miniatura|380x380px|Sede do Banco de España na rúa Alcalá de Madrid. As reservas de ouro que se custodiaban no edificio ata 1936 foron enviadas á Unión Soviética durante a guerra civil española.

A expresión Ouro de Moscova, ou Ouro da República, refírese á operación de traslado de 510 toneladas de ouro amoedado, correspondentes ao 72,6 % das reservas de ouro do Banco de España, desde o seu depósito en Madrid cara á Unión Soviética, aos poucos meses do inicio da guerra civil española, por orde do Goberno da II República, presidido por Francisco Largo Caballero, e pola iniciativa do seu ministro de Facenda, Juan Negrín, así como ás posteriores xestións relacionadas coa súa venda á URSS e a utilización dos fondos obtidos. A cuarta parte restante da reserva do Banco, é dicir 193 toneladas, foi trasladada a Francia e tamén vendida na súa maior parte, unha operación que, por analoxía, se coñece como o Ouro de París.

Estas moedas trasladadas á URSS terían un valor mínimo bruto de 12.200 millóns de euros (en termos do ano 2010) polo seu contido metálico, e un valor numismático que podería superar os 20.000 millóns de euros.

A expresión Ouro de Moscova xa fora utilizada na década de 1930 pola prensa internacional, e popularizouse durante a guerra civil española e os primeiros anos do réxime franquista en referencia ao episodio histórico español. Durante a guerra fría, tamén foi empregada a nivel internacional pola propaganda antisoviética e a contraria a partidos e sindicatos comunistas occidentais para descualificar as fontes de financiamento das actividades destes últimos, considerando que os fondos proviñan na súa maioría da URSS, polo que se popularizou a expresión «a soldo de Moscova».

O episodio histórico español foi, desde a década de 1970, tema de numerosas obras e ensaios a partir de documentos oficiais e privados, pero tamén obxecto de debate historiográfico e de fortes controversias, sinaladamente na propia España. Os desacordos céntranse na interpretación política das súas motivacións, a súa venda á Unión Soviética, a utilización e o destino das divisas obtidas con ela e as súas consecuencias para o desenvolvemento da contenda, así como a súa influencia posterior na República no exilio e nas relacións diplomáticas do goberno franquista co soviético.

Historiadores como Ángel Viñas ou Enrique Moradiellos consideraron que o envío do ouro á URSS foi a única opción viable ante o avance dos sublevados e a "non-intervención" das democracias occidentais, que permitiu a supervivencia da República. Pola contra, o dirixente da CNT Francisco Olaya Morales considerou que foi un dos factores máis importantes da derrota republicana, e culpou directamente desta a Juan Negrín. Pola súa banda, o británico Gerald Howson afirmou que a documentación dos Arquivos Militares Rusos estudada por el revela que «a forza de alterar subrepticiamente o tipo de cambio de rublo a dólar por cada un dos artigos que enviaban, desde un bombardeiro ata rodamentos e buxías, os soviéticos estafáronlle á República española millóns de dólares (probablemente ata 51 millóns de dólares, só en vendas de armas)».Howson, Gerald (2001) . Páxinas 412-415.

A revolución comunista mundial e o Moscow Gold A expresión «Ouro de Moscova» ten a súa orixe na crítica ao financiamento dos partidos e sindicatos de ideoloxía comunista en Europa Occidental. Con anterioridade a 1935, mentres o goberno de Iósif Stalin orientaba parte da súa política internacional cara á promoción da chamada "revolución mundial do proletariado", medios de fala inglesa como a revista Time utilizaban a expresión Moscow Gold para se referir aos plans soviéticos de intensificar as actividades do movemento comunista internacional, que daquela se manifestaba timidamente nos Estados Unidos e no Reino Unido. Time consideraba que esta evolución da política soviética, que en 1935 se manifestou en favor da participación comunista para a formación de diferentes agrupacións frontepopulistas en diversos países do mundo, se debía en parte á necesidade de Stalin de contrarrestar as críticas do trotskismo."Russia: Loud Pedal". En Time, 21 de novembro de 1938.

