As proteínas Munc-18 (acrónimo do inglés mammalian uncoordinated-18, non coordinadas de mamífero 18) son os homólogos de mamíferos da proteína UNC-18 (que se descrubriu primeiramente no verme nematodo Caenorhabditis elegans) e son membros da familia proteica Sec1/similar a Munc18 (SM). As proteínas Munc-18 foron identificadas como compoñentes esenciais do complexo proteico para a fusión de vesículas sinápticas e son cruciais para a exocitose regulada en neuronas e células neuroendócrinas.

Función As Munc-18 únense á sintaxina para que se forme o complexo sintaxina/munc-18, que se pensa precede e/ou regula o cebado de vesículas, un proceso no que actúan como mediadores as proteínas VAMP, SNAP-25 e sintaxina. Munc18-1, un membro da familia SM, ten múltiples funcións na exocitose. Promove directamente a estabilidade da sintaxina e pode controlar a correcta ensamblaxe espacial dos complexos centrais (core) da fusión dependente de SNARE, ou actuar como compoñente directo da maquinaria de fusión por medio da interacción co núcleo da SNARE. Munc18a, que se une especificamente ao N-terminal da sintaxina, causa un cambio de conformación, activando a sintaxina, a cal á súa vez conecta co complexo SNARE ternario. A deleción de munc18-1 orixina un defecto no atraque de vesículas secretoras. Ademais, o rato deficiente en munc18-1 é o primeiro modelo de rato no que a secreción de neurotransmisores está totalmente ausente. Este modelo de rato denomínase apropiadamente "rato silencioso".

Mecanismo A descrición de abaixo presenta un modelo xeral de como se pensa que Munc-18 exerce o seu papel na fusión e atraque de vesículas, posibilitando a exocitose intencionada. Como é un modelo preliminar combinado, cómpre realizar máis investigacións para comprendermos mellor o papel de Munc-18 neste proceso. Munc18-1 únese primeiro a unha forma pechada da sintaxina-1, bloqueando a formación do complexo SNARE. Isto pénsase que afecta o atraque de vesículas. Munc13 abre a sintaxina-1, Munc18-1 é trasladada ao complexo SNARE, que se libera do seu efecto inhibitorio, permitindo a ensamblaxe (concretamente do feixe da parte de 4 hélices alfa) Crese que Munc18-1 estabiliza o complexo trans-SNARE formado, impedindo a súa disociación. O complexo SNARE, potencialmente coa axuda de Munc-18, xunta as membranas e causa a fusión.

Tamén se atopou nun estudo que Munc-18 se une ao C-terminal da sinaptobrevina, o que suxire que esta proteína xoga un importante papel na fusión de membranas.

Membros da familia Velaquí unha lista das proteínas Munc-18 humanas:

proteína xene símbolo nome MUNC18-1 STXBP1 proteína que se une á sintaxina 1 MUNC18-2 STXBP2 proteína que se une á sintaxina 2 MUNC18-3 STXBP3 proteína que se une á sintaxina 3 MUNC18-4 STXBP4 proteína que se une á sintaxina 4 MUNC18-5 STXBP5 proteína que se une á sintaxina 5 MUNC18-6 STXBP6 proteína que se une á sintaxina 6

Notas

Véxase tamén Outros artigos Fusión de vesículas Exocitose Sintaxina SNARE

Ligazóns externas

Categoría:Neurofisioloxía Categoría:Proteínas