Milagros Porta Siso, coñecida como Mili Porta, nada na Coruña en 1918 e finada en Madrid o 9 de novembro de 1971, foi unha pianista galega, compositora e directora de orquestra e coros.
Traxectoria Comezou moi nova a tocar o piano e aprobou a carreira deste instrumento no Conservatorio de Madrid aos 14 anos. Estudou harmonía e composición cos mestres García de la Parra e Conrado del Campo. Con 16 anos dirixiu a orquestra de profesorado da Coruña para representar no Teatro Rosalía de Castro a zarzuela "A fama do tartanero" coa Agrupación Ofelia Nieto, á que continuou a acompañar como pianista e directora durante os anos seguintes.
Logo trasladouse a Madrid, onde estreou a opereta infantil composta por ela e con letra de Fernando Navarrete Monteserin e Xulio Ponte: "Malibú, os porquiños e ti" no Teatro Español. Foi designada como auxiliar interina de Solfexo no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid e inmediatamente obtivo a praza de profesora especial de Música e Declamación nese mesmo centro, labor que compaxinou coa dirección da coral Alalá de Veiga e a composición de lieder como Padrón, ou pezas corais como Pazo de Veiga, entre outras.
As súas brillantes composicións e interpretacións, ligadas aos seus méritos didácticos, labor investigador e contribución ao moderno desenvolvemento da música galega deron pé a que fose condecorada aos 34 anos de idade coa Cruz da Orde de Afonso X o Sabio.
Como intérprete, sempre incluíu no seu repertorio obras de compositores galegos como Pascual Veiga, Xoán Montes, Canuto Berea, Marcial del Adalid, José Castro Chané ou Xosé Baldomir.
Coa intención de achegar a música a todas as capas sociais, tanto o folclore como a ópera, adaptou as grandes producións a formatos máis reducidos para contribuír a facilitar a súa mobilidade e reducir os gastos en montaxe, co obxectivo de achegarse a cidades e vilas que, doutro xeito, non terían esa posibilidade.
Realizou numerosas actuacións como pianista e como directora da coral Anaquiños da Terra do Centro Galego de Madrid, do Grupo de Ópera de Madrid e do coro de voces brancas Iria Flavia, creado por ela, co que dá a coñecer as Cantigas de Martín Códax e as de Alfonso X o Sabio.
Participou activamente nas emisións para América de Radio Nacional de España. Tivo unha intervención no filme Sabela de Cambados dirixido por Ramón Torrado en 1949.
Ademais, continuou coa súa tarefa docente e obtivo en 1962, por oposición, a praza de catedrática de Solfexo do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Como bolseira pola Fundación March, viaxou por Alemaña, Bélxica e Francia para realizar estudos de Acústica e Rítmica o que lle permitiu ampliar o nivel didáctico e técnico das súas ensinanzas.
Recibiu diversos recoñecementos póstumos por parte do seu numeroso alumnado e deixou algunhas obras por estrear, entre elas a zarzuela galega "A represa e o río" con letra de Antón de Santiago "Nito" que se estreou o 17 de xaneiro de 1983 no Teatro Colón da Coruña e días despois interpretouse na praza da Quintana en Santiago de Compostela.
As súas fillas Mariví e Ana María Navarrete Porta seguiron a súa traxectoria profesional como docentes e pedagogas musicais.
Discografía Tamén foi impulsora da gravación de discos como "Airiños. Vellos Cantares de Galicia" (Orpheo), do que saen un LP e mais tres singles. Incluía as cancións Un adiós a Mariquiña, unha Muiñeira, Unha noite na eira do trigo e mais a Foliada do Tarabelo, interpretadas por Fernando Navarrete e a agrupación Anaquiños da Terra acompañados dun grupo de percusión e gaitas.
"Vieux chants galiciens" foi publicado en 1957 por Pacific, con 12 cancións galegas entre as que están Meus amores, Negra sombra ou Lonxe da terriña.
O terceiro disco de Mili Porta, mais na faceta de acompañante, foi "Ave María", da discográfica española PAX no ano 1959 en que interpretou seis avemarías dos compositores Franz Schubert, Charles Gounod, Giuseppe Verdi, Tomás Luis de Victoria, Jacques Arcadelt e Johannes Brahms.
Notas
Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Pianistas Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1918