La Victoria foi unha fundición e fábrica de cerámica que funcionou no Concello de Oza entre 1844 e 1858, promovida polo militar e industrial Joaquín Galiacho. Tiña as súas instalacións a carón do río Monelos. La Victoria foi a primeira industria privada galega en empregar unha máquina de vapor e a primeira competidora da fábrica de Sargadelos.
Situación e propiedade dos terreos industriais La Victoria ocupaba un predio dunhas oito áreas no barrio de Monelos. No rueiro actual da Coruña a parcela coincide, grosso modo, coas rúas de Pérez Ardá, Corrales e a propia Joaquín Galiacho. A mediados do XIX o río Monelos delimitaba un dos lados da parcela. O outro testaba co Camiño Real a Madrid, que salvaba o río por unha ponte e seguía polo alto de Eirís.
Parte do soar sobre o que se construíu a fábrica era propiedade da muller de Galiacho, Bernarda Francisca Botana García, herdanza da súa nai tralo pasamento desta en 1821. O terreo contiña unha vivenda que Galiacho se ocupaba en reconstruír ao seu regreso á Coruña a mediados da década dos trinta.
Desenvolvemento da sociedade e da factoría En 1837 Galiacho asinou a compra de varias parcelas contiguas á herdada pola súa muller. A mediados do verán dese ano debía de estar en funcionamento o muíño fariñeiro que construíra en sociedade con Francisco Botana, procurador da Real Audiencia. A presa deste muíño situábase embaixo da ponte do río Monelos. A pesar das numerosas queixas da veciñanza a conta dos alagamentos que a presa provocaban nas leiras próximas, o arquitecto municipal informou en contra de que fose desartellada.
Galiacho, que contaba con experiencia na xestión e explotación de minas, canteiras e estradas, asinou en novembro de 1843 un acordo con Charles Pickman Jones, fundador da fábrica de louza de La Cartuja de Sevilla, e Manuel Noriega Cortina, accionista da fábrica coruñesa de vidros La Minerva, para a explotación conxunta das minas de estaño, ferro e caolín do monte de San Pedro de Visma.
Desta mina extraeríase a materia prima para a produción de La Victoria, polo menos nos seus inicios. Segundo se deduce da Historia da Coruña de Vedia y Goossens, debía de estar activa xa a finais de 1844.
A fábrica pertencía a unha sociedade composta por Francisco Botana, Manuel de Castro, párroco de Santa María de Traba, e o propio matrimonio Galiacho. Os gastos de ampliación da fábrica, subministracións e máquinas motivaron unha ampliación de capital por máis de seiscentos mil reais en 1848. Desa cantidade, a metade foi achegada por Manuel de Castro.
Co gallo de se prover de combustíbel, Galiacho adquiriu varios montes na parroquia de Elviña. Procurando abastos de mineral, adquiriu varias minas de ferro e cobre en Cerdido. Chegou a acordos co exército para adquirir pezas inútiles na Coruña e no Ferrol, que reutilizaba despois de fundilas.
Produtos A produción de La Victoria centrouse nos elaborados de metal para uso doméstico, como potes, alambiques, muíños de café, colgadoiros ou camas. Tamén elaboraba mobiliario urbano, como farois, pezas para barcos, como engrenaxes ou cabrestantes, ferramentas agrícolas e de carpintaría e bombas hidráulicas. Participou así mesmo no negocio do mobiliario urbano, como na fundición de farois para a cidade.
Nas mesmas instalacións da fundición comezouse a producir cerámica fina en 1852. Amais de elementos como os tubos que conducían o gas da iluminación pública que se instalou na cidade desde 1853, esta cerámica destinábase sobre todo á elaboración de vaixelas esmaltadas. Un debuxo co selo da fábrica para a súa estampaxe na vaixela conservado no Museo de Belas Artes da Coruña permite ver unha paisaxe romántica, con varias figuras que se recrean no que parece o xardín dun palacio.
Decaemento da actividade industrial, peche e poxa da factoría A competencia doutras fundicións, como Sargadelos ou Habilidades, que comezou a súa actividade na Parromeira en 1856, acabou por restar viabilidade á fábrica. En 1858 vencía a sociedade creada para a súa xestión. Ao non renovarse, a fábrica cesou a súa actividade.
As instalacións saíron en poxa o 10 de xaneiro de 1865. Foron adquiridas por Santiago Baltasar Carballeira Francesch, ferreiro e encargado de pesos do concello, que creou nela a fundición La Esperanza.
En decembro de 1866 a fábrica pasou a mans de Manuel Solórzano Ibáñez. Esta fundición mantería a súa actividade, ben que noutras instalacións, até finais do século XX.
Instalacións O informe de taxación da fábrica realizado en 1864 antes da poxa pública dá conta dos seus terreos, maquinaria e instalacións. Existen polo menos dúas representacións gráficas do complexo: un debuxo a lapis de Jenaro Villaamil realizado contra 1849, e unha litografía de Baltasar Giraudier que se reproducía na cabeceira das facturas da sociedade.
A casa do matrimonio Galiacho situábase nun extremo do complexo, a carón do Camiño Real e da saída da ponte sobre o Monelos. Nos baixos da vivenda encontrábase o muíño fariñeiro, que aproveitaba a forza proporcionada por unha roda hidráulica duns cinco metros de diámetro. Esta roda aproveitaríase tamén para a maquinaria da ferraría, que se atopaba no edificio contiguo.
A ferraría organizábase en dous andares. No baixo situábase a máquina de vapor de seis cabalos, a primeira documentada en Galiza para uso fabril. Este andar contiña tamén outros instrumentos relacionados coa máquina, como as caldeiras, e dúas fraguas. No andar superior situábanse os tornos destinados á produción de louza. Diante do edificio habilitouse unha carboeira onde depositar o carbón queimado, co gallo de reutilizar o que se puidese recuperar.
A seguir á ferraría situábase a fundición, equipada cunha cúpula de fundición conectada ao ventilador da máquina de vapor mediante un canal subterráneo. Contaba con dous guindastres, un para erguer as pezas a fundir e outro para transportar o caldo aos moldes. A factoría completábase cun patio, que se empregaba en ocasións como secadoiro de pezas, e un rocho, que albergaba maquinaria e outros útiles de traballo. Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:A Coruña Categoría:Industria de Galicia Categoría:Século XIX en Galicia Categoría:Fábricas