A lavandeira de Bering (Motacilla tschutschensis) é un pequeno paseriorme da familia Motacillidae. Anteriormente era clasificada normalmente como subespecie da lavandeira amarela, pero foi separada dela en 2003 cando se obtiveron datos xenéticos que mostraban que esta clasificación era parafilética con respecto á lavandeira citrina. Reprodúcese no Paleártico oriental e en Alasca e migra ao sur de Asia e Australia.
Taxonomía A lavandeira de Bering foi descrita formalmente en 1789 polo naturalista alemán Johann Friedrich Gmelin na súa edición revisada e ampliada da obra de Carl Linné Systema Naturae. Situouna no xénero Motacilla e deulle o nome binomial Motacilla tschutschensis. O epíteto específico tschutschensis deriva da localidade tipo, a Península de Chukchi no leste de Rusia. Gmelin baseou a súa descrición na "Tchutschi wagtail" (lavandeira tchutschi) que describiran o ornitólogo John Latham en 1783 e Thomas Pennant en 1785. A ave descrita por Pennant é case con certeza a capturada en 1778 durante terceira viaxe ao océano Pacífico de James Cook. O naturalista William Wade Ellis, que acompañaba a Cook, realizou un debuxo do espécime e no pé escribiu "capturada a bordo, lat. 66". O debuxo de Ellis está agora na colección do Museo de Historia Natural, Londres.
Recoñécense catro subespecies: M. t. plexa (Thayer & Bangs, 1914) – norte de Siberia central M. t. tschutschensis Gmelin, JF, 1789 – sur de Siberia, norte de Mongolia, leste de Kazakhstán e noroeste da China ata o noroeste de Siberia e noroeste de América do Norte M. t. macronyx (Stresemann, 1920) – sur de Siberia central, nordés de Mongolia e nordés da China M. t. taivana (Swinhoe, 1863) – sueste de Siberia ata Sakhalin (leste de Russia), e o norte de Hokkaido (norte do Xapón)
No Paleártico existen tres especies de lavandeiras de cor amarela: a lavandeira de Bering, a lavandeira amarela (Motacilla flava) e a lavandeira citrina (Motacilla citreola). A análise filoxenética feita usando secuencias do ADN mitocondrial produce unha topoloxía que entra en conflito coa obtida cando se usan secuencias de ADN nuclear. A topoloxía dos datos nucleares correspóndese máis exactamente coa taxonomía fenotípica tradicional. A diverxencia xenética nuclear entre a lavandeira amarela e a lavandeira de Bering é pequena e algúns ornitólogos decidiron non separar as especies, así que para eles as razas do leste serían subespecies de M. flava.
Descrición
É un paxaro delgado de 15–16 cm de longo, cunha característica cola longa que está constantemente abaneando típica do seu xénero. O macho adulto reprodutor é basicamente de cor olivácea no dorso e amarela na parte ventral. Noutras plumaxes, especialmente as aves do primeiro inverno pero tamén moitas femias, o amarelo pode estar diluído con branco. A cabeza dos machos reprodutores pode ter diversas cores e debuxos dependendo da subespecie. O bico e patas son negros; a garra posterior é longa e non está moi curvada, o cal a distingue con fiabilidade da lavandeira amarela, que a ten máis curta e máis curvada (aíndqa que isto é difícil de ollar se as aves están sobre a herba).
A chamada é un característico son agudo tipo zrri ou yiit, máis estridente e áspera que a chamada das lavandeiras amarelas.
Distribución e hábitat
Reprodúcese no Paleártico leste e o seu bastión é Alasca. A maioría migra ao sur de Asia e Australia no inverno. Individuos errantes poden aparecer lonxe dos seus cuarteis de inverno na época da migración. Por exemplo, a Palau en Micronesia chegan habitualmente bandadas migrantes desta especie con moitos machos adultos, e máis ao norte, nas Marianas, só se encontran algúns individuos ocasionais que se desviaron, xeralmente femias e inmaturos.
Desde a aparición das probas de ADN doadas de facer de excrementos e a clarificación das características para a súa identificación, demostrouse que é unha ave vagante sorprendentemente frecuente a finais de outono e inverno en Europa occidental; por exemplo, con dez ou máis rexistros nalgúns outonos tanto nas illas Britáicas coma en Suecia, e moitos casos de exemplares que pasan todo o inverno.
Comportamento
Esta ave insectívora habita en campos abertos preto da auga, como en pradeiras húmidas. Nidifica en mats de herba, e pon de 4 a 8 ovos con manchas.
O parasito acantocéfalo Apororhynchus paulonucleatus descubriuse no colon e cloaca desta ave.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Fraker, M. A., & Fraker, R. N. (1980). Yellow Wagtail Motacilla-flava East of the Mackenzie Delta Canada. Canadian Field-Naturalist 94 (4): 465–466. Hunt, J., & Standring, I. (1995). A yellow wagtail Motacilla flava at Lake Mclarty. Western Australian Naturalist 20 (2): 61–64. Johnstone, R. E. (1982). The Yellow Wagtail Motacilla-Flava in Australia. Western Australian Naturalist 15 (3): 61–66. Moffatt, J. D. (1981). Yellow Wagtail Motacilla-Flava on Heron Island Queensland Australia with Notes on the Status of Southern Individuals. Emu 81 (1): 47–48.
Categoría:Motacílidos Categoría:Aves de Asia Categoría:Animais descritos en 1789 Categoría:Taxons descritos por Johann Friedrich Gmelin