O mazarico de bico fino (Numenius tenuirostris) é unha especie recentemente extinta de mazarico nativo de Eurasia e norte de África. As análises isotópicas realizadas indican que a maioría da antiga poboación reproducíase na estepa de Kazakhstán malia que hai rexistros nos pantanos de Siberia, e era unha ave migratoria, que antes pasaba o inverno en hábitats de auga doce pouco profundos arredor do Mediterráneo. Esta especie aparecía como ave vagante no oeste de Europa, as illas Canarias, os Azores, Omán, o Canadá e o Xapón.
En novembro de 2024, a especie foi declarada globalmente extinta, e o último avistamento irrefutable produciuse en Marrocos en febreiro de 1995. En novembro de 2024, o seu status na Lista Vermella da IUCN non fora aínda actualizado, e permanecía co seu status anterior de "en perigo crítico".
Descrición miniatura|esquerda|Ilustración de Henrik Grönvold. O mazarico de bico fino era un mazarico pequeno, cunha lonxitude de 36–41 cm cunha envergadura de 77–88 cm. Era do mesmo tamaño que un mazarico chiador, pero era máis parecido en plumaxe ao mazarico real. O adulto reprodutor era principalmente marrón agrisado na parte dorsal, con sobrecú abrancazado e parte inferior do dorso. As partes ventrais eran abrancazadas, con moitas manchas marróns escuras. Os flancos tiñan pintas de forma redonda ou acorazonada. A plumaxe da época non reprodutora era similar, pero con menos manchas nos flancos. Os machos e femias tiñan plumaxe similar, pero as femias tiñan bicos máis longos que os dos machos, unha adaptación dos mazaricos que elimina a competición directa polo alimento entre os dous sexos. A plumaxe das crías era moi similar ao do adulto, pero os flancos estaban marcados con manchas marróns, as pintas acorazonadas só aparecían contra o final do primeiro inverno.
Comparado co mazarico real, o mazarico de bico fino era máis branco no peito, cola e parte inferior das ás, e o bico era máis curto e delgado e lixeiramente máis recto na base. As pintas dos flancos con forma de punta de frecha do mazarico real tamén son diferentes das redondas ou acorazonadas dos mazaricos de bico fino adultos. O debuxo da cabeza, cunha "gorra" (píleo) escura e supercilio abrancazado, lembra o do mazarico chiador, mais esa especie tamén ten unha banda de coroa central e un debuxo do conxunto máis claramente marcado; con este debuxo, o mazarico de bico fino sería difícil de distinguir no campo.
Esta especie ten un aspecto máis branco que os outros mazaricos; porén, as partes inferiores das ás brancas foron en exceso salientadas como criterios relevantes de identificación xunto coas distintivas marcas nos flancos dos adultos (non útiles nos individuos xoves e no primeiro ano antes da muda posxuvenil). O artigo coa identificación máis recente e actualizada, sinala como caracteres distintivos a parte inferior uniformemente escura das 4 a 6 rémixes primarias externas (a punta da á ou "man"), as patas negras (nos adultos) ou máis escuras (nos xoves e aves de 1º ano), e a cola branca con poucas barras escuras.
Vocalizacións A chamada soaba como cur-li, similar á do mazarico real, pero máis aguda, máis melódica e máis curta. A chamada de alarma era un rápido cu-i.
Distribución
Os únicos rexistros confirmados do mazarico de bico fino foron nunha pequena rexión de pantanos altos no norte de Omsk, Rusia no período entre 1909 e 1925. As análises isotópicas de mostras de plumas indican que a principal zona de reprodución da especie era unha estreita faixa en Kazakhstán centrada arredor do paralelo 50° norte. Esta área é predominantemente esteparia, con algunhas áreas de estepa boscosa.
Na historia recente migraba principalmente ao Mediterráneo e ao sur de Arabia, con algúns informes nas partes do norte do Golfo Pérsico en Kuwait e Iraq. Houbo rexistros históricos desta ave noutras partes, como indica un dicionario ornitolóxico de Xibraltar, escrito en 1895, que indica indirectamente que este mazarico fora rexistrado como migrante de paso en Málaga, España.
Comportamento miniatura|Un mazarico de bico fino (no centro) entre mazaricos chiadores. Sábese pouco sobre a súa bioloxía reprodutora, pero como media os poucos niños observados tiñan catro ovos.
Alimentábanse usando os bicos para sondar a lama branda na procura de pequenos invertebrados, pero tamén capturaban outros pequenos bocados na superficie cando se presentaba a oportunidade. Adoitaba ser moi gregario fóra da estación reprodutora, asociándose con especies relacionadas, especialmente con mazaricos reais.
