Fujiwara no Sadaie ou Fujiwara no Teika (en ), nado en 1162 e finado o 26 de setembro de 1241, foi un calígrafo, crítico literario, novelista, poeta e escriba nipón de finais do período Heian e comezos do Kamakura. A súa influencia foi enorme, e cóntase entre os máis importantes poetas xaponeses, especialmente no xénero waka (unha forma poética antiga que consta de cinco liñas cun total de 31 sílabas).

As súas ideas críticas sobre a composición poética deixaron unha fonda pegada e foron estudadas até o período Meiji. Membro dun clan de poetas, o seu pai Fujiwara no Shunzei (1114–1204) foi tamén notable neste eido. Tras captar a atención do emperador retirado Go-Toba (1180–1239; r. 1183–1198), Teika comezou unha longa e distinguida carreira en múltiples campos estéticos. A súa relación con Go-Toba comezou sendo cordial e conduciu á compilación de varias escolmas, mais rematou co seu desterro da corte imperial. Os seus descendentes e mais as súas ideas dominaría a poesía clásica nipoa durante séculos.

Traxectoria Primeiros anos Teika naceu en 1662, nunha póla menor do clan Fujiwara, pouco despois de que os rexentes desta familia perderan a súa preeminencia política na corte imperial tras a rebelión Hōgen. Esta rama do clan procurou o prestixio e o poder apoiando á familia Mikohidari, e especializándose nas disciplinas artísticas, especialmente a poesía. Esta dedicación non era infrecuente, xa que as ramas secundarias dos clans carecían da posición social para competir directamente no terreo político coa rama principal, mais podían acadar influencia mediante as artes.

O avó de Teika foi o venerado poeta Fujiwara no Toshitada. O seu pai, Fujiwara no Shunzei (1114–1204), tamén un recoñecido e respectado vate (e xuíz en competicións poéticas), compilou a sétima antoloxía imperial de waka, o Senzai wakashū. A súa sobriña, chamada Kengozen ou Fujiwara no Shunzei no Musume, destacou nos eidos da waka e da renga; o seu propio tío pedíalle ás veces consello en materia poética. O seu irmán máis vello, Fujiwara no Nariee, tivo certo éxito na corte, mais non tanto como Kengozen. O medio irmán de Teika, o monxe budista Jakuren ou Sadanaga (c. 1139–1202), foi outro gran poeta, adoptado por Shunzei cando o irmán máis novo deste tomou os hábitos.

Carreira O obxectivo de Teika como o primoxénito varón da súa rama familiar era herdar e asentar a posición do pai no eido da poesía e mellorar a súa propia reputación, mellorando así a fortuna política do seu clan na corte. Malia as sucesivas enfermidades que padeceu, e as dificultades que atopou no seu camiño (moderadas parcialmente pola longa influencia do pai na corte, quen chegou a vivir até os 90 anos), o novo emperador retirado Go-Toba, interesado na poesía, converteuse no seu mecenas, asegurando algúns dos seus logros máis importantes.

Padroádego de Go-Toba O emperador retirado Go-Toba anunciou, no segundo ano da súa abdicación (o 1200), a convocatoria dun concurso de poesía. Os emperadores retirados adoitaban gañar influencia despois do seu retiro, xa que se liberaban das restricións cerimoniais e das políticas da corte. Go-Toba tiña 20 anos cando abdicou, mais xa era un consumado afeccionado das artes, tocaba o laúde con destreza, posuía grande autoridade na educación tradicional e nas maneiras da corte, destacaba no go e gozaba das actividades ecuestres típicas no Xapón, como o tiro con arco sobre cabalo, e da esgrima.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Novelistas do Xapón Categoría:Finados en 1241 Categoría:Nados en 1162 Categoría:Escritores en lingua xaponesa