A principios dos anos 1990, logo da descomposición do sistema soviético que marcou o comezo dun período de transformación dos partidos comunistas de Europa Occidental, a expresión Ouro de Moscova foi retomada en Francia (l'Or de Moscou), novamente nunha campaña de desprestixio e acusacións contra o financiamento do PCF, dirixido daquela por Georges Marchais."TF1 persiste sur L'or de Moscou". En L'Humanité, 6 de marzo de 1992.

O episodio español

Contexto: os primeiros meses da guerra civil miniatura|287x287px|José Giral en 1936. A partir do 19 de xullo de 1936, aos poucos días da sublevación militar, tanto o Goberno de José Giral como o xeneral Franco, daquela responsable do exército de África, realizaron xestións simultáneas en Francia, por unha banda, e a través de emisarios en Roma e Berlín, pola outra, para solicitaren apoio material. Con estas iniciativas deu comezo a progresiva internacionalización do conflito ante a conciencia común das carencias en medios e equipamentos militares de ambos os bandos para soster o esforzo bélico.Howson, G. (2000).Moradiellos, E. (1999) .

Ao comezo da guerra civil a situación política de Francia era confusa, cun Goberno frontepopulista que incluía entre os seus elementos maioritarios o centrista Partido Radical. Aínda que Léon Blum, como o PCF, pretendeu intervir a favor da República, os radicais opuxéronse e ameazaron con lle retirar o seu apoio. A iso uníronse as advertencias británicas sobre o risco de obstruír a política de acougamento emprendida polo conservador Stanley Baldwin. De tal xeito, o consello de ministros reunido o 25 de xullo de 1936 aprobou a cancelación de calquera subministración desde Francia. O mesmo día en que se confirmaba a non-intervención das democracias occidentais, Hitler daba o seu consentimento para o envío dun primeiro lote de avións, tripulación e equipamento técnico a Marrocos, en tanto que o 27 de xullo Mussolini enviaría unha partida de avións de transporte, material que sería utilizado posteriormente para a ponte aérea de tropas cara a Sevilla establecida o 29 de xullo de 1936. O Goberno nazi utilizou unha empresa fantasma, a Sociedade Hispano-Marroquí de Transportes, como tapadeira para canalizar as súas subministracións a Franco.

O 1 de agosto de 1936 o Goberno francés emitiu a proposta á comunidade internacional para a adopción dun «Acordo de non-intervención en España», apoiada polo Foreign Office a través da súa embaixada en París o 7 de agosto. O acordo foi tamén inicialmente subscrito pola Unión Soviética, Portugal, Italia e o Terceiro Reich, sumándose ao Comité de Supervisión de Londres creado o 9 de setembro de 1936. Non obstante, estas tres últimas nacións mantiveron o seu apoio loxístico e material mentres que os axentes de compras do Goberno republicano adquiriron subministracións procedentes de México e do mercado negro.Citas 22, 23, 24 e 25 en Moradiellos, E. (1999) .

miniatura|300x300px|Áreas de control dos bandos enfrontados cara a setembro de 1936.

No terreo das hostilidades, durante os meses de agosto e setembro de 1936 as forzas sublevadas lograron importantes avances, consolidando a fronteira portuguesa tras a batalla de Badaxoz do 14 de agosto e pechando a vascofrancesa, logo da entrada en Irún do 4 de setembro de 1936. Este avance coincidiu cunha progresiva viraxe da política da URSS cara a unha intervención activa. Emprendeuse daquela o establecemento de relacións diplomáticas coa República española e o nomeamento do primeiro embaixador soviético en Madrid, Marcel Rosenberg (antes representante soviético na Sociedade de Nacións), o 21 de agosto de 1936.Kowalsky, D.(2004-a-).

