Anik Nandi (en ), nado en Bardhaman en 1981, é un sociolingüista e profesor bengalí especializado en políticas lingüísticas e prácticas de alfabetización en contextos multilingües, así como en filoloxía galega e na súa transmisión interxeracional. Dende setembro de 2024 é director do Centro de Estudos Galegos da India, o primeiro de toda Asia.

Traxectoria Licenciado en filoloxía inglesa pola Universidade de Burdwan (na India), en 2017 obtivo un doutoramento en Sociolingüística pola Universidade Heriot-Watt. Nandi realizou o seu posgrao na Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Lingüística e realizou o seu primeiro estudo de posdoutoramento na Queen's University Belfast, de Irlanda do Norte entre (2017-19).

Posteriormente foi investigador posdoutoral do Ministerio de Ciencia e Innovación de España na Universidade do País Vasco (UPV/EHU). O seu proxecto orixinal sobre a transmisión interxeracional das linguas éuscara (en España) e santali (na India) conseguiu un financiamento de 97.800 euros durante 3 anos do Ministerio de Ciencia e Innovación de España e do Fondo de Recuperación da COVID da Unión Europea.

Ademais destas funcións, Anik é investigador asociado sénior da Real Academia Galega, investigador visitante no Centro de Lingüística da Universidade de Leiden (LUCL), nos Países Baixos e colaborador do centro de investigación adscrito á Cátedra UNESCO de Patrimonio da Lingua Mundial no País Vasco. Dende 2021, Anik Nandi tamén traballa como editor de críticas de libros da revista Sociolinguistic Studies do Reino Unido.

Está especializado en políticas lingüísticas e prácticas de alfabetización en contextos multilingües, e os seus traballos de investigación apareceron en moitas revistas internacionais de prestixio vinculadas aos estudos culturais e a lingüística. É políglota en bengalí, hindi, inglés, galego e castelán.

Dende o 19 de setembro de 2024, é o director fundador do Centro de Estudos Galegos da India, o primeiro aberto en Asia, na cidade de Hyderabad. Isto foi posible grazas a un acordo coa Universidade Woxsen e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Traballa como profesor titular de comunicación multicultural na Universidade Woxsen de Hyderabad, na India.

Obras Traduciu o poema "Adiós ríos, adiós fontes" de Rosalía de Castro ao bengalí.} Libros Monteagudo, H.; Loredo, X.; Vázquez-Grandío, G e Nandi, A. (2021). Prácticas lingüísticas na infancia: A xestión lingüística nos primeiros contextos de socialización. A Coruña: Real Academia Galega. https://doi.org/10.32766/rag.389

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina de Anik Nandi no Instituto da Lingua Galega Perfil na Universidade Woxsen

Categoría:Nados en Bardhaman Categoría:Sociolingüistas Categoría:Galicianistas Categoría:Escritores en lingua galega Categoría:Tradutores do galego Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela