Yoshihiro Togashi (en ), nado o 27 de abril de 1966, é un mangaka xaponés. Comezou a debuxar manga dende moi novo, até que o seu talento chamou a atención da editorial Shueisha cando estudaba na universidade. Togashi creou varias series en diversos xéneros; porén, é coñecido como autor de Yu Yu Hakusho (1990-1994) e Hunter × Hunter (1998-actualidade), que se atopan entre as obras de manga máis vendidas da historia. Casou coa mangaka Naoko Takeuchi, autora de Sailor Moon.

Traxectoria Primeiros anos e educación Yoshihiro Togashi naceu en Shinjō, na prefectura de Yamagata. Os seus pais tiñan unha tenda de papelería. Comezou a debuxar por afección no segundo curso da primaria. No instituto, uniuse a un club de belas artes. Posteriormente, ingresou na Universidade de Yamagata, matriculándose en Educación coa intención de converterse en profesor. Durante a súa etapa na universidade, entregou algúns dos seus traballos á revista Shōnen Jump, de Shueisha. En 1986, aos 20 anos, recibiu o premio Tezuka, o máis prestixioso de banda deseñada para artistas novos do Xapón, por Buttobi straight (en ). Outra das súas obras, Jura no Mizuki (en ), foi finalista do Hot Step Award Selection. Tras abandonar as súas aspiracións á docencia, entrou en contacto co editor da Shōnen Jump, quen o convenceu para trasladarse a Tōkyō durante o seu último ano na universidade.

Carreira profesional A primeira obra de Togashi publicada por Shueisha foi Ōkami nante kowakunai!! (en ; en ), unha escolma de historias curtas de humor. Algunhas delas apareceran xa na Shōnen Jump en 1989. Entre 1989 e 1990, Togashi escribiu Ten de shōwaru cupid (en ; en ), un manga romántico en catro volumes, que narra a relación entre un rapaz humano e unha fermosa diaba.

En 1990, Togashi colleu sona pola súa serie Yu Yu Hakusho (en ; lit. "Informe poltergeist"). Está baseada no seu interese polo oculto e as películas de terror; a historia está protagonizada por Yusuke Urameshi, un rapaz que foi asasinado e devolto á vida como "detective do inframundo". O manga, cun total de 175 capítulos en 19 volumes, foi publicado entre 1990 e 1994, chegando a vender máis de 78 millóns de exemplares en todo o mundo. Yu Yu Hakusho recibiu o premio de manga Shogakukan en 1994; posteriormente, foi adaptada ao anime. En 1995, creou Level E (en ), unha comedia de ciencia ficción. Con tan só tres volumes, saíu na Shōnen Jump entre 1995 e 1997. En 2011, estreouse unha versión animada.

A súa seguinte obra importante foi Hunter × Hunter, que saíu do prelo por primeira vez en 1998. Conta a vida de Gon Freecss, un rapaz que anda á procura do seu pai, un lendario membro da sociedade de "cazadores". O manga foi un éxito de vendas, cos primeiros vinte volumes acadando os 55 millóns de copias no Xapón (agosto de 2011). A data de xullo de 2022, vendeu uns 84 millóns de exemplares. En 2008, Togashi empatou con Eiichiro Oda, autor de One Piece, como o quinto mangaka favorito dos xaponeses segundo unha enquisa de Oricon.

En 2017, escribiu o guión dun manga de dous capítulos titulado Akuten Wars (en ), ilustrado por Hachi Mizuno.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados en 1966 Categoría:Escritores en lingua xaponesa Categoría:Debuxantes de manga Categoría:Personalidades da banda deseñada Categoría:Nados na prefectura de Yamagata