O Teloschistes chrysophthalmus é un lique fruticoso da familia das Teloschistaceae, orixinario das rexións mediterráneas de todo o mundo.

Descrición Este lique, de cor amarelada-agrisada ou amarelada-verdosa na parte superior e branca na inferior, ten un talo moi ramificado que pode medir ata 2,5 cm de altura. Os apotecios, lecanorinas, son grandes, laranxas e de copa plana, e están nas partes do talo que se desfai en fibras finas ou lacinias, dándolles aos apotecios un aspecto estrelado. O fotobionte é unha alga do xénero Trebouixa. Mostra preferencia por zonas relativamente cálidas, secas e eutrofizadas, instalándose con frecuencia en pólas ben iluminadas de árbores (preferiblemente coníferas e carballos) e arbustos. Este lique, aínda que facilmente distinguible, nalgúns contextos podería confundirse con Evernia prunastri, Anaptychia ciliaris, especies do xénero Ramalina ou especies do xénero Usnea. As probas químicas poden facilitar a súa identificación. O talo e os apotecios vólvense púrpuras cando se aplica unha solución de K+ (hidróxido de potasio a unha concentración do 10-20 %).Calatayud,V., Sanz, M.J., Sánchez. Guía de líquenes epífitos. Organismo Autónomo de Parques Nacionales, 1991

Distribución Esta especie atópase especialmente en zonas mediterráneas, pero tamén está distribuída de forma dispersa por todas as zonas atlánticas e subatlánticas do centro de Europa. Tamén foi atopado en América do Norte e varios países de América do Sur.Giralt, Mireia. Líquens epífits i contaminació atmosfèrica a la plana i les serralades litorals tarragonines. Institut d'Estudis Catalans, 2006 É un lique localmente frecuente na parte mediterránea de España e máis raro na costa cantábrica.

Notas

Categoría:Liques Categoría:Fungos de Galicia