Jose Romero Rial, coñecido como O Navallas, nado o 24 de outubro de 1911 na Capela, O Araño (Rianxo), foi un mineiro, mariñeiro e labrego galego.
Traxectoria Acusado de ser un dos responsables da voadura da ponte do río Beluso, de participar no asalto á casa do médico de Boiro Benigno López, á do cura de Vilacova (Lousame) e mais ó local da Juventud Católica de Noia. Foi detido pola Garda Civil en Santiago de Compostela nunha casa da rúa de Belvís, propiedade de María Lence Mariño, onde levaba un mes agochado tralo golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, ocultándose anteriormente na casa de súa irmá Concepción Romero Rial, tamén en Santiago.
Entrou en prisión preventiva o 13 de marzo de 1937 en Santiago de Compostela. Foi xulgado en consello de guerra polo delito de rebelión e condenado o 27 de xullo de 1937 a vinte anos de reclusión, cualificado como elemento marxista e considerado perigoso, acusado de intervir no movemento revolucionario. Foi trasladado á Prisión central de Astorga (León) o 13 de marzo de 1939 procedente de Santiago de Compostela. Foille conmutada a pena a tres anos e cinco meses de prisión.
O 3 de setembro de 1940, tras constituírse a condena en prisión atenuada, comezou a cumprir a pena no seu domicilio da Ponte Beluso, Bealo (Boiro). O 13 de novembro de 1941 a alcaldía do concello de Boiro expediu os certificados para proceder á súa liberación definitiva.
Vida persoal Casou en Bealo (Boiro) onde viviu coa súa dona. Traballou nas minas en Lousame. No momento de ser xulgado tiña dous fillos, un neno e unha nena, de 4 e 2 anos.
Faleceu nun accidente de bicicleta, batendo ó caer coa cabeza contra unha pedra.
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Nados en Rianxo Categoría:Nados en 1911 Categoría:Finados en ano descoñecido