O picafollas de Radde (Phylloscopus schwarzi) é un paseriforme filoscópido que se reproduce en Siberia. É unha ave moi migratoria e pasa o inverno no sueste asiático. O nome do xénero Phylloscopus procede do grego antigo phullon, 'folla', e skopos, 'buscador' (de skopeo, 'mirar'). O adxectivo específico schwarzi púxoselle en lembranza do astrónomo alemán Ludwig Schwarz (1822–1894). O seu nome común débese a que foi descrito polo naturalista alemán Gustav Radde.

Descrición É un picafollas de tamaño similar a un picafollas musical. O adulto ten un dorso marrón sen manchas e partes ventrais beixes. Ten unha sobrecella abrancazada longa prominente, e o seu bico agudo é máis groso que o da especie similar picafollas fusco. As patas son máis claras que no picafollas fusco, e os pés parecen grandes, o que reflicte o seu estilo de vida máis terrestre. Os sexos son idénticos, como é habitual na maioría dos picafollas, mais os individuos novos son máis amarelos nas partes ventrais. A chamada soa como un suave chick.

Distribución e hábitat Reprodúcese na parte sur de Siberia central e oriental chegando ata Corea e Manchuria. É unha especie migratoria que pasa o inverno en Bangladesh, Camboxa, Laos, Myanmar e Tailandia. Na súa área de reprodución, este picafollas atópase en bosques caducos abertos con algún sotobosque e marxes arbustivas de bosques, a miúdo preto da auga. Nos seus cuarteis de inverno ocupa os bordos dos bosques, lugares con mato espeso e arbustivos preto de bosques. É insectívoro.

Reprodución

Constrúen o niño a baixa altura nun arbusto e poñen cinco ovos. Os ovos teñen un fondo agrisado con manchiñas finas de cor oliváceo acastañado, espalladas de forma uniforme sobre a súa supericie e que case escurecen a cor de base. Miden aproximadamente 17 × 13 mm.

Ten tendencia a vagar ata o oeste de Europa en outubro, malia a distancia de 3.000 km que debe percorrer desde os seus terreos de reprodución. Foi rexistrado tan ao oeste como o Observatorio de Aves das illas Copeland en Irlanda do Norte, onde foi detectado por primeira vez en 2008.Leonard, K. 2008 Annual Report for 2008. Copeland Bird Observatory p.51 – 52 Tamén apareceu como ave accidental en Heligoland e está incluído na lista das aves ibéricas.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Categoría:Filoscópidos Categoría:Aves de Asia Categoría:Animais descritos en 1863