Rogelio Ramos Valdomir, nado na Coruña no século XIX e finado na mesma cidade o 20 de maio de 1936, foi un futbolista galego que xogaba como gardameta. Militou nos dous principais clubs coruñeses da súa época, o Real Club Coruña e o Deportivo da Coruña, sendo un dos porteiros galegos máis destacados da súa época.

Traxectoria Naceu na Coruña, sendo fillo de Rogelio Ramos Díez e Nicolasa Valdomir Seoane. Comezou a xogar ao fútbol en 1906 nas filas do Club Reina Victoria da Coruña, co que participou ese mesmo ano no primeiro torneo de fútbol disputado na cidade, un triangular co Hércules e o María Pita, no que xogou como dianteiro. Foi capitán deste equipo e máis tarde xogou xa como gardameta no Real Club Coruña case ata a súa desaparición. A finais de 1909 pasou ao Deportivo da Coruña, onde substituíu a Salvador Fojón. Durante os seguintes anos participou en diferentes torneos como o Campionato de Galicia de Vigo ou a Copa Gabino Bugallal e o seu equipo saíu vencedor da Copa España, aínda que nesa ocasión a portería foi ocupada por José de Llano. Tampouco puido participar na Copa do Rei de 1910, da que o Deportivo saíu subcampión, ao non permitirlle a súa familia viaxar a Madrid para a súa disputa.

Militou no Deportivo ata 1913 e trala súa retirada foi adestrador de rapaces e directivo do Emden, club sucesor do Coruña. Fóra do fútbol traballou como interventor do Banco Central ata a súa repentina morte en maio de 1936.

Vida persoal Casou con Pilar Placer, coa que foi pai de nove fillos: Rogelio, Pilar, Concepción, Francisco, Josefina, María de Carmen, María Luisa, Consuelo e Elena.

Notas

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1898 Categoría:Finados en 1936 Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Xogadores do Real Club Coruña Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña