A calandra cornuda (Eremophila alpestris) é unha especie de laverca da familia Alaudidae que se encontra no hemisferio norte.

Taxonomía A especie foi descrita formalmente en 1758 polo naturalista sueco Carl Linné na décima edición da súa obra Systema Naturae co nome binomial Alauda alpestris. Linné baseouse na descrición e ilustracións do naturalista inglés Mark Catesby do libro The Natural History of Carolina, Florida and the Bahama Islands que ese autor publicou entre 1729 e 1732. Linné especificou a localidade tipo como América do Norte, pero esta foi restrinxida a áreas costeiras de Carolina do Sur. Agora esta ave está situada xunto con Eremophila bilopha no xénero Eremophila, que foi introducido en 1828 polo naturalista alemán Friedrich Boie e significa 'amante do deserto' (ermo) en grego. O epíteto específico alpestris vén do latín e significa 'das altas montañas', que vén de Alpes, os Alpes. Un estudo de xenética molecular dos aláudidos publicado en 2023 atopou que E. bilopha estaba incrustada nun clado que contiña taxons clasificados actualmente como subespecies da calandra cornuda.

Suxeriuse que a calandra cornuda diverxeu da E. bilopha entre o Plistoceno temperán e o medio, segundo as estimacións de diverxencia xenómica. A calandra cornuda coñécese nunha ducia de localizacións do Plistoceno tardío, incluíndo Italia, Rusia, Reino Unido e os Estados Unidos de América. O fósil máis temperán coñecido é de idade calabriana de España, hai entre 1 e 0,8 millóns de anos. En 2020, describiuse un espécime conxelado de 46.000 anos de anitigüidade do oriente distante ruso.

Unha análise xenética de 2014 indicou que a especie consta de seis clados que no futuro poderían conseguir o recoñecemento como especies separadas. Un estudo de 2020 tamén suxeriu dividir a especie, pero só en 4 especies: E. longirostris, E. penicillata, E. alpestris (sensu stricto), xunto coa E. bilopha.

