José María Tojeira Pelayo, coñecido como Chema Tojeira, nado en Lavadores (Vigo) en 1947 e finado na Cidade de Guatemala o 5 de setembro de 2025, foi un relixioso galego, de nacionalidade española e salvadoreña, crego católico da Compañía de Xesús.

Traxectoria Estudou Filosofía e licenciouse en Teoloxía pola Universidade de Comillas (Santander).

Honduras Como sacerdote católico chegou a Centroamérica en 1969. Foi destinado primeiro a Honduras, con traballos de asistente para a Compañía de Xesús. Foi o crego párroco da vila de Sulaco, entre 1975 e 1976. Compaxinou o seu labor sacerdotal co posto de director de radio El Progreso entre os anos de 1976 a 1980, e coa realización de traballo social con grupos campesiños.

Ademais, foi membro do Equipo de Reflexión, Investigación y Comunicación (ERIC) en Honduras entre 1980 e 1982. Foi designado como vigairo episcopal de Yoro desde o ano 1982 até o ano 1985.

O Salvador En 1985, e en plena guerra civil, envíano ao Salvador co nomeamento de superior dos estudantes de teoloxía da Compañía de Xesús, un posto que ostentou desde 1985 até 1988.

Posteriormente, foi provincial dos xesuítas en Centroamérica de 1988 a 1995. Precisamente naqueles anos en 1989, tras o asasinato de Ignacio Ellacuría e sete persoas máis (seis delas xesuítas) nas instalacións da Universidade Centroamericana José Simeón Cañas (UCA), Tojeira liderou o proceso legal en contra dos membros do Exército do Salvador, condenados como autores materiais do crime. Tojeira vivía moi preto e acudiu dos primeiros ao lugar do asasinato. miniatura|José María Tojeira SJ na UCA. 2010.

En 1997 asumiu o posto de reitor da Universidade Centroamericana. Considerárono continuador da obra do finado reitor Ignacio Ellacuría, xa que, durante a súa xestión, a Universidade mantivo a súa tradicional proxección social e a súa liña de pensamento progresista en temas sociais.

A finais do ano 2011 deixou a reitoría da UCA, e pasou a ser o crego e director da Pastoral Universitaria, "La Pasto UCA". Retirouse da pastoral en 2016, e pasou a ser director do Instituto de Dereitos Humanos da UCA (IDHUCA) até o ano 2020.

Posteriormente foi asignado párroco da parroquia do Carmo, situada en Santa Tecla (cidade salvadoreña), praza que ostentou até o seu falecemento cando estaba de viaxe en Guatemala o 5 de setembro de 2025.

Notas

Categoría:Nados en Vigo Categoría:Sacerdotes católicos do Salvador Categoría:Nados en 1947 Categoría:Finados en 2025 Categoría:Xesuítas de Galicia Categoría:Sacerdotes católicos de Galicia Categoría:Xesuítas do Salvador