Fernanda Wilhelmina Maria Albertina Schoonheyt, coñecida como Fanny Schoonheyt, nada en Rotterdam o 15 de xuño de 1912 e finada na mesma cidade o 23 de decembro de 1961, foi unha miliciana neerlandesa durante a Guerra civil española, onde loitou no bando republicano. Polas súas accións de combate e a súa habilidade coas armas, foi coñecida en artigos de prensa como a «raíña da metralladora».

Traxectoria Fanny era a única filla do comerciante Jules Alphons Schoonheyt e de Johanne Gehring, de Isselhorst (Westfalia), propietaria dun taller de costura. Comezou a súa carreira profesional como secretaria no diario Nieuwe Rotterdamsche Courant. Viaxou á URSS en 1934 e escribiu varios artigos sobre o que viu alí.

En 1934 trasladouse a Barcelona como correspondente estranxeira. Schoonheyt afiliouse ao Partit Socialista Unificat de Catalunya (PSUC) e participou na organización da Olimpíada Popular. Durante o Golpe de estado de xullo de 1936 en Barcelona participou nos asaltos aos cuarteis dos días inmediatamente posteriores. Posteriormente marchou á fronte co Grupo Thaelmann, antes de chegaren as Brigadas Internacionais.

En novembro de 1936 foi ferida en combate na Fronte de Aragón. Ao recuperarse non volveu á fronte e pasou a integrar o servizo de seguridade do PSUC. Na primavera de 1937 era oficial do Exército da República e directora do primeiro Campo de Instrución premilitar establecido en Pins del Vallès. En 1938 tentou renovar o seu pasaporte no consulado dos Países Baixos en Barcelona pero a súa solicitude foi denegada. Por un decreto especial do goberno no verán anterior, todos os interbrigadistas neerlandeses foron privados da súa cidadanía neerlandesa. Ese verán foi a Toulouse, onde tentou sacar unha licenza de piloto.

Ao acabar a guerra en España, trasladouse á República Dominicana. Alí naceu a súa única filla en 1940.

En 1947 foi deportada. Permitíuselle residir en Curaçao, xa que os máis dos voluntarios holandeses convertéranse en apátridas desde o decreto de 1937 que os privara da nacionalidade.

Alí traballou como fotógrafa co nome de Fanny López. En 1957 puido regresar aos Países Baixos, onde morreu en 1961 dun infarto.

Ver tamén Mika Etchebéhère Encarnación Hernández Luna

Notas

Categoría:Nados en Rotterdam Categoría:Militares da guerra civil española leais á República Categoría:Fotógrafos dos Países Baixos Categoría:Militares dos Países Baixos Categoría:Activistas dos Países Baixos Categoría:Nados en 1912 Categoría:Finados en 1961