Antón Luís Santamarina Fernández, nado en San Martín de Suarna (A Fonsagrada) o 18 de febreiro de 1942, é un lingüista galego, catedrático de filoloxía románica na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega. É un experto en lexicografía recoñecido internacionalmente.

Traxectoria En 1967 graduouse en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela coa memoria de licenciatura Vocabulario del Valle del Suarna, e doutorouse en 1973 coa tese El habla del valle de Suarna, dirixida polo profesor Constantino García, sobre os dialectos orientais do galego e en concreto da lingua falada en San Martín de Suarna.

Profesor adxunto interino desde 1967VV.AA. (2008). Cada palabra pesaba, cada palabra medía: homenaxe a Antón Santamarina. Universidade de Santiago de Compostela, páx. 20., compaxinou o cargo de profesor da Universidade de Santiago, por oposición desde 1975, co de secretario do Instituto da Lingua Galega entre 1971 e 1991. En 1991 foi elixido polo consello científico director do Instituto da Lingua Galega, deixando este cargo no 2005.

Foi tamén secretario do departamento de Lingua Galega na Xunta preautonómica en 1979, cargo que lle permitiu comezar coa implantación do ensino do galego na EXB e o BUP. Desde 1979 é secretario da Comisión de Toponimia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

En 1983 gañou a cátedra de Filoloxía Románica en Cádiz pero permaneceu na Universidade de Santiago, obtendo a cátedra nesta en setembro dese mesmo ano. Entre 1992 e 1997 foi vicepresidente do Consello da Cultura Galega.

O 24 de outubro de 1998 ingresou na Real Academia Galega co discurso A linguaxe e as linguas: Ramón Piñeiro revisitado ós 30 anos do seu ingreso na Real Academia Galega. Foi presentado por Marino Dónega Rozas e Carlos Casares Mouriño.

Foi codirector, con Manuel González González, do Dicionario da Real Academia Galega do 2012.

Vida persoal

Casou con María do Carmo Ríos Panisse, e foi pai de Cibrán e Duarte Santamarina Ríos.

Obra miniatura|175px|Cántigas populares, BBdCG. Xa en 1971, xunto a Guillermo Rojo, Ramón Lorenzo e José Luis Couceiro, publicou os libros de texto Galego 1, 2 e 3 (1971-1974). Neste último ano comezou a dirixi-la revista Verba. Anuario galego de Filoloxía, desde o primeiro número ata o nº 13, en 1986, data na que pasou a se-lo Secretario desta publicación.

Participou en numerosas obras colectivas fundamentais na fixación do estándar e na pescuda lexicográfica e etnolingüística galega. Así, participou na elaboración da primeira edición das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982); coescribiu o Cancioneiro popular galego que elaborou con Dorothé SchubarthCancioneiro Popular Galego (Fundación Barrié); colaborou e dirixiu o Atlas lingüístico galego (1987-2003); coordinou, xunto a Constantino García, o Diccionario da lingua galega editado pola Real Academia Galega-Instituto da Lingua Galega (1990); e foi coordinador, xunto a Manuel González González, do Vocabulario ortográfico da lingua galega , editado tamén pola Real Academia Galega-Instituto da Lingua Galega en 2004 Sen esquecer a súa dirección na versión anterior do VOLGa, inédita e que circulara anos atrás como fotocopia en mans de tódolos que traballaban na lingüística en Galicia..

Desde 1986 dirixe desde o ILG o Tesouro Informatizado da Lingua Galega, unha base de datos con máis de once millóns (11 409 358 en novembro de 2007) de rexistros extraídos de textos publicados desde 1612 á actualidade.

Dirixiu o Dicionario de Dicionarios, editado en 2000 en formato electrónico polo Instituto da Lingua Galega e a Fundación Barrié, patrocinado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A terceira edición (2003) contén máis de 300.000 entradas extraídas de 25 dicionarios e vocabularios editados ou inéditos, así como de textos de Martín Sarmiento.

Premios 2026: Premio Luís Porteiro Garea na súa novena edición. Segundo o xurado: «Unha das figuras máis destacadas da lingüística galega contemporánea que xogou un papel esencial no coñecemento do estado da lingua galega e das súas variantes».

Notas

Véxase tamén

Categoría:Lingüistas da lingua galega Categoría:Membros de número da Real Academia Galega Categoría:Nados na Fonsagrada Categoría:Nados en 1942 Categoría:Enciclopedistas de Galicia Categoría:Catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela