Los niños perdidos é un filme documental colombiano de 2024 dirixido por Orlando von Einsiedel, xunto co colombiano Jorge Durán e o británico-peruano Lali Houghton. Estreouse en Netflix o 14 de novembro de 2024. O filme conta a historia do accidente do Cessna 206 en Colombia en 2023 e o rescate dos catro nenos indíxenas witoto. Os nenos, con idades de entre 11 meses e 13 anos, sobreviviron durante 40 días na selva tropical colombiana antes de ser rescatados polo exército colombiano e voluntarios de grupos indíxenas locais.
Non é o primeiro documental sobre esta historia, xa que en abril de 2024 estreouse en Amazon Prime Video Perdidos en el Amazonas.
Sinopse O avión Cessna 206, operado por Avianline Charters, partiu a mañá do 1 de maio de 2023 dende o aeroporto de Araracuara, en Colombia, nun voo chárter doméstico con destino a San José del Guaviare, a 350 km ao norte. Ás 7:34 am hora local, o piloto fixo unha chamada de socorro informando dun fallo do motor e o contacto por radio perdeuse pouco despois. A Forza Aérea Colombiana enviou inmediatamente naves para buscar na zona: un avión Basler BT-67 e un helicóptero Bell Huey.
A bordo da aeronave ían o piloto, Hernando Murcia Morales, e seis pasaxeiros: unha nai, Magdalena Mucutuy Valencia, cos seus catro fillos de aproximadamente 13, 9, 4 e 1 anos de idade, e un líder indíxena local, Herman Mendoza Hernández. O piloto e Mendoza morreron no impacto e a nai morreu catro días despois. Os catro irmáns sobreviviron. A familia forma parte do pobo witoto, un grupo indíxena familiarizado coa selva e aos que se lles ensina a cazar, pescar e recoller alimentos dende pequenos.
Tras o choque, segundo relataron os nenos posteriormente ás autoridades, a súa nai ordenoulles "marchar e buscar axuda". Os catro nenos afastáronse dos restos e comezaron a percorrer a selva, sobrevivindo comendo fariña de mandioca recuperada dos restos do avión, froitos das palmeiras de bacaba e sementes de árbores de avichure nos seus arredores en base ao seu coñecemento das plantas autóctonas como membros do pobo witoto.
Produción O documental achega testemuños de primeira man das persoas involucradas no rescate xunto con material de arquivo do Exército colombiano, rescatistas indíxenas voluntarios e familiares dos nenos.
Os músicos colombianos Simón Mejía e Lido Pimienta colaboraron na creación da canción orixinal "El camino del jaguar", que acompaña os créditos finais.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Accidente do Cessna 206 en Colombia en 2023 Perdidos en el Amazonas
Categoría:Filmes de 2024 Categoría:Filmes en lingua castelá Categoría:Filmes en lingua witoto Categoría:Filmes de Colombia Categoría:Filmes dirixidos por Orlando von Einsiedel Categoría:Filmes rodados en Colombia Categoría:Filmes ambientados en Colombia