A finais de setembro de 1936, partidos comunistas de diferentes países recibiron instrucións do Komintern e de Moscova para o recrutamento e a organización das Brigadas Internacionais, que entrarían en combate durante o mes de novembro. Mentres, o 28 de setembro, o final das operacións en torno ao alcázar de Toledo permitiría ás forzas dirixidas polo xeneral Varela orientar o seu esforzo cara á batalla de Madrid.

Ao longo do mes de outubro de 1936, a URSS enviou material en axuda do novo Goberno de concentración frontepopulista presidido por Largo Caballero, que incluía dous ministros comunistas, acción que o embaixador soviético en Londres, Iván Maisky, xustificaría ante o Comité de non Intervención o 23 de outubro de 1936, denunciando a previa sabotaxe italo-alemá a este e reclamando a restitución do dereito da República a armarse.Cita 27 en Moradiellos, E. (1999) . Cinco días máis tarde, o 28 de outubro de 1936, partiron de Cartaxena catro cargueiros soviéticos que contiñan o ouro evacuado o 14 de setembro do Banco de España.

Situación das reservas e status do Banco de España Poucos meses antes do inicio da guerra civil a reserva española de ouro fora rexistrada polas estatísticas internacionais en maio de 1936 como a cuarta máis grande do mundo.Consonte as estadísticas do Banco de Pagamentos Internacionais de Basilea, Sixième rapport annuel. 11/5/1936. Citado en Viñas, Á. (2006). Páxina 112. Fora acumulada principalmente durante a primeira guerra mundial, na que España se mantivera neutral. Grazas aos estudos da documentación do Banco de España, coñécese que estas reservas se distribuían principalmente na sede central de Madrid, nas delegacións provinciais do banco e outros depósitos menores en París, desde 1931, e estaban constituídas na súa maior parte por moedas, estranxeiras e españolas, mentres que a fracción de ouro non amoedado era menor ao 0,01 %, e moito menor a cantidade de ouro en barras, xa que só había 64 lingotes.Viñas, Á. (2006). Páxina 111.

Sobre o valor das reservas mobilizables, este era coñecido polas diversas publicacións oficiais que se emitían regularmente, e así o The New York Times do 7 de agosto de 1936 informaba da cifra de 718 millóns de dólares estadounidenses da época para as dispoñibles na sede de Madrid. Para o historiador Ángel Viñas, esta cifra correspondíase con 635 ou 639 toneladas de ouro fino, ou ben 20,42 ou 20,54 millóns de onzas troy. Segundo o balance do Banco de España do 30 de xuño de 1936, publicado na Gaceta de Madrid o 1 de xullo, as reservas de ouro existentes, tres semanas antes de se iniciar a contenda, acadaban un valor de 2.202 millóns de pesetas-ouro, equivalente a 5.240 millóns de pesetas efectivas. Viñas calcula que a cifra de 719 millóns de dólares de 1936 correspondería, actualizada cos índices de inflación, a 9.725 millóns de dólares de 2005. En comparación, as reservas españolas dispoñibles en setembro dese ano eran de 7.509 millóns.Viñas, Á. (2006). Páxina 112.

En 1936, o Banco de España estaba constituído como sociedade anónima por accións —igual que os seus homólogos francés e inglés—, cun capital de 177 millóns de pesetas, o cal se achaba distribuído en 354.000 accións nominativas de 500 pesetas cada unha. Malia non ser o banco nin as súas reservas de propiedade estatal —pois non pasarían a selo ata a promulgación do Decreto-lei 18/1962 do 7 de xuño de 1962, sobre nacionalización e reorganización do Banco de España—,"Decreto-lei 18/1962, do 7 de xuño, de nacionalización e reorganización do Banco de España". BOE do 13 de xuño. a institución estaba sometida ao control tanto do Goberno, quen designaba o gobernador, como do Ministerio de Facenda, que nomeaba varios membros do Consello Xeral do banco.