Celestino Fernández-Miranda Tuñón, nado en Lugo o 21 de setembro de 1924, foi un militar galego-asturiano, que loitou na Segunda Guerra Mundial nas filas do Exército Vermello da Unión Soviética.
Traxectoria Naceu en Lugo, onde seu pai traballaba como auxiliar administrativo do Catastro Provincial. Á morte deste por tuberculose, cando Celestino contaba só con dous anos de idade, o neno trasladouse a Asturias con súa nai Catalina, natural da rexión. O estalido da guerra civil pillouno aos 12 anos, mentres realizaba un campamento de verán en Salinas, onde permaneceu durante os seguintes 14 meses. Ante a inminente chegada das tropas franquistas, un dos seus mestres embarcouno no porto de Xixón rumbo a Leningrado coa fin de protexelo.
Aínda que a idea era permanecer só unhas semanas na Unión Soviética, a súa estancia prolongouse durante cinco anos, nos que recibiu un bo trato por parte do pobo e as autoridades soviéticas. Coa invasión nazi da URSS en 1941, ducias de españois residentes no país solicitaron alistarse no Exército Vermello, sendo aceptados 74 deles na Terceira División das Milicias de Voluntarios do Pobo de Leningrado, entre eles Celestino, que falsificou os seus documentos para ocultar que só tiña 16 anos. Destinado en Carelia, loitou ata que foi capturado polas forzas do Eixe nalgún punto entre os lagos Onega e Ladoga, sendo enviado a un campo de concentración finés. Tras coñecer ao xornalista e diplomático italiano Curzio Malaparte, este faloulle do seu caso a Agustín de Foxá, escritor afecto ao réxime franquista, quen escribiu sobre el no xornal ABC.
Conseguiu así un salvoconduto de Ramón Serrano Suñer, cuñado de Franco, para saír do seu cativerio e regresar a España en 1942, sendo o primeiro combatente da URSS en ser repatriado. As autoridades franquistas tentaron utilizalo como elemento propagandístico contra Stalin, pero non conseguiron que falase mal do sistema soviético. Defendeu as ideas republicanas ata os seus últimos días.
Notas
Categoría:Nados en Lugo Categoría:Nados en 1924 Categoría:Militares de Galicia Categoría:Militares de España Categoría:Militares da Unión Soviética Categoría:Militares galegos do Exército Vermello Categoría:Militares españois do Exército Vermello