Subespecies

Recoñécense corenta e dúas subespecies: E. a. arcticola – (Oberholser, 1902): atopada no norte de Alasca ata a Columbia Británica (oeste do Canadá). E. a. hoyti – (Bishop, 1896): do norte do Canadá. E. a. alpestris – (Linnaeus, 1758): do leste do Canadá. E. a. merrilli – (Dwight, 1890): da costa oeste do Canadá e EUA. E. a. strigata – (Henshaw, 1884): da costa sur da Columbia Británica ata as costas de Oregón. E. a. alpina – (Jewett, 1943): de montañas do oeste de Washington (noroeste dos EUA). E. a. lamprochroma – (Oberholser, 1932): de montañas interiores do oeste dos EUA E. a. leucolaema – Coues, 1874: do sur de Alberta (suroeste do Canadá) ata o centro e centro norte dos EUA. E. a. enthymia – (Oberholser, 1902): do centro sur do Canadá ata Oklahoma e Texas (centro dos EUA). E. a. praticola – (Henshaw, 1884): do sueste do Canadá, e noroeste e centro leste dos EUA. E. a. sierrae – (Oberholser, 1920): das montañas do noroeste California. E. a. rubea – (Henshaw, 1884): do centro de California. E. a. utahensis – (Behle, 1938): de montañas do centro oeste dos EUA. E. a. insularis – (Dwight, 1890): de illas do sur de California. E. a. actia – (Oberholser, 1902): das montañas costeiras do sur de California (EUA) e norte de Baixa California (noroeste de México). E. a. ammophila – (Oberholser, 1902): en desertos do sueste de California e suroeste de Nevada. E. a. leucansiptila – (Oberholser, 1902): de desertos do sur de Nevada, oeste de Arizona (suroeste dos EUA) e noroeste de México. E. a. occidentalis – (McCall, 1851): orixinalmente descrita como unha especie separada. Atopada no norte de Arizona ata o centro de Novo México (suroeste dos EUA). E. a. adusta – (Dwight, 1890): do sur de Arizona e sur de Novo México (EUA), posiblemente ata o centro norte de México. E. a. enertera – (Oberholser, 1907): da Baixa California central (noroeste de México) E. a. giraudi – (Henshaw, 1884): do centro sur de EUA e noroeste de México. E. a. aphrasta – (Oberholser, 1902): atopada nos estados de Chihuahua e Durango (noroeste de México). E. a. lactea – Phillips, AR, 1970: de Coahuila (centro norte de México). E. a. diaphora – (Oberholser, 1902): do sur de Coahuila ao noroeste de Puebla (centro norte e leste de México). E. a. chrysolaema – (Wagler, 1831): orixinalmente descrita como unha especie separada no xénero Alauda. Atopada desde o centro oeste ata o centro leste de México. E. a. oaxacae – (Nelson, 1897): do sur de México E. a. peregrina – (Sclater, PL, 1855): orixinalmente descrita como unha especie separada. Vive en Colombia. E. a. flava – (Gmelin, JF, 1789): orixinalmente descrita como unha especie separada no xénero Alauda. Atopada no norte de Europa e norte de Asia. E. a. brandti – (Dresser, 1874): orixinalmente descrita como unha especie separada. Atopada no sueste da Rusia Europea cara ao oeste de Mongolia e norte da China. E. a. atlas – (Whitaker, 1898): orixinalmente descrita como unha especie separada. Vive en Marrocos. E. a. balcanica – (Reichenow, 1895): do sur dos Balcáns e Grecia. E. a. kumerloevei – Roselaar, 1995: do oeste e parte central de Asia Menor. E. a. penicillata – (Gould, 1838): orixinalmente descrita como unha especie separada no xénero Alauda. Atopada en Turquía e o Cáucaso ata Irán. E. a. bicornis – (Brehm, CL, 1842): orixinalmente descrita como unha especie separada. Vive no Líbano ata a fronteira Israel/Siria. E. a. albigula – (Bonaparte, 1850): orixinalmente descrita como unha especie separada. Atopada do noroeste de Irán e Turcomenistán ao noroeste de Paquistán. E. a. argalea – (Oberholser, 1902): no extremo oeste da China. E. a. teleschowi – (Przewalski, 1887): orixinalmente descrita como unha especie separada. Vive no oeste e centro oeste da China. E. a. przewalskii – (Bianchi, 1904): Atopada no norte de Qinghai (centro oeste da China). E. a. nigrifrons – (Przewalski, 1876): orixinalmente descrita como unha especie separada. Atopada no nordés de Qinghai (China). E. a. longirostris – (Moore, F, 1856): orixinalmente descrita como unha especie separada. Vive no nordés de Paquistán e oeste dos Himalaias. E. a. elwesi – (Blanford, 1872): orixinalmente descrita como unha especie separada. Atopada no sur e leste da meseta do Tíbet. E. a. khamensis – (Bianchi, 1904): do suroeste e centro sur da China.

Descrición miniatura|300px|Despregando os seus "cornos" no Rocky Mountain Arsenal National Wildlife Refuge. A diferenza da maioría das lavercas, esta é unha especie moi distintiva no chan, principalmente gris-marrón na parte superior e clara por debaixo, cun debuxo facial negro e amarelo característico. A cola é principalmente negra, excepto nas plumas centrais, o que contrasta co corpo máis claro; este contraste é especialmente salientable cando a ave está en voo. O macho no verán ten "cornos" negros de plumas (ver foto), que lle dan a este especie o seu nome. América do Norte ten varias razas distinguidas polo debuxo facial e a cor negra dos machos, especialmente en verán. A raza montañosa do sur de Europa, E. a. penicillata, é máis gris pola parte superior e o amarelo do debuxo da face foi substituído por branco.

Medidas:

Lonxitude: 16-20 cm Peso: 28-48 g Envergadura: 30-34 cm

As vocalizacións son agudas, ceceantes ou tintinantes, e débiles. A canción, que fan en voo, como é común entre as lavercas, consta duns poucos fragmentos seguidos dunha vibración trilante ascendente.

Distribución e hábitat

A calandra cornuda reprodúcese na maior parte de América do Norte desde o sur do alto Ártico ao istmo de Tehuantepec, na parte máis ao norte de Europa e Asia e nas montañas do sueste de Europa. Hai tamén unha poboación illada nunha meseta de Colombia. É principalmente residente no sur da súa área de distribución, pero as poboacións do norte desta ave paseriforme son migratorias, desprazándose máis ao sur en inverno.

É unha ave de campo aberto. En Eurasia reprodúcese sobre a liña de árbores en montañas e no norte distante. Na maioría de Europa, vese moi a miúdo en chairas costeiras en inverno. No Reino Unido atópase como unha ave que fai escala invernal ao longo das costas e en Inglaterra oriental. En América do Norte, onde non hai outras lavercas que compitan con ela, tamén se atopan en terras de cultivo, en praderías, en desertos, campos de golf e aeroportos.

Reprodución Os machos defenden os seus territorios dos outros machos durante a estación reprodutora, e as femias ocasionalmente espantan as femias intrusas. No cortexo o macho cántalle á femia mentres voa sobre ela en círculos. Despois dobra as súas ás e baixa en picado cara á femia, abrindo as ás xusto antes de chegar ao chan. O sitio do niño selecciónao só a femia a principios da primavera e pode ser unha depresión natural no chan espido ou unha escavación que ela fai usando o bico e pés. A femia dedica de 2 a 4 días a preparar o sitio antes de construír ela mesma o niño con herbas finas, talos de millo, pequenas raíces e outro material vexetal e fórrao con penuxe, pelame, plumas e ás veces fíos. O niño é de 76-101 mm de diámetro cun diámetro interior duns 64 mm de ancho e 38,1 mm de profundidade. Sinalouse que ela a miúdo engade un “limiar de entrada” de croios, mazarocas de millo ou excrementos a un lado do niño. Especulouse que isto se utilizaba para cubrir a terra escavada e agochar mellor o niño.

As femias poñen de 2 a 5 ovos grises con manchas brancas, cada un duns 25 mm de longo e 13 mm de largo. A incubación prolóngase de 10 a 12 días ata a eclosión e despois o período de crianza dura de 8 a 10 días. Durante o período de crianza no niño, ambos os proxenitores alimentan e defenden as crías. Unha femia no sur pode facer de dúas a tres postas ao ano, mentres que no norte o máis común é unha soa posta anual.

A estrutura dos niños da calandra cornuda pode variar dependendo do microclima, soportando as inclemencias do tempo e o risco de predación, o que revela flexibilidade no comportamento de nidificación para axustar a cambio nas condicións ambientais para manter a supervivencia do niño e favorecer o desenvolvemento en tamaño dos polos.

Status e conservación As poboacións de calandra cornuda están en declive segundo a Avaliación de Aves Reprodutoras Norteamericanas. En 2016, o Partners in Flight Landbird Conservation Plan sinalou a calandra cornuda como “ave común en rápido declive”, pero en 2016 non estaba na State of North America's Birds’ Watch List. O declive desta especie podería deberse á perda de hábitat debido a pesticidas agrícolas, a conversión dos sitios alterados que a ave prefire en terras forestais debido aos traballos de reforestación, a urbanización e a invasión humana, así como a choques contra as instalacións eólicas e en aeroportos. En 2013, o Servizo de Vida Silvestre e Pesca dos Estados Unidos listou a subespecie E.a. strigata como ameazada segundo a Lei de especies en perigo.

Galería

Notas

Véxase tamén Bibliografía van den Berg, Arnoud (2005) Morphology of Atlas Horned Lark Dutch Birding 27(4):256–8 Small, Brian (2002) The Horned Lark on the Isles of Scilly Birding World 15(3): 111–20 (discute unha posible raza neártica na illas de Scilly en 2001)

Ligazóns internas

Imaxe – Cyberbirding Reconto da especie – Cornell Lab of Ornithology

Calandra cornuda – Eremophila alpestris – USGS Patuxent Bird Identification InfoCenter

Categoría:Aláudidos Categoría:Animais descritos en 1758 Categoría:Taxons descritos por Linné