O transporte inverso ou inversión de transportador é un fenómeno no cal os substratos dunha proteína transportadora de membrana son movidos na dirección oposta á do seu movemento típico nese transportador. A inversión do transportador ocorre cando unha proteína transportadora de membrana é fosforilada por unha determinada proteína quinase, que é un encima que coloca grupos fosfato a proteínas.
A función principal da maioría dos transportadores de neurotransmisores é facilitar a recaptación do neurotransmisor (é dicir, a reabsorción dos neurotransmisores pola célula que os liberou). Durante a recaptación do neurotransmisor, os transportadores de neurotransmisor moven tipos específicos de neurotransmisores desde o espazo extracelular ao citosol dunha neurona ou célula glial. Cando estes transportadores operan á inversa, producen un efluxo de neurotransmisor (é dicir, o movemento do neurotransmisor desde o citosol ao espazo extracelular por medio da liberación mediada polo transportador, que é o contrario da liberación exocítica). En neuronas, o transporte inverso facilita a liberación de neurotansmisores na fenda sináptica, resultando nunha maior concentración de neurotransmisores sinápticos e un incremento da sinalización a través dos correspondentes receptores de neurotransmisores.
Por exemplo, os axentes liberadores de monoaminas, como as anfetaminas, causa un efluxo do neurotransmisor monoamina (é dicir, a liberación de neurotaransmisores monoamina das neuronas na fenda sináptica por medio da liberación mediada polo transportador de monoaminas) ao desencadear o transporte inverso nos transportadores de monoaminas vesiculares (concretamente, VMAT1 e VMAT2) e outros transportadores de monoaminas que están localizados ao longo da membrana plasmática de neuronas (especificamente, o DAT, o NET e o SERT). O mecanismo exacto pola cal as anfetaminas e outros axentes de liberación de monoaminas funcionan como mediadores da indución do transporte inverso compréndense mal polo momento. Porén, o proceso pode implicar a elevación do ión calcio intracelular (Ca2+), a activación da proteína quinase C (PKC) e a activación da proteína quinase II alfa dependente de Ca2+/calmodulina (CaMKIIα).
Notas
Véxase tamén Outros artigos Transporte activo Axente liberador
Categoría:Neurofisioloxía