Establishment, tamén chamado grupo de poder, poder establecido, establecemento, clase dominante ou o sistema, é un grupo dominante visible ou elite que posúe o poder ou a autoridade nunha organización ou institución. O termo refírese a un grupo social pechado que selecciona os seus propios membros (oposto á selección a través de herdanza, méritos ou eleccións) e pode usarse para describir estruturas específicas de elite arraigadas nalgunhas institucións, pero a súa aplicación é polo xeral informal e, probablemente, máis utilizado polos medios de comunicación ca no mundo académico.
Utilízase con maior frecuencia no Reino Unido, onde inclúe os líderes políticos, os altos funcionarios públicos, os financeiros e os industriais máis importantes, os directivos dos grandes medios de comunicación (especificamente a BBC) e os membros da corte. O uso do termo neste sentido acuñouno o xornalista británico Henry Fairlie, que en setembro de 1955, na revista londiniense The Spectator, definiu a rede de persoas prominentes e ben conectadas como The establishment, explicando:
A definición foi recollida rapidamente polos xornais e revistas londinienses e Fairlie acadou axiña sona, mais non foi o primeiro en utilizar the establishment con este significado, pois Ralph Waldo Emerson fixérao un século antes. O Oxford English Dictionary citou a columna de Fairlie como un referente.
Este uso da palabra foi influenciado probablemente polo termo británico igrexa establecida (Establishment Church), que se usa para as igrexas oficiais en Gran Bretaña. Moi pronto o vocábulo resultou pouco útil na discusión das elites do poder de moitos países, aínda que a palabra inglesa se utilice como préstamo en moitas linguas. Na xerga sociolóxica, aquilo que non pertence ao poder establecido denomínase foráneo (outsider).
Uso estendido As disidencias adoitan empregar o termo para se queixaren dun pequeno grupo que domina unha grande organización. Por exemplo, en 1968, os académicos radicais crearon o Movemento de Liberación da Socioloxía para repudiar a dirección excesivamente dominante da Asociación Sociolóxica Estadounidense, á que chamaban o «grupo de poder da socioloxía estadounidense».
Tamén se emprega no contexto da política honkonesa, na que os partidos políticos, os grupos comunitarios, as cámaras de comercio, os sindicatos e individuos que cooperan e son leais ao Partido Comunista da China e ao goberno de Hong Kong posterior a 1997, son catalogados (máis a miúdo autoetiquetados) como proelite. O termo xurdiu arredor do ano 2005 para contrastar coa expresión "campo prodemocracia" e para substituír outras etiquetas máis comúns e despectivas. Así mesmo, a etiqueta de oposición, outorgada ao campo prodemocracia, úsase con connotacións negativas no cantonés, falado pola maioría neste territorio, mentres que proelite se considera xeralmente como positivo, xa que utiliza os caracteres chineses usados para as palabras "construtivo", "sistemático" e "ordenado".
Notas
Categoría:Sociolingüística Categoría:Grupos sociais