Declive e extinción Despois dun longo período de declive constante, o mazarico de bico fino fíxose extremadamente raro a finais do século XX, despois pensábase que había menos de 50 exemplares adultos, e a última vez que se albiscou foi en Marrocos en 1995.
O último niño ben documentado atopouse en 1924, preto de Tara no oblast de Omsk, Siberia (). Os seus lugares de nidificación desde entón son descoñecidos, malia varias investigacións intensivas realizadas (o que non sorprende, ao haber máis de 100.000 km2 que investigar). O seu grao de declive tamén se reflicte pola ausencia de aves invernantes en sitios antes habituais en Marrocos.
As causas do declive desta especie son inseguras, propuxéronse como causas tanto a caza coma a perda de hábitat. Hai rexistros de caza desta especie desde a década de 1980 nas zonas húmidas de Merja Zerga de Marrocos, un dos últimos terreos de invernada da especie. A medida que a ave se fixo máis rara, iso puido exacerbar a presión da caza da ave. Os espécimes eran comúns en mercados de Italia e outras áreas do sur de Europa, e disparábaselles durante a súa migración. O hábitat predito da ave nas estepas de Kazakhstán foi intensamente transformado en granxas para o cultivo de trigo como parte de campaña de terras virxes soviética da década de 1950, que resultou nunha diminución de moitas especies de aves nativas nesa área, e probablemente tamén afectou o mazarico de bico fino, aínda que o declive da poboación da especie parece que empezou décadas antes da campaña de creación de granxas. En realidade, a conversión do hábitat en campos de cultivo na rexión máis ampla comezara xa no século XIX. Ademais, os hábitats de zonas húmidas en áreas de invernada como Marrocos e Hungría foron alterados para o cultivo desde o século XIX, probablemente contribuíndo tamén ao seu declive.
Máis recentemente, rexistráronse 20 exemplares en Italia en 1995, pero agora confirmouse que este pouco crible rexistro era de Numenius arquata orientalis, como mostran tanto as fotografías como as gravacións sonoras (Kirwan et al., 2015). Houbo un posible rexistro dun inmaturo (dun ano de idade) en Druridge Pools en Northumberland, Inglaterra, o 4–7 de maio de 1998. A ave foi inicialmente aceptada na Lista Británica de aves, pero foi retirada dela en 2013 despois de que se revisou a súa identificación.
Informouse da presenza de mazaricos de bico fino en varias localizacións do Paleártico occidental en varias ocasións desde a ave de Druridge, incluídos avistamentos non verificados de aves solitarias en Italia e Grecia; ningún dos cales foi documentado con fotografías conclusivas e polo menos un dos exemplares sospeitosos, en RSPB Minsmere, Suffolk, Inglaterra, en 2004, pénsase agora que era un mazarico real. miniatura|Ilustración de En 2007 publicáronse informes máis documentados da especie na revista British Birds;
Un avistamento realizouno en Albania en 2006 un equipo que incluía ornitólogos da organización ambiental EuroNatur.
O mazarico de bico fino estivo incluído tradicionalmente na lista das aves ibéricas, pero xa non houbo avistamentos recentes desde hai anos.
A especie foi oficialmente declarada extinta en 2024, aínda que a as listas da IUCN aínda non foron actualizadas. Este estudo non considera que houbese ningún avistamento crible posterior despois do último confirmado en 1995 en Marrocos.
Notas
Véxase tamén Bibliografía xeral
Bibliografía para a identificación
Ligazóns externas ARKive: Photographs of Slender-billed Curlew (Numenius tenuirostris). Consultado o 6 de abril de 2007. BirdLife International: Species factsheet. Consultado o 6 de abril de 2007. BirdLife International: Additional data. Consultado o 6 de abril de 2007. British Ornithologists' Union Records Committee: Slender-billed Curlew at Druridge Pools accepted as first for Britain (with photo). Consultado o 6 de abril de 2007. Fotos en Marrocos . Consultado o 6 de abril de 2007. O proxecto RSPB: Slender-billed Curlew . Surfbirds.com: The Slender-billed Curlew in Northumberland, 1998 – 'plate 164' – response by the British Birds Rarities Committee and more photos of the "Druridge Bay curlew". Consultado o 6 de abril de 2007. Convention on Migratory Species: Slender-billed Curlew Memorandum of Understanding CIC – International Council for Game and Wildlife Conservation: CIC Species Conservation: Slender-billed Curlew
Categoría:Escolopácidos Categoría:Animais descritos en 1817