Czesław Juliusz Niemen-Wydrzycki, coñecido simplemente como Niemen, nado o 16 de febreiro de 1939 na vila de Staryya Vasilishki (no 1939 pertencente á Voivodia de Nowogródek, durante a Segunda República polaca, hoxe en día parte da provincia de Hrodna, en Belarús) e finado en Varsovia o 17 de xaneiro de 2004, foi un compositor, icónico cantautor con letras en polaco e músico experimental de sona internacional. Foi agraciado coa Cruz de Ouro ao Mérito de Polonia (Zasłużony Działacz Kultury) no ano 1974. Popular en toda a nación durante os máis de 30 anos da súa carreira musical foi elixido o artista nacional máis importante da historia do país polo 60 por cento dos participantes nunha enquisa de Polityka de 1999.
Traxectoria En 1958 foi repatriado á Polonia da posguerra como parte da última vaga de expulsións masivas de polacos das terras fronteirizas orientais. A familia Wydrzycki abandonou a súa cidade natal para que Czesław, que estaba entrando na idade adulta, evitase ser recrutado polo exército soviético. A familia pasou un ano nun campamento de expatriados en Drawsko Pomorskie. Despois de mudarse a Gdańsk, Niemen comezou a estudar fagot nunha escola secundaria de música. Actuou en teatros de estudantes, cabarés e no club Żak de Gdańsk; cantaba cancións latinoamericanas en español e polaco, acompañándose á guitarra.
Comeza a súa carreira musical nos anos 60, despois de acadar os seus primeiros éxitos en concursos de intérpretes afeccionados, comezou a compoñer e tocar coa banda Niebiesko-Czarni. O 10 de outubro de 1962 gravou con eles un mini-álbum con catro cancións, incluíndo a canción "Lekcja twista" cantada por el mesmo. En 1963, interpretou a canción "Wiem, że nie wrócisz” ("Sei que non volverás") no I Festival Nacional da Canción Polaca en Opole. En decembro do mesmo ano, actuou cos Niebiesko-Czarnymi na sala Olympia de París. Despois de regresar a Polonia, a instancias da muller de Franciszek Walicki, comezou a utilizar o pseudónimo Niemen, xa que non só era máis atractivo en termos de mercadotecnia en Polonia, senón tamén máis fácil de pronunciar para os estranxeiros. A mediados da década de 1970 cambiou formalmente o seu nome a Niemen-Wydrzycki. Tomou o seu apelido do río Niemena, que desemboca preto do seu lugar de nacemento. Utilizou unha variante de Niemena, Niemen, diferente do nome do río, e aínda que o xornalista Andrzej Ibis-Wróblewski suxeriu que Wydrzycki pronunciase o seu alcume como río, o artista non estaba de acordo con isto. Pouco despois, lanzou a súa carreira en solitario co seu álbum Dziwny jest ten wiat ("O mundo é estraño") que inmediatamente se converteu nun grande éxito e o catapultou á fama no seu país.
Niemen tocou unha gran variedade de xéneros, incluíndo rock, jazz e música clásica. Era coñecido por equilibrar o seu estilo de badaladista con grande éxito para o público xeral cun estilo experimental propio, utilizando moitos instrumentos e elementos innovadores nas súas producións. Un dos seus maiores logros foi a creación dun traballo musical de rock sinfónico chamado Na búsqueda da Paz en colaboración coa Orquestra Filharmónica Nacional de Polonia. Entre as mellores cancións de Czeslaw Niemen están "Dziwny jest ten wiat", "Sen o Warszawie" ("Soño de Varsovia") e "Pod papugami" ("Baixo os papagaios"). Estas cancións xa se consideran clásicos e pezas fundamentais da música popular polaca. Niemen estivo categorizado pola crítica ao comezo da súa carreira como un artista beat na liña estilista dos The Beatles pero cara á década de 1970 aventurouse máis nas marxes do jazz rock progresivo, está considerado o primeiro artista en Europa do leste en empregar o sintetizador Moog.
En 1976 lanzou o álbum en solitario Katharsis. Ten o carácter dun álbum conceptual de música experimental, que trata as trampas do desenvolvemento da civilización e da expansión da humanidade ao espazo. Este é un álbum conceptual inspirado nas fontes de ciencia ficción das obras de Stanisław Lem e Arkadi e Borís Strugatski. As letras en polaco describen unha trama distópica na que os humanos descobren e despois colonizan (de xeito agresivo) unha nova galaxia. A crítica asociou a música á Escola de Berlín con inclusións de elementos do folk polaco tradicional. Niemen gravou este disco totalmente pola súa conta, sen a axuda doutros músicos. Para as gravacións utilizou, entre outros: sintetizadores Minimoog, Synthi EMS e mellotron. Tamén utilizou un clavinet, guitarra, instrumentos de percusión e frautas. "Z listu do M." e "Epitafium" son fragmentos vocal-instrumentais. Czesław Niemen tamén é autor dos poemas que se usaron integramente como letras de ambas cancións. As cancións "Planeta Ziemia”, "Fatum” e "Katharsis” empregáronse nunha ilustración musical da obra de teatro Mindowe de Juliusz Słowacki, dirixida por Bernard Ford Hanaoka.
Discografía Dziwny jest ten świat (LP, 1967) Sukces (LP, 1968) Czy mnie jeszcze pamiętasz (LP, 1969) Enigmatic (LP, 1970) Niemen (2 LP, 1971) Strange Is This World (LP, 1972) Ode to Venus (LP, 1973) Niemen Vol. 1 i Niemen Vol. 2 (LP, 1973) Russische Lieder (LP, 1973) Mourner's Rhapsody (LP, 1974) Niemen Aerolit (LP, 1975) Katharsis (LP, 1976) Idee Fixe (2 LP + SP, 1978) The Best Of Niemen (LP, 1979) Postscriptum (LP, 1980) Przeprowadzka (MC, 1982) Terra Deflorata (LP, 1989) Terra Deflorata (CD, 1991) Gwiazdy mocnego uderzenia: Czesław Niemen (LP, 1991) Mouner's Rhapsody (wersja poprawiona i uzupełniona) (CD, wyd. USA, 1993) Sen o Warszawie (CD, 1995) Czas jak rzeka (CD, 2001) spodchmurykapelusza (CD, 2001) od początku I (6 CD, 2002) od początku II (6 CD, 2003) 41 Potencjometrów Pana Jana (2007)
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas "Mleczna droga ", canción de Katharsis 1976
Categoría:Músicos de Polonia Categoría:Nados en 1939 Categoría:Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes