A revolución de novembro de 1918, tamén referida como Revolución Alemá ou Revolución espartaquista, levou no final da primeira guerra mundial ó troco dende a monarquía do Imperio alemán a unha república pluralista, parlamentaria e democrática.

A revolución comezou como un alzamento de mariños en Kiel; en poucos días abarcou toda Alemaña e forzou a abdicación do káiser Guillerme II o 9 de novembro de 1918. Os obxectivos de avanzada dos revolucionarios, guiados por ideais socialistas, fracasaron en xaneiro de 1919 ante a oposición dos líderes do Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD). Estes temían un “caos revolucionario” e posteriormente esforzáronse en reconciliar os partidos burgueses e a elite afín ao Káiser fronte ás novas relacións do poder. Adicionalmente acordaron unha alianza co Supremo Comando Militar alemán e permitiron a sufocación violenta do chamado Levantamento Espartaquista (Spartakusaufstand).

O desenredo formal da revolución ocorreu o 11 de agosto de 1919 coa sinatura da nova Constitución da República de Weimar.

Antecedentes miniatura|Barricada en Berlín en xaneiro de 1919|esquerda O imperio alemán e a democracia social A revolución civil de marzo de 1848/49 fracasou, sobre todo, polo problema de ter que conseguir ao mesmo tempo a democratización e a unión de Alemaña. Nas décadas posteriores, a cidadanía aliñouse co estado autoritario (Obrigkeitsstaat), particularmente unha vez que a unidade alemá se estableceu, na forma da Pequena Alemaña baixo o liderado de Prusia en 1871.

O recentemente fundado imperio alemán era unha monarquía constitucional. Para o Reichstag aplicábase o dereito de sufraxio igualitario, universal e secreto para os homes (Männerwahlrecht). A influencia do parlamento na política do Reich era, con todo, especialmente limitada. A súa única atribución importante era a aprobación do orzamento. O goberno do Reich non era responsable diante o Parlamento, senón só diante o Emperador.

Os socialdemócratas, que posteriormente formaron o SPD, tamén estaban representados no Reichstag dende 1871. Como único partido político no imperio, este avogaba publicamente por un estado republicano. Por este motivo, Otto von Bismarck fíxoos perseguir dende 1878 até a súa destitución en 1890 baseándose nas Leis Socialistas. Malia iso, os socialistas puideron aumentar a súa representación en case todas as eleccións. No Reichstag de 1912 formaban o partido parlamentario máis forte, con 110 deputados e o 28 % dos votos.

miniatura|esquerda|O Reichstag (Parlamento Alemán).

Nos 43 anos desde a fundación do Reich até a primeira guerra mundial, o SPD non soamente creceu en importancia, senón que tamén cambiou o seu carácter. Na disputa revisionista (Revisionismusstreit) que comezou en 1898, os chamados revisionistas querían eliminar o obxectivo da revolución do programa do partido. Propugnaban no seu lugar reformas sociais de acordo coa orde económica establecido. A á marxista impúxose novamente contra os revisionistas. Con todo, a retórica revolucionaria ocultaba que o SPD se volvera practicamente reformista dende a derrogación das “leis socialistas” en 1890. Os socialdemócratas, difamados como “membros sen patria”, sentíanse patriotas alemáns. No comezo da primeira guerra mundial fíxose claro que o SPD se volvera parte integral do imperio, aínda sendo a oposición.

O SPD e a primeira guerra mundial miniatura|dereita|150px|August Bebel. miniatura|150px|Karl Liebknecht.

Ao redor de 1900, a socialdemocracia alemá estaba á cabeza do movemento internacional dos traballadores. Nos congresos paneuropeos da Segunda Internacional Socialista, o SPD sempre aprobara as resolucións que prevían unha causa común socialista en caso de iniciarse a guerra. Durante a crise de xullo que seguiu ao asasinato do arquiduque Francisco Fernando en Saraxevo, aínda organizou - como outros partidos socialistas en Europa - grandes manifestacións contra a guerra. Nelas Rosa Luxemburg, a portavoz da á esquerdista do partido, chamou á desobediencia e a evitar a guerra en nome de todo o SPD. Por este motivo, o goberno do Reich planeou aprehender aos líderes do partido inmediatamente logo de entrar en guerra. Friedrich Ebert, un dos dous representantes do partido, viaxou a Zürich levando os fondos do partido a un lugar seguro, fóra do alcance do estado.

Ao declarar Alemaña a guerra á Rusia tsarista o 1 de agosto de 1914, a maioría do SPD deixouse contaxiar do sentimento bélico. De tal xeito seguiu ao seu antigo presidente August Bebel, quen antes da súa morte en 1913 dixera: “Se é en contra de Rusia, eu mesmo alzarei a pistola”. Ademais, os deputados do SPD temían perder votos e influencia no Reichstag, así como unha proscrición do partido se evitaban o seu “deber patriótico”.

A dirección do partido e os representantes no Reichstag estaban divididos na súa posición respecto da guerra: xunto con Friedrich Ebert, 96 deputados aprobaron os créditos de guerra para o goberno do Reich. Co segundo presidente, Hugo Haase, 14 parlamentarios estaban en contra, pero votaron a favor por disciplina da fracción. O SPD aprobou así os créditos de guerra, prometeulle ao Emperador renunciar a folgas e á remuneración dos sindicatos mentres durase a guerra, posibilitando así a mobilización das forzas alemás. Haase explicou a súa decisión, que se tomou contra a súa vontade dicindo: “Non imos abandonar a patria na hora do perigo!”

O Káiser acolleu a chamada “paz cidadá” da política alemá ao final do seu Discurso do Trono coa frase que se fixo famosa: “Non recoñezo máis partidos, só recoñezo alemáns”.

O mesmo Karl Liebknecht, quen despois se convertería en símbolo do movemento antibelicista, cedeu en principio ás xustificacións do partido: abstívose da votación para non ter que votar contra a súa propia facción. Porén, o 5 de agosto de 1914 fundou, xunto a Rosa Luxemburg, Franz Mehring e outros membros da esquerda do partido, o Grupo Internacional (Gruppe Internationale), que mantiña as resolucións do SPD previas á guerra. Deste grupo saíu a maior parte da “Liga Espartaquista” o 1 de xaneiro de 1916. O 2 de decembro de 1914, Liebknecht, e nun principio unicamente el, votou en contra de máis créditos para a guerra. Por este motivo foi levado aos militares en 1915 a instigación da dirección do partido. Debido aos seus intentos de organizar a quen se opoñían á guerra, foi botado do SPD e condenado en xullo de 1916 a catro anos de prisión.

Tamén Rosa Luxemburg, tras ser liberada temporalmente, foi encarcerada até a fin da guerra.

A división do SPD Canto máis duraba a guerra e cantas máis vítimas causaba, menos membros do SPD estaban dispostos a manter a “paz cidadá” de 1914. Aínda menos dende que, en 1916, o Emperador e o goberno xa non ditaban as directrices da política do Reich, senón o Mando Supremo (Oberste Heeresleitung - OHL) ao mando dos xenerais Paul von Hindenburg e Erich Ludendorff. Este último tomaba as decisións importantes. Na práctica, eles gobernaban Alemaña como ditadores militares, perseguindo obxectivos de guerra ofensiva e determinando a vida civil tamén en función ás necesidades da guerra. Para os obreiros, isto significaba, entre outras cousas, xornadas de 12 horas con salarios mínimos e provisións deficientes.

Dende o inicio da revolución rusa de febreiro de 1917, tamén en Alemaña se produciron grandes folgas organizadas. En marzo e abril de 1917 participaron nelas 300.000 traballadores da industria bélica.

Como a situación empeorou, probablemente pola entrada dos EUA na guerra, o Emperador Guillerme II intentou tranquilizar as protestas na súa Mensaxe de Semana Santa. Prometeu que, unha vez acabada a guerra, habería eleccións xerais igualitarias (gleiche Wahlen) até en Prusia, onde até entón se aplicaba o dereito ao voto en tres clases (Dreiklassenwahlrecht).

Pero o SPD reaccionou ao crecente descontento dos obreiros seguindo os esquerdistas e entón tamén revisionistas como Haase e Eduard Bernstein. O 9 de abril de 1917, o SPD dividiuse respecto da súa posición fronte á guerra nos socialdemócratas da maioría (MSPD), con Friedrich Ebert á cabeza, e os socialdemócratas independentes (Partido Independente Socialdemócrata de Alemaña (USPD)) encabezados por Hugo Haase. Estes últimos demandaban a inmediata fin da guerra e maior democratización en Alemaña, pero non tiñan un programa sociopolítico unido. A Liga Espartaquista, que rexeitara até entón a separación do partido, formou entón unha á esquerdista do USPD.

Paz de vencedores ou paz concertada Dende a entrada á guerra dos Estados Unidos, a situación da fronte occidental fíxose cada vez máis precaria. Por isto, e para quitar forzas ao USPD, o SPD formou un comité interpartidario no Reichstag xunto ao Partido Centrista (Zentrumspartei), de orientación católica, e o Partido Popular Progresivo (Fortschrittliche Volkspartei), de orientación liberal. O verán de 1917, o comité determinou unha resolución que prevía unha paz concertada sen anexións nin reparacións de guerra.

Con todo, esta resolución rexeitouse tamén polo OHL, como en marzo de 1918 rexeitara o programa de paz de 14 puntos do presidente dos Estados Unidos Woodrow Wilson de xaneiro do mesmo ano. A resolución prevía unha paz a partir da “autodeterminación dos pobos, sen vencedores nin vencidos”. Hindenburg e Ludendorff rexeitaron esta proposta porque viron que mentres tanto se conseguiu a vitoria sobre Rusia e crían estar novamente en vantaxe, inclinándose por unha "paz de vencedores" con grandes anexións á custa do adversario.

Repercusións da Revolución de Outubro Logo da Revolución de Febreiro en Rusia e a caída do último tsar Nicolao II o 15 de marzo de 1917, o novo goberno ruso, que fora establecido desde o verán polos menxeviques á cabeza de Aleksandr Kerenskii, continuou a guerra ao lado das forzas do "Entente Cordiale". Con todo, o goberno do imperio alemán viu a oportunidade dunha vitoria militar. Para avivar o sentimento antibélico en Rusia, permitiu que o líder dos bolxeviques rusos, Vladirmir Ilich Lenin, viaxase ás agachadas do seu exilio en Suíza a San Petersburgo nun vagón selado a través de Suecia e Finlandia.

Na Revolución de Outubro, os bolxeviques, quen propugnaban a inmediata fin da guerra, conquistaron o poder en Rusia. A vitoria de Lenin reforzou o medo da clase media alemá a unha revolución similar á rusa. Os líderes do SPD tamén mostraron a súa incomodidade, porque os bolxeviques, decididamente un partido político de cadros, puideron impoñerse contra a maioría parlamentaria de socialistas moderados e a clase media. Os seus esforzos por impedir un desenvolvemento similar en Alemaña marcaron a súa actuación na Revolución de Novembro.

En xaneiro de 1918 producíronse novamente en todo o imperio folgas xerais con máis dun millón de participantes. Entón entraron en acción por primeira vez os líderes revolucionarios (Revolutionären Obleute), quen terían posteriormente un rol importante. Denomináronse «consellos» (Räte), como os «soviets» rusos. Para debilitar a súa influencia, Ebert incorporouse á dirección dos folguistas e conseguiu adiantar a fin da folga.

En marzo de 1918, o novo goberno soviético de Lev Trotski aceptou a negociación con Alemaña na Paz de Brest-Litowsk. Esta impoñía condicións de paz máis duras para Rusia que as que o posterior Tratado de Versalles impoñería a Alemaña. O OHL puido entón usar parte das tropas desocupadas da fronte oriental na fronte occidental. A maioría en Alemaña cría que pronto se lograría tamén unha vitoria no occidente.

Procura do armisticio e cambio constitucional