Sayaka Murata (en ), nada en Inzai o 14 de agosto de 1979, é unha escritora xaponesa. Foi gañadora do premio Gunzō, do premio Yukio Mishima, do premio Noma e do premio Akutagawa.

Traxectoria Sayaka Murata naceu en Inzai, na prefectura de Chiba, o 14 de agosto de 1979. De nena, adoitaba ler ciencia ficción e novelas de misterio que lle prestaban o seu irmán e mais a súa nai; esta última mercoulle un procesador de texto despois de que Murata tentara escribir unha novela a man durante o cuarto curso da primaria. Tras graduarse en Inzai, trasladouse a Tokyo para estudar no Instituto Kashiwa (asociado á Universidade Nishogakusha); posteriormente, matriculouse na Universidade Tamagawa.

A súa primeira novela, Jyunyū ("Dar o peito"), gañou o premio Gunzō en 2003. En 2013, recibiu o premio Mishima por Shiro-iro no machi no, sono hone no taion no ("A cidade branca, a calor deses ósos"). En 2016, a súa décima novela, Konbini ningen ("A dependenta"), foi galardoada co prestixioso premio Akutagawa, e nomeada muller do ano pola revista Vogue do Xapón. Konbini ningen vendeu máis de 1 millón e medio de exemplares no seu país, e foi traducida a máis de 30 linguas. A propia Murata traballou como dependenta durante 18 anos, até o 2017.

Estilo A escrita de Murata explora as diversas consecuencias de non adaptarse ás normas sociais establecidas para homes e mulleres, en especial no referente aos roles de xénero, a paternidade e maternidade, ou o sexo. Moitos dos temas e das historias das súas personaxes proceden das súas observacións como traballadora a tempo parcial nunha tenda de 24 horas.

En concreto, a aceptación ou rexeitamento da asexualidade, do celibato ou da ausencia de relacións sexuais no matrimonio son ideas recorrentes nas súas obras, como as novelas Shōmetsu sekai ("O mundo minguante") e Konbini ningen. Tamén destacou o seu honesto tratamento da sexualidade na adolescencia en obras como Gin iro no uta ("A canción prateada") e Shiro-iro no machi no, sono hone no taion no.

Traducións En castelán La dependienta (2019). Tradución directa de Marina Bornas Montaña. Duomo Ediciones. .

En catalán La noia de la botiga 24 hores (2020). Tradución directa de Albert Nolla. Labutxaca. .

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados en 1979 Categoría:Escritores en lingua xaponesa Categoría:Escritores do Xapón