os debuxos e a apaixonada descrición do templo rexistrados nos cadernos de viaxe deste naturalista foron publicados postumamente en París en 1868, co nome de Voyage dans les royaumes de Siam, de Cambodge et de Laos (Viaxe aos reinos de Siam, Camboxa e Laos). Nas súas observacións, o francés exaltaba a beleza e magnificencia do templo:
No ano 1863, entre a visita de Mouhot e a publicación dos seus cadernos de viaxe, Camboxa converteuse en protectorado francés, e varios grupos de exploradores chegaron a Angkor: un dos primeiros foi o fotógrafo escocés John Thomson, que traballou tamén para a Royal Geographical Society, e que despois de ler as crónicas de Mouhot decidiu visitar Angkor. En 1866 realizou unha serie de cincuenta fotografías, especialmente de Angkor Wat, que se publicaron un ano despois. Estas fotos, xunto co libro de Mouhot, lanzaron definitivamente á fama o templo de Angkor Wat, mentres o número de viaxeiros e exploradores que chegaban a Angkor seguiu en aumento.
Restauración miniatura|300px|Vista aérea do complexo en 2005.