A 46,XX/46,XY é unha condición xenética que pode ser quimérica ou un mosaico xenético, caracterizada pola presenza nunha mesma persoa dalgunhas células que teñen o cariotipo 46,XX e outras que teñen o 46,XY, polo que teñen nas células do seu corpo tanto a combinación de cromosomas sexuais típica feminina (XX) coma a masculina (XY). As persoas con estas condicións clasifícanse como intersexuais.

Tipos

Quimerismo tetragamético A causa da condición explícase na agregación na concepción ou útero de dous cigotos distintos ou blastocistos (un co cariotipo 46,XX e o outro co 46,XY) formando un só embrión, que seguidamente orixina o desenvolvemento dun só individuo con dúas liñas celulares distintas, en lugar de orixinar dous individuos que serían xemelgos fraternos.

En humanos o dimorfismo sexual é unha consecuencia do sistema de determinación do sexo XY. Na diferenciación sexual prenatal típica, os embrións macho e femia son anatomicamente idénticos ata as 7 semanas de embarazo, cando a presenza ou ausencia do xene SRY no cromosoma Y causa que o tecido gonadal indeterminado experimente a diferenciación e finalmente se converta nun par de testículos ou ovarios, respectivamente. As células dos testículos en desenvolvemento producen hormona antimülleriana, causando a regresión dos condutos müllerianos. Como os individuos 46,XX/46,XY expresan parcialmente o xene SRY, o proceso normal polo cal un embrión se desenvolve normalmente nun macho ou femia fenotípicos pode estar significativamente afectado causando unha variación que afectará as gónadas, o tracto reprodutivo e os xenitais. Malia isto, rexistráronse na literatura médica casos de diferenciación sexual completamente normal en individuos 46,XX/46,XY. O quimerismo 46,XX/46,XY pode identificarse durante o embrazo por un cribado prenatal ou ao inicio da infancia por tests xenéticos e observación directa.

O 46,XX/46,XY é un exemplo de quimerismo tetragamético porque require catro gametos: dous espermatozoides e dous óvulos. Explícase normalmente da seguinte maneira: Orixínase durante a combinación na concepción de dous óvulos fecundados (cigotos). Os dous óvulos da nai foron fecundados por dous espermatozoides do pai. Un dos espermatozoides contiña o cromosoma X; o outro contiña un cromosoma Y. O resultado é a produción dun cigoto cun xenotipo XY e outro cigoto cun xenotipo XX. En circunstancias normais, os dous cigotos resultantes darían lugar a dous xemelgos fraternos. Porén, nos individuos 46,XX/46,XY, os dous cigotos fusionáronse pouco despois da fecundación e convertéronse nun só cigoto con dous tipos de células con combinacións cromosómicas distintas. Os cigotos fusiónanse o suficientemente cedo como para que non haxa risco de que se formen xemelgos siameses (unidos), senón que se forma un só individuo. Variacións deste mecanismo son a fecundación dun óvulo e o seu primeiro ou segundo corpo polar por dous espermatozoides.

Mosaicismo Interveñen eventos de non-disxunción meióticos ou mitóticos. O individuo orixínase a partir dun só cigoto. O cigoto resultante da fecundación dá lugar a dúas liñas celulares, dando lugar a un xenoma mixto debido á presenza dalgunhas células cun cariotipo 46,XX e outras cun cariotipo 46,XY. Cando se detecta que todos os cromosomas X proceden da nai, isto suxire que é un caso de mosaicismo máis que de quimerismo. Can Liao, Xin Yang, Min Pan and Dong-Zhi Li. A 46,XY/46,XX mosaicism diagnosed at amniocentesis: another case report. Prenatal Diagnosis 2008; 28: 65–66. Publicado on line o 4 de decem bro de 2007 en Wiley InterScience (www.interscience.wiley.com) DOI: 10.1002/pd.1908Yaron Y, Feldman B, Kramer RL, Kasperski SB, Vo T, Feldman GL, Johnson MP, Evans MI, Ebrahim SA. Prenatal diagnosis of 46,XY/46,XX mosaicism: a case report. Am J Med Genet. 7 de maio de 1999;84(1):12-4. .

Propuxéronse dous mecanismos teóricos polos cales podería aparecer o mosaico 46,XX/46,XY: Na 2ª división meiótica prodúcese non-disxunción orixinándose un ovocito 24,XX (ten un cromosoma X de máis respecto da dotación haploide). Despois este ovocito é fecundado por un espermatozoide normal 23,Y, orixinándose un cigoto 47,XXY. Despois o cigoto divídese e na primeira mitose unha célula filla perde un cromosoma X, creando a liña celular 46,XY, e a outra célula filla perde o Y, creando a liña celular 46,XX. O embrión con estas dúas liñas celulares será un mosaico 46,XX/46,XY. Na embrioxénese temperán dun embrión 46,XY prodúcese non-disxunción mitótica simultaneamente do cromosoma X e do Y, xerándose unha liña celular 46,XX e outra 46,XY, mentres que a liña nulosómica para X perece.

Signos e síntomas

Físicos A condición 46,XX/46,XY quimérica ou en mosaico está asociada cun amplo espectro de presentacións físicas, con casos que van desde ter un fenotipo completamente normal de home ou de muller a algúns casos que teñen síndrome ovotesticular (unha ou ambas as gónadas conteñen tanto tecido testicular coma ovárico). Debido a esta variación, os tests xenéticos son o único xeito de facer unha diagnose fiable.

A existencia dun caso de 46,XX/46,XY é posible se hai unha observación directa dunha ou máis das características seguintes: Falo pequeno cun tamaño medio ente un clítoris e o pene. Abertura uroxenital incompletamente pechada (vaxina pouco profunda). Abertura da uretra anormal no perineo. Non se informou de ningún caso con ambos tipos de gónadas plenamente funcionais na mesma persoa, o tecido funcional adoita ser o tecido ovárico. Na puberdade pode aparecer unha mestura de características de macho e femia. Algúns individuos desenvolverán características secundarias, como a formación de mamas (xinecomastia) durante a puberdade en fenotipos de macho, mentres que outras poden experimentar un afondamento da voz e desenvolvemento de pelo secundario.

Tamén se observou segmentación da pel (distintas áreas na pel). Porén, esta característica non é exclusiva do quimerismo nin do mosaicismo 46,XX/46,XY, xa que tamén se observou noutros tipos de quimerismo.

Cognitivos

As persoas con esta condición non presentan problemas cognitivos.

Diagnose O diagnóstico dunha quimera ou mosaico é especialmente difícil debido á distribución aleatoria das células 46,XX e 46,XY no corpo. Nunha quimera un órgano podería conter unha mestura de células 46,XX e 46,XY, pero podería tamén estar constituído enteiramente por un só xenotipo. Cando é este o caso, non se nota ningunha anormalidade e deberán analizarse outros tipos de tecidos. As análises de sangue poderían indicar a presenza de glóbulos vermellos de diferentes grupos sanguíneos.

Antes do nacemento poden observarse os xenitais ambiguos por medio de imaxes de ultrasóns. O cariotipo podería tamén observarse por amniocentese ou mostras de sangue umbilical.

Notas

Categoría:Quimerismo Categoría:Variacións intersexuais