A síndrome de abstinencia das benzodiazepinas é o conxunto de síntomas que aparecen cando unha persoa que tomou benzodiacepinas por un período prolongado e desenvolveu dependencia suspende o seu consumo. Tamén se pode dar por unha redución da dose. A síndrome de abstinencia das benzodiacepinas é similar ás producidas pola abstinencia de consumo de alcol ou de barbitúricos e pode provocar síntomas graves que poñen en perigo a vida, como convulsións. Estes síntomas graves, tanto como os potencialmente letais, están na súa maioría limitados á redución abrupta ou apresurada de doses elevadas.
Unha proporción de individuos pode desenvolver unha síndrome de abstinencia das benzodiacepinas prolongado, con síntomas como ansiedade, irritabilidade, insomnio e alteracións sensoriais. Nun número reducido de persoas pode ser grave e semellar serios casos psiquiátricos ou médicos, como esquizofrenia e convulsións. Un grave efecto secundario da abstinencia de benzodiacepinas é o suicidio.
A síndrome de abstinencia das benzodiazepinas pode ser minimizado en intensidade e gravidade mediante unha redución gradual da dose. A suspensión de benzodiazepinas é usualmente benéfica debido aos efectos adversos asociados ao uso prolongado destas. Con todo, é recomendábel que quen as consomen por un tempo prolongado non suspendan o seu uso de maneira violenta ou abrupta.
A exposición crónica ás benzodiazepinas causa adaptacións físicas no cerebro que contrarrestan os efectos da droga. Isto é coñecido como tolerancia e dependencia física. Cando son suspendidas as benzodiazepinas ou se reduce a dose nun individuo fisicamente dependente, poden aparecer numerosos síntomas tanto físicos como psicolóxicos. Estes mesmo poden permanecer presentes até que o corpo contrarreste a dependencia física coa adaptación á falta da droga e desta maneira o cerebro retorne ao seu funcionamento normal.
Xeralmente, canto máis alta a dose da benzodiazepina, máis longo o uso e máis rápido é descontinuado o seu consumo, máis posíbel é a aparición de síntomas graves. Con todo, tamén poden aparecer síntomas graves durante a redución gradual da dose ou desde doses relativamente baixas.
En certos grupos de pacientes seleccionados, a presenza de síntomas pola abstinencia alcanza o 100%. Pola súa banda, en grupos de pacientes non seleccionados máis do 50% dos suxeitos son capaces de tomar doses descontinuas de benzodiazepinas con síntomas suaves ou mesmo sen eles. Os síntomas poden persistir semanas ou meses logo da suspensión. Nun subgrupo de pacientes máis pequeno os síntomas por abstinencia poden continuar a un nivel menos agudo por meses ou mesmo anos. O uso prolongado de benzodiazepinas pode levar a síntomas similares aos da abstinencia, malia manter unha dose terapéutica constante.
Atribuír correctamente síntomas como ansiedade (anteriormente mal diagnosticados) aos efectos da abstinencia de benzodiazepinas, xunto con estratexias personalizadas de redución conforme a gravidade dos síntomas, máis a inclusión de estratexias alternativas como consolo e remisión a grupos de soporte aumentan o índice de éxito na suspensión.
Os síntomas por abstinencia poden aparentar síntomas psiquiátricos. Adoitan ser interpretados como evidencia da necesidade das benzodiazepinas, o cal conduce ao fracaso e restabelecemento das benzodiazepinas, en moitos casos a doses maiores.
Transfondo Os sedantes hipnóticos, como as benzodiazepinas, os barbitúricos e o alcol causan serias complicacións médicas durante a súa suspensión. Estes son considerados clinicamente máis perigosos de suspender cós opiáceos. É común nos pacientes o uso prolongado inapropiado de benzodiazepinas. Debido á tolerancia e á dependencia psicolóxica que xeran, o uso das benzodiazepinas está xeralmente recomendado só en períodos curtos dunhas poucas semanas, seguido dunha redución gradual da dose. A sobre-prescrición de benzodiazepinas a longo prazo pode causar dependencia e ter moitos efectos adversos para a saúde. Os pacientes adoitan recibir pouca información e apoio dos seus doutores. Como o tratamento a longo prazo con benzodiazepinas (mesmo en doses baixas) está asociado con efectos adversos tales como deterioración cognitiva, recoméndase a abstinencia destas.
Moitos pacientes desexan suspender o uso de benzodiazepinas preocupados polos seus efectos adversos dun uso prolongado e moita xente suspendeu exitosamente estas drogas en todo o mundo. De feito, a dependencia das benzodiazepinas e a súa suspensión foron investigadas de xeito amplo na literatura médica. Un sumario de literatura médica sobre as benzodiazepinas e técnicas para a súa suspensión, combinado coa habilidade clínica da profesora Heather Ashton en psicofarmacoloxía, psiquiatría e a dirección dunha clínica de suspensión durante 12 anos, conduciron á creación do Manual de Ashton. Con suficiente motivación e a abordaxe apropiada, case todos os pacientes poden suspender de xeito satisfactorio as benzodiazepinas. Con todo, en ningún caso se lles debe facer interromper abruptamente o consumo a usuarios de longo prazo dependentes das benzodiazepinas, xa que hai un alto risco de causar unha síndrome de abstinencia grave e potencialmente letal. A suspensión lenta e unha redución gradual da dose xeralmente mitigan os riscos.
Cadro clínico Algúns dos síntomas causados pola abstinencia son idénticos aos síntomas polos que a medicación foi orixinalmente prescrita. A capacidade para diferenciar entre recaída e rebote é moi importante durante a fase de suspensión e frecuentemente pode inducir a erros de diagnóstico. Os síntomas pola abstinencia de doses baixas usualmente duran entre 6 e 12 meses e melloran gradualmente durante ese período de tempo. Os síntomas poden carecer dunha causa psicolóxica e poden flutuar en intensidade con períodos de días bos e malos até a recuperación. Por esta razón, moitos expertos opinan que tras a suspensión do consumo de benzodiazepinas durante un período longo (ou mesmo en prazos bastante curtos) débense deixar pasar polo menos 6 meses antes de avaliar novamente os síntomas e actualizar o diagnóstico.
Os síntomas de abstinencia poden ocorrer mesmo cunha dose estábel de benzodiazepinas debido ao fenómeno de «abstinencia por tolerancia». O corpo experimenta os efectos da abstinencia e demanda incrementar as doses para poder sentirse nunha situación normal, o cal pode conducir a un aumento graduado da dose. É máis común que os síntomas de abstinencia ocorran durante reducións da dose. A aparición da síndrome de abstinencia das benzodiazepinas de vida media prolongada pode demorar até tres semanas, aínda que os síntomas de abstinencia de benzodiazepinas de acción curta adoitan presentarse antes, usualmente dentro das 24-48 horas. Os síntomas de abstinencia de benzodiazepinas ou opioides que se dan tras a suspensión das infusións son comúns entre os pacientes pediátricos de coidado intensivo. O risco de desenvolvemento desta síndrome vese aumentado de acordo coa duración total do tratamento con infusións e a dose total dada.
A síndrome de abstinencia das benzodiazepinas aguda polo xeral dura dous meses. Porén, poden persistir síntomas de abstinencia clinicamente significativos —aínda que vaian diminuíndo gradualmente— por meses ou mesmo varios anos. A gravidade e duración da síndrome de abstinencia está probabelmente determinada por varios factores, entre outros, o índice de diminución da dose, a duración do período de consumo de benzodiazepinas e o tamaño da dose. Tamén é posíbel que inflúan factores xenéticos.
A forma máis efectiva de reducir a intensidade e duración dos síntomas é axustar a velocidade de redución da dose de acordo cos síntomas de abstinencia con flexibilidade durante a fase de suspensión. Algunhas persoas poden non chegar a estabilizarse por completo entre as reducións da dose mesmo cando o índice de redución é diminuído. Esas persoas ás veces simplemente necesitan persistir en abandonar as benzodiazepinas, dado que quizais non se sintan mellor até suspenderen por completo as benzodiazepinas por un período de tempo.
O uso a longo prazo de benzodiazepinas causa menoscabo cognitivo, neurolóxico e intelectual. Nun estudo comprobouse que tras un ano de abstinencia da benzodiazepinas estas deterioracións retornaran á normalidade.
Os pacientes con dependencia física a ansiolíticos benzodiazepínicos de curta acción poden experimentar o que se coñece como «abstinencia entre dose». Consiste na aparición de síntomas de abstinencia no tempo que transcorre desde a toma dunha dose e antes de chegar á seguinte debido a que a acción da dose previa desaparece. Isto pode causar síntomas tales como ansiedade de rebote entre dose e ansia da dose seguinte.
Síntomas como o insomnio de rebote pode aparecer tras só 7 días de administración de benzodiazepinas. Outro ensaio demostrou a existencia de efecto rebote por abstinencia tras só 18 noites de uso de lorazepam como hipnótico. Desenvolveuse ansiedade durante o día e tensión tras só 7 días de uso de hipnóticos benzodiazepínicos de acción curta. Durante a abstinencia de benzodiazepinas tras só 7 noites de uso, o insomnio de rebote causado pola abstinencia foi peor que ao comezo. O uso intermitente de benzodiazepinas mesmo durante un período curto de tempo pode causar insomnio de rebote. Mentres que o uso de hipnóticos de acción curta é efectivo para conciliar o soño, estes empeoran a segunda metade do soño debido aos efectos de abstinencia.
O consumo de triazolam ten asociados, polo común, síntomas de abstinencia durante o día debido á súa moi curta vida media. Os pacientes reportaron ansiedade, aflición, perda de peso, desrealización, pánico e depresión, e desenvolveron paranoia tras só 10 noites de consumo. Estas reaccións ocorreron máis comunmente con triazolam ca con lormetazepam, o cal ten unha vida media intermedia. Por tanto, canto máis curta sexa a acción dun hipnótico benzodiazepínico, máis graves son os síntomas de abstinencia no día. A ansiedade relacionada coa abstinencia no día tamén pode ocorrer polo consumo crónico de hipnóticos non benzodiazepinicos nocturnos como zopiclona. Tras só 8 ou 9 semanas de consumo de alprazolam nunha dose fixa prescrita, déronse os seguintes síntomas tras unha descontinuidade abrupta: disforia, cansazo, baixa enerxía, confusión, presión sanguínea sistólica elevada e ansiedade grave.
Síntomas durante a redución gradual Os seguintes síntomas pode xurdir durante a redución gradual da dose. Porén, decote poden ser atenuados ou eliminados na súa totalidade mediante a diminución do índice de redución:
Síntomas durante a redución abrupta Unha interrupción abrupta ou apresurada das benzodiazepinas pode resultar nunha síndrome de abstención máis seria e desagradábel. Adicionalmente pode derivar en: Algunhas persoas só experimentan pouco ou nada de abstención ao suspender o uso de benzodiazepinas a longo prazo. Non hai certeza en canto á causa destas diferenzas entre pacientes. Con todo, algunhas investigacións en animais suxiren que a abstinencia de drogas sedantes-hipnóticas pode estar influenciada por un compoñente xenético. Co progreso da suspensión os pacientes a miúdo descobren que a súa saúde física e mental mellora xunto cos seus estados de ánimo e cognición.
Mecanismo e fisiopatoloxía