Manuel Pose Miñones, nado en Salto (Vimianzo) o 1 de maio de 1945, é un empresario e político galego do PPdeG.

Traxectoria En 1965 emigrou a Suíza, onde traballou de instalador de ventás e vidreiro. En 1973 volveu a Galicia e instalouse en Larín (Arteixo), lugar no que casara, creando ó pouco a empresa de aluminios Aluman.

Nas eleccións municipais de 1995 encabezou a candidatura do PPdeG en Arteixo e logrou se-la forza máis votada, igualado co PSdeG en 7 concelleiros. Foi elixido alcalde como cabeza da lista máis votada, trala abstención dos concelleiros do BNG. Gobernou en minoría, co apoio de varios concelleiros nacionalistas que foran expulsados da formación por non apoiar a continuidade dos socialistas na alcaldía e que formaran a plataforma Nacionalistas Independentes de Arteixo. Un deles, Xosé Márquez Fraiz, incorporouse como independente á candidatura do PPdeG nas municipais de 1999, que logrou revalida-la alcaldía cunha ampla maioría absoluta de 13 concelleiros de 21. Nas municipais de 2003, revalidou a alcaldía con maioría absoluta, logrando 12 concelleiros. Nestas 3 ocasións foi designado deputado provincial.

En setembro de 2006 6 dos seus 12 concelleiros, comandados por Márquez Fraiz, abandonaron o partido e o goberno tras meses de diferenzas en materia urbanística e pasaron a formar parte da formación Terra Galega, polo que afrontou o resto do mandato en minoría. Nas municipais de 2007, perdeu a maioría absoluta e quedou en 8 concelleiros, polo que perdeu a alcaldía tras apoiar os seus excompañeiros de Terra Galega á socialista Pilar Souto Iglesias como alcaldesa. Deste xeito, permaneceu como concelleiro na oposición ata o remate do mandato, tralo cal se retirou da vida política.

Vida persoal Casou en 1969 cunha veciña de Larín (Arteixo) e tiveron 2 fillos.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Arteixo

Ligazóns externas Entrevista en La Voz de Galicia

Categoría:Alcaldes de Arteixo Categoría:Alcaldes de Galicia polo PPdeG Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Nados en Vimianzo Categoría:Nados en 1945 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes