O pobo quiché (en ) é un pobo indíxena pertencente ao grupo de pobos maias. Falan a lingua quiché, unha lingua mesoamericana da familia lingüística maia. Os estados quiché das terras altas da era precolombiana están asociados coa antiga civilización maia e alcanzaron o cumio do seu poder e influencia durante o período posclásico maia (–1539 d.C.).
O significado do termo na súa lingua é "moitas árbores". A tradución ao náhuatl, "Lugar das Moitas Árbores (Xente)", é a orixe da palabra Guatemala. O Departamento de El Quiché recibe o seu nome por eles. Rigoberta Menchú Tum, unha activista polos dereitos indíxenas que gañou o Premio Nobel da Paz en 1992, é quizais a persoa quiché máis coñecida.
Demografía Segundo o censo do 2018, o pobo quiché constituía o 11% da poboación de Guatemala, con 1.610.551 habitantes. A meirande parte deste grupo vive no oeste das terras altas de Guatemala, unha rexión que abrangue aproximadamente o territorio do antigo estado de Los Altos. En Guatemala, viven na súa maioría nos departamentos de Totonicapán (97% quiché), El Quiché (60% quiché), Quetzaltenango (28% quiché), Sololá (43% quiché) e Suchitepéquez (26% quiché).
El Quiché constitúe a terra orixinaria do pobo quiché. No período precolombiano, os seus asentamentos e influencia estendíanse para alén das terras altas, abarcando o val de Antigua e as áreas ribeiregas de Escuintla.
Lingua e literatura
Lingua A maioría do pobo quiché fala a súa lingua nativa, mais posúen cando menos un dominio funcional do castelán. Exceptúanse as rexións máis remotas e illadas do rural, onde só se fala o quiché. As linguas maias máis próximas ao quiché son o uspanteco, o sacapulteco, o kaqchiquel e o tz’utujil.
Literatura Un dos documentos literarios máis importantes conservados na rexión de Mesoamérica é o Popol Vuh (ou Pop wuj, na ortografía moderna), unha das principais fontes primarias para coñecer as tradicións, crenzas e mitoloxía das sociedades maias. Foi producido polo pobo quiché durante o século XVI, contra a década de 1550. A obra contén unha escolma de narracións míticas e etnohistóricas memorizadas polas xentes da época. Estas teñen unha orixe precolombiana escrita, hoxe perdida, mais tamén forman parte da tradición oral. Entre os relatos sacros inclúense un mito da creación, que conta o nacemento do mundo e dos humanos grazas á acción dos deuses, a historia de dous irmáns divinos e a migración dos quiché dende as súas terras nativas debido á conquista española.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Pobos maias
Categoría:Pobos indíxenas do Salvador Categoría:Pobos indíxenas de Guatemala