Na cultura de Internet, chámaselle podremia mental ou podremia cerebral (en inglés brain rot) á deterioración intelectual, psicolóxica ou cognitiva causada por un uso excesivo de contido pouco enriquecedor en liña, sobre todo nas redes sociais. O termo tamén se refire ó uso excesivo de medios dixitais, o que inclúe entretemento de formato curto, que pode afectar a saúde cognitiva. O termo orixinouse dentro das culturas en liña da xeración Alfa e da xeración Z, pero volveuse común dende entón.
O termo foi nomeado palabra do ano de Oxford en 2024. O seu uso moderno está definido pola Oxford University Press como «o deterioración do estado mental ou intelectual dunha persoa, especialmente visto como resultado dun consumo excesivo de material (agora particularmente contido en liña) considerado banal ou pouco desafiante».
Orixe e uso Segundo Oxford University Press, o primeiro uso rexistrado do termo remóntase ó libro de memorias Walden de Henry David Thoreau de 1854. Thoreau criticaba o que consideraba un declive dos estándares intelectuais, no cal as ideas complexas eran menos valoradas, e comparábao coa potato rot (a «podremia da pataca» da década de 1840 en Europa).
No ámbito en liña utilizábase xa en 2004. En 2007, algúns usuarios de Twitter utilizaron o termo brain rot para describir os programas de citas, os videoxogos e o «pasar (malgastar) o tempo en liña». O uso da frase aumentou en liña na década de 2010 antes de medrar en popularidade rapidamente en 2023, cando se converteu nun meme de Internet. En 2024, utilízase con maior frecuencia no contexto do comportamente habitual en liña da xeración Alfa, polos expertos que expresan que a xeración está «excesivamente inmersa na cultura en liña». Asóciase comunmente co vocabulario dun individuo que consiste exclusivamente en referencias de Internet. De 2023 a 2024, o termo aumentou un 230% en frecuencia por millón de palabras.
O termo a miúdo vincúlase con xergas e tendencias populares entre a xeración Alfa, como skibidi (unha referencia á serie de curtos de YouTube Skibidi Toilet), rizz (abreviatura de carisma), Only in Ohio (facendo referencia un meme de orixe estadounidense sobre o estado de Ohio), gyatt (referíndose ás nádegas de mulleres) e sigma (referíndose a un líder ou macho alfa). Algúns contidos en liña adoitan ser etiquetados como "podremia mental", como a serie web Skibidi Toilet.
En 2024, a senadora australiana milenial Fatima Payman foi noticia por pronunciar un breve discurso ante o parlamento australiano utilizando a xerga da xeración Alfa. Presentou o seu discurso como dirixido a «un sector a miúdo esquecido da nosa sociedade», referíndose ás xeracións Z e Alfa, e dixo que «expresaría o resto da súa declaración utilizando unha linguaxe coa que están familiarizados». Utilizando termos de xerga, Payman criticou os plans do goberno de prohibir ós menores de 16 anos o uso das redes sociais e concluíu dicindo que «aínda que algúns de vostedes aínda non poden votar, espero que, cando o fagan, sexa nunha Australia máis goated e cun goberno con máis aura. Skibidi!». O discurso, escrito por un membro do parlamento de 21 anos, foi etiquetado por algúns como un exemplo de podremia mental fóra do mundo en liña.
Referencias
Categoría:Cultura de Internet