José Luís Mascareñas Cid, nado en 1961 en Allariz , é un científico e profesor galego.
Traxectoria
Licenciado e doutor en Química pola USC, con estancias posdoutorais nas universidades de Stanford, Harvard, Cambridge e o MIT. É catedrático de Química Orgánica da Facultade de Química da USC desde 2005; e director científico do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago desde 2014. No CiQUS liderou o grupo MetBioCat de estudo de novas estratexias de catálise bioinspirada, química bioortogonal e reactividade controlada en contornas celulares. O equipo traballou no deseño de complexos metálicos capaces de operar dentro de células vivas para inducir reaccións químicas non naturais, unha liña de investigación que abre novas perspectivas para a biomedicina, a biotecnoloxía e a enxeñaría molecular.
Dirixiu máis de 40 teses de doutoramento, publicou máis de 250 artigos en revistas científicas de alto impacto e redactou 23 solicitudes de patentes. En 2025, Mascareñas presidiu a Bürgenstock Conference, un dos encontros máis selectivos e relevantes da química internacional.
É membro da Academia Europea das Ciencias, fundador e primeiro presidente do Grupo de Biología Química da RSEQ e, desde 2021, vicepresidente deste organismo. Ademais, é membro da Real Academia Galega de Farmacia. É membro do Consello Editorial de ACS Omega, ChemBioChem e Chem. Asian J. Org. Chem., e representante español na división orgánica de EUCHEMS (desde 2015). Desde 2022 é membro da Real Academia de Ciencias de Galicia (RAGC).
Premios e recoñecementos
2009: Premio de Química Orgánica entregado pola Real Sociedad Española de Química (RSEQ) 2013: Medalla de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela. 2013: ERC Advanced Grant, concedida polo Consello Europeo de Investigación. 2014: Premio de Galego do Ano outorgado polo “Grupo Correo Gallego”. 2015: Medalla de Ouro da RSEQ e recoñecemento Felix Serratosa Lectureship 2025: Premio Rei Jaume I na categoría de Investigación Básica polos seus traballos pioneiros en química órgano-metálica, segundo destacou o xurado.
Notas
Categoría:Nados en Allariz Categoría:Nados en 1961 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Científicos de Galicia Categoría:Químicos de Galicia Categoría:Profesores da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes