O Premio das Letras Galegas Vivas foi creado no ano 2023 pola Biblioteca Sabela Labraña, pertencente á Asemblea Cultural Galega de Barcelona, e concédese a unha escritora ou escritor en lingua galega que estea vivo. O seu obxectivo é recoñecer e homenaxear unha persoa que destaque tanto pola calidade da súa escrita coma polo seu compromiso co país e o seu activismo social e cultural, con especial atención ás mulleres e á súa contribución á literatura e á cultura galegas. O premio ten carácter honorífico e consiste nunha pequena escultura inspirada no universo dos libros feita polo artista Anxo Baranga. A proposta da Biblioteca Sabela Labraña é pedir á Real Academia Galega a instauración dun premio similar para recoñecer a traxectoria vital e a calidade da obra dun escritor ou escritora, co fin de mostrar o dinamismo da lingua sen ter que agardar ao pasamento da persoa homenaxeada. O premio complementa a celebración do Día das Letras Galegas tradicional ou o Día das Galegas nas Letras, este último organizado pola plataforma de crítica literaria A Sega e que pretende honrar cada ano unha muller que contribuíra de forma sobranceira á cultura e literatura galegas. Historia No ano 2023 o colectivo que integra a Biblioteca Sabela Labraña decidiu instaurar un premio simbólico adicado a unha persoa viva da cultura galega que servise coma referente para reivindicar a vitalidade e a vixencia da lingua galega. Ese ano a biblioteca adicou o premio a Luz Fandiño pola súa contribución á poesía, o feminismo e o activismo.

No ano 2024 constituíuse un xurado encargado de escoller a persoa merecedora do premio entre as diversas candidaturas presentadas. O xurado está formado por: Lito Caramés (profesor de secundaria, crítico de arte e escritor) Amador Castro (escritor) Alba González (libreira) Helena González (profesora de Estudos Galegos e Portugueses da Universidade de Barcelona) María Xesús Lama (profesora de Estudos Galegos e Portugueses da Universidade de Barcelona)

A partir da segunda edición do premio, escóllese unha gañadora entre as persoas candidatas achegadas á Asemblea Cultural Galega de Barcelona. En 2024 o xurado outorgou o galardón á creadora Margarita Ledo Andión, xornalista, escritora, feminista, catedrática de comunicación, membro da Real Academia Galega, cineasta e impulsora de proxectos relacionados co activismo político e cultural. En 2025 a persoa gañadora do premio foi a poeta e ensaísta Olga Novo, muller gañadora de diversos premios literarios de poesía tanto no ámbito nacional coma internacional.

Persoas premiadas 2023: Luz Fandiño 2024: Margarita Ledo Andión 2025: Olga Novo

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén Outros artigos

Día das Letras Galegas Día das Galegas nas Letras

Ligazóns externas Sitio web da Asemblea Cultural Galega de Barcelona

Categoría:Literatura en lingua galega Categoría:Premios e certames literarios de Galicia