Małgorzata Banaś (nada como Ludwika Banaś; nome relixioso: Maria Małgorzata do Sagrado Corazón de Xesús na Agonía de Xetsemaní), nada o 10 de abril de 1896 en Klecza Dolna (entón no Reino de Galicia e Lodomeria) e finada o 26 de abril de 1966 en Navahrudak (RSS de Belarús), foi unha monxa da Congregación de Irmás da Sagrada Familia de Nazaret e declarada venerable pola Igrexa católica.

Traxectoria Cando era nova, tomou contacto coa súa futura congregación traballando no hospital de Klecza Dolna. Ao comezar o seu noviciado tomou o nome de "Maria Małgorzata", e ao facer os votos perpetuos, de acordo coa tradición da Congregación, engadiu ao seu nome o misterio do Sagrado Corazón de Xesús na agonía de Xetsemaní.

O 31 de xullo de 1943 a Gestapo ordenoulle á irmá Adela Mardosewicz (a irmá Maria Stella) e ao resto de compañeiras presentarse no posto de policía. De camiño á comisaría cruzáronse coa irmá Małgorzata, quen volvía de traballar no hospital e non vestía os hábitos; a irmá Stella enviouna ao convento co encargo de coidar do párroco e da parroquia. Ao día seguinte, o 1 de agosto de 1943, as once irmás detidas foron levadas a un bosque próximo, onde foron fusiladas e enterradas nunha fosa común. Logo dun tempo, Małgorzata Banaś, coa axuda da poboación local, atopou a tumba das irmás no bosque; decidiu entón coidala até que se puidesen trasladar os corpos das súas irmás ao cemiterio parroquial.

Durante o período comunista, Małgorzata Banaś viviu na sacristía da igrexa parroquial, e seguiu a preparar os nenos para os sacramentos. Cando o párroco tiña que permanecer agochado por seguridade, Maria Małgorzata coidaba da presenza da Eucaristía no templo, e axudaba á xente a manter o seu espírito relixioso, reunindo aos fieis para rezar, decorando o altar, dirixindo os servizos relixiosos, e organizando axuda material e espiritual para os sacerdotes e laicos enviados a Siberia; por este motivo os residentes de Navahrudak chamábana a Gardiá do Tabernáculo.

Durante estes anos, mantivo correspondencia coas autoridades da súa congregación, localizadas en Hrodna. Finou logo dunha enfermidade en Navahrudak, o 26 de abril de 1966.

Culto O seu proceso de beatificación comezou en Hrodna, mais trasladouse en 2002 á Varsovia. O 19 de febreiro de 2003 comezou a fase de investigación diocesana, finalizada o 8 de marzo do ano seguinte. O 13 de decembro de 2021 o papa Francisco aprobou o decreto das súas virtudes heroicas, pasando a ser considerada como "venerable".

Notas

Categoría:Nados en 1896

Categoría:Nados no condado de Wadowice Categoría:Finados en 1966 Categoría:Relixiosos católicos de Belarús Categoría:Venerados pola Igrexa católica