alt=Taboleiro de xogo de estratexia|miniatura|Alquerque en San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela. O alquerque é un xogo de estratexia cun taboleiro inscrito en pedra, tamén denominado muíño de mesa ou pai-fillo-nai, que coñece tres variedades clásicas: o alquerque dos tres, o alquerque dos nove e o alquerque dos doce. O rei Afonso X o Sabio fai mención deste xogo, nas súas tres variantes, na obra Libro dos xogos, tamén denominada Libro de xadrez, dados e taboleiros. O substantivo 'alquerque' provén do árabe القرقات Al-Qirkat, lit. «o taboleiro».

Presenza de alquerques en Galiza En Galiza existen diversas tipoloxías de alquerques -de tres, nove e doce coviñas, ademais de reticulados- que aparecen maioritariamente en espazos públicos aínda que algúns están localizados en interiores de edificios particulares.

miniatura|Alquerque en Poio.

miniatura|Alquerque no convento de Santa Clara, en Santiago de Compostela. miniatura|Alquerque do Castelo da Rocha Forte, no Museo das Peregrinacións. En Ponte Caldelas, localízanse na parroquia da Insua, na zona das Raposeiras. En Vigo, na ermida situada no cumio do monte Alba, na parroquia de Valadares, no seu tempo formaba parte dunha fortaleza medieval.  Na Guarda, no castro de Santa Trega, un taboleiro de 32 x 30 cm e mais pezas de xogo. En Oia, en Pedornes, no castro de Vilar, na Pedreira e na Portela; e tamén nas inmediacións da Cerradiña, en Mougás. En Mondariz, no Gorguillón, en Sabaxáns. Na Catedral de Tui, que posúe taboleiros con alquerques nas bancadas e subindo ao ciborio. En Poio, na igrexa do Divino Salvador e en Combarro, na ermida da Nosa Señora da Renda. En Cotobade, na carballeira de San Xusto de San Xurxo de Sacos. Nas Torres do Oeste, en Catoira, datado de entre os séculos IX e XIII. En Ourense, no antigo palacio episcopal, na actualidade Museo arqueolóxico provincial, e mais na Catedral de Ourense, onde o arqueólogo Hidalgo Cuñarro propuxo a súa catalogación en 2009. En Baltar, na capela de Montecelo de Vilamaior de Boullosa. En Allariz, na igrexa de Santa Mariña de Augas Santas. En Barbadás, en Piñor. En Oímbra, en Lobarzán. Na Serra de Outes. En Outeiro de Rei, no castro de Viladonga, taboleiros de 36,5 x 32,5 e de 25,5 e 11 cm. No Saviñao, en Diomondi. En Antas de Ulla, na Pedra da Liñaza. En Santiago de Compostela, o Museo das Peregrinacións e de Santiago acolle un alquerque de IX atopado no Castelo da Rocha Forte e o colectivo A Rula ten inventariados preto de 200 alquerques da época barroca con abondosa documentación. Localízanse, principalmente, na Colexiata de Sar, na capela do Carme de Abaixo, na Torre da Berenguela, no Pazo de Xelmírez, no convento de Santa Clara, nas bancadas da praza do Obradoiro e no mosteiro de San Martiño Pinario, entre outros.

Historia

Antigo Exipto O xogo precursor das variedades do alquerque dos tres e dos nove naceu no Antigo Exipto, xa que se se encontraron taboleiros gravados na pedra na cuberta do templo de Kurna na cidade de Luxor, datados en 1500 a.C. que se destinarían a ese fin.

Grecia antiga O xogo chegou á Grecia antiga e aínda que se descoñeza a data exacta, sábese que xa no século V a.C se xogaba unha versión, designada como "xogo das cinco liñas" («Pente Grammai», de aquí sairá o vocábulo "'pentagrama'), porque nesa época este xogo só tiña un cadrado (catro liñas), cunha intersección dunha diagonal (a quinta liña). Esta quinta liña chámase "liña sagrada", pola súa importancia no xogo, e xa sae citada nun poema de Alceo de Mitilene do século V a.C. Ese verso, con posterioridade, tivo relevancia no aforístico "retirar a peza da liña sagrada", que era usado por xenerais gregos para se referiren á perda dunha posición estratéxica, conforme resulta da pasaxe 97 do capítulo VII do Onomasticon de Polux. miniatura|Atenea interrompe o xogo de alquerque de Áiax e Aquiles, nun vaso decorado na Antiga Grecia. O xogo tamén foi, por veces, designado "xogo dos heroes", por se considerar da época heroica ao existiren representacións de Aquiles e Áiax a xogaren o penta grammai.

Na Ilíada descríbese como os heroes se entretiñan entre batalla e batalla da guerra de Troia cos xogos de dados e de astrágalos, do mesmo xeito que os pretendentes de Penélope mentres agardaban polas súas decisións.

Hai versións deste xogo en que as cinco liñas están dispostas como nun cadrado cunha diagonal polo medio, mentres que noutras representacións aparece como un rectángulo con cinco liñas paralelas, mais pode ser unha variante do taboleiro ou unha representación apócrifa.

O exemplar máis antigo é un taboleiro de terracota descuberto en Anagiros na Ática (Grecia) nunha sepultura do século VII a.C., que podería ser usado para o xogo das cinco liñas.

Roma antiga Na Roma antiga había un xogo, precursor do alquerque, chamado o "xogo das doce liñas" (Duodecim Scripta), que se practicaba nun taboleiro análogo ao pente grammai grego ou mesmo ao "xogo das nove liñas" exipcio.

Era un xogo de sorte e de estratexia. Tiña entre 12 e 30 pezas, que representaban homes e, por veces, eran designadas exactamente como tal, nas cores branca e negra. Había capturas de pezas, saltando sobre a peza da persoa adversaria para ocupar a casa por ela ocupada con anterioridade. As capturadas saían do taboleiro e voltaban ao xogo máis tarde. A persoa vencedora era aquela que completase o percorrido do xogo, ben capturando os "homes" do adversario ou ben imposibilitando a captura dos seus. Alén das pezas, tamén se xogaba con dous ou tres dados, en función de se usaren 12 ou 30 pezas. Descoñécese en que posicións estaban as pezas situadas ao comezaren o xogo.

Con base na pasaxe  «ὀπισθιδίη ὁδὸς» escrita por Agatias tírase a idea de que o xogo tanto se podería xogar na casa como na rúa. miniatura|Alquerque en Fonte das Bicas, en Borba, Évora (Portugal). O taboleiro coñecíase cos nomes de tabula ou abacus; mais se tiña un bordo en relevo denominábase alveus (Plinio, no capítulo XIII, do Libro VII, da obra Historia Natural, menciona «alveus cum tesseris lusorius»- lit «taboleiros con dados de xogar»); ás 'pezas chamábanselles "homes" ou "pedriñas", do gr. ψῆφοι ( 'psífoi' = lit. «pedriña; seixo») ou do lat. "calculi" (pedriña); á situación do xogo nun intre determinado chamábaselle θέσις  (gr. 'thésis' = lit. «posición; disposición»); ao adianto coa peza, τιθέναι (tithénai= pisar, pousar, depositar, colocar), chamábase "colocación"; á retirada ou captura dunha peza do taboleiro ἀνατιθέναι (gr. 'anathema' = lit. «remitir; prescindir») ou reducere (lat.), chamábase "retirada".

Dada a popularidade da lingua grega no imperio romano, na época en que se practicaba este xogo, algúns termos designábanse polo nome grego, non chegando ata nós o seu equivalente latino.

O primeiro xogador romano de duodecim scripta de que hai rexistro foi o cónsul Mucius Scaevola, que viviu no século II a.C.; de acordo con Cicerón, Publio xogaba tan ben que "era quen de xogar de ollos vendados" (o que poderá ser simplemente unha forma de expresión).

Quintiliano, na obra Institutio Oratoria, Libro décimo primeiro, capítulo II, fai o relato de que Scaevola, certa vez, despois de perder un xogo, foi quen de se lembrar de todas as xogadas anteriores, indicando concretamente a xogada en que cometera un erro e confirmando co adversario cadansúas pasaxes e xogadas realizadas. Cítase esta pasaxe coa intención de salientar a boa memoria do cónsul.

Vestixios da Idade do Bronce atopados na beira do Mediterráneo Existen vestixios de xogos prototipos ou precursores do al-qirkat pola marxe do Mediterráneo. Hai mostras da Idade do Bronce chamadas 'tiras', gravadas na pedra, nas zonas alpinas, mesmo ao pé do lago de Garda, en Italia. Tamén hai vestixios de taboleiros semellantes ao do al-qirkat que datan da época romana gravados en rochas en Baiona, en Maia (Portugal) e na antiga cidade de Mulva (actual Sevilla).

Na obra Board and Table Games from Many Civilizations de Robert Charles Bell, cítase que «cando os mouros invadiron a Península Ibérica, no século VIII, trouxeron El-qirkat consigo». Por tanto, sábese que o xogo xa existía, cando menos, desde o século VIII, na súa forma perfeccionada, fose como alquerque dos seis, dos nove ou dos doce.

Na literatura e nas normas de convivencia miniatura|Alquerque no Libro dos xogos, de Afonso X o Sabio. Este xogo non aparece na literatura ata finais do século X, cando o autor Abu al-Faraj al-Isfahani fai mención ao al-qirkat no Kitab al-Aghani (lit. Libro das cancións), obra de 24 volumes, onde, porén, non consta mención ningunha das regras do xogo. As regras máis antigas coñecidas do xogo do alquerque dos doce son as que aparecen, no século XIII, na obra Libro de xadrez, dados e taboleiros, de Afonso X. En 1283, no reinado de Afonso X xa hai rexistros respecto ao alquerque dos tres, dos nove e dos doce. O alquerque dos doce fundiuse no século XV co taboleiro de xadrez e deu lugar ás damas.

Da popularidade dos xogos de alquerque en Galiza, dáse conta nas Ordenanzas municipais de 1687 de Santiago de Compostela onde se limita o seu uso: “Uno de ellos es el de la moral pública, en cuyo nombre se prohibe todo tipo de juego los días festivos antes de las doce, porque hasta entonces <<no estan dichas todas las misas>>, pero también que los practiquen durante la semana sirvientes, estudiantes y trabajadores” (Ordenanzas echas por los señores Justicia y reximiento de la ziudad de Santiago y Alcaldes y eclesiásticos del ilustrísimo cavildo para todo jenero de bastimientos y otras cosas aprobadas por el ilustrísimo señor Arçobispo de dicha ziudad para todo el año de 1687). AHUS. FM. Consistorios. Libro 60. F 1411, de 30 de junio.

Regras de xogo miniatura|Alquerque na igrexa das Servas, en Borba, Évora (Portugal). O taboleiro é cadrado e divídese en 16 cadrados, atravesados por liñas paralelas e diagonais, que fan 25 interseccións (chamadas puntos ou casas) onde se poñen as 24 pezas. Hai 12 pezas dunha cor e outras 12 doutra, normalmente branco e negro.

Hai, por tanto, unha intersección que fica baleira, sen ningunha peza posta alí. É por aí que se comeza o xogo; a primeira persoa xogadora ten que pór unha peza nesa casa baleira. A segunda xogadora, entón, pasa por enriba da peza movida pola adversaria, servíndose, para iso, de calquera unha das súas pezas que estea adxacente e pousándoa ao momento baleiro no taboleiro, que se abriu, cando a primeira persoa xogadora moveu. Ao facer isto, a segunda xogadora captura ou retira do xogo a peza adversaria por riba da que xogou (coloquialmente, a isto chámaselle "comer a peza", nomenclatura que se usa, tamén, comunmente no xogo das damas, cando pasa por riba dunha peza adversaria).

O obxectivo do xogo é ir capturándolle pezas á persoa adversaria ata que non lle sobren máis pezas ou, entón, impedirlle capturar máis pezas, o que se consegue cando se poñen as pezas ao longo das arestas do taboleiro, deixando de haber a posibilidade de saltar por riba delas, por non haber liñas paralelas ou diagonais, que permitan pasar sobre a peza e aterrar nunha casa libre (a isto chámase coloquialmente "afogar o xogo").

O xogo princípiase con cada persoa xogadora a poñer as súas respectivas 12 pezas nas dúas fileiras máis próximas a cadaquén e móvese por quendas.

A regra do sopro miniatura|Alquerque en pedra reutilizada na igrexa de San Paio de Diomondi. A "regra do sopro", xurdiu en Francia no século XV, xa cando o xogo comezaba a adquirir a configuración de xogo das damas e trouxo unha innovación das regras, que pasaba por penalizar o xogador que, por esquecemento ou outro motivo, non efectuase unha captura da peza da persoa adversaria, cando tiña a oportunidade para o facer. Pasaba, entón, a instituírse a obriga de capturar a peza da persoa contrincante, que tamén existe nalgúns xogos do alquerque, mais que non é común a todos, mesmo no alquerque moderno.