O Invernadeiro é un parque natural galego que abrangue as montañas do sur do macizo central e que se atopa no concello ourensán de Vilariño de Conso. Está situado entre os ríos da Ribeira Grande e da Ribeira Pequena e entre as serras de San Mamede, de Queixa e do Fial das Corzas.

O parque destaca pola súa biodiversidade, en especial polos seus mamíferos (como os corzos, cervos e cabras bravas) e os peixes das súas ribeiras, e a súa xeomorfoloxía. Os seus cumes son espazos abertos de pastos, as súas abas contan con corgos e cóbrenas as uceiras e queirogais e nas ribeiras dominan as fragas e os soutos.

É un parque desde o século XX despoboado mais que desde século XV, cando menos, fora un terreo propiedade de nobreza ligada á Casa da Mezquita. Estes aforábanllo e arrendábanllo ás xentes do val do Conso. No século XX aproveitouse para a plantación madeireira e a papelería.

Un incendio forestal de 1979 deu pé a que fose comprado pola Xunta de Galicia en 1984. Aí comezaría a súa protección, primeiro como refuxio de caza en 1989 e logo como espazo con actividades reguladas 1990. O 5 de xuño de 1997 declarouse como o cuarto parque natural galego. Desde 2014 forma parque da zona especial de conservación (ZEC) do Macizo Central, a cal se propuxo en 1997. No ano 2022 volveu sufrir un grave incendio forestal.

Xeografía Situación O parque atópase no concello ourensán de Vilariño de Conso, que se atopa na comarca de Viana. O parque atópase na zona oeste do concello e limita ao norte con Chandrexa de Queixa (Terra de Trives), ao oeste con Laza e ao sur con Castrelo do Val (Comarca de Verín). Ocupa parte das parroquias de Pradoalbar e San Mamede de Hedrada de Vilariño de Conso.Consulta realizada no visor xeográfico do Instituto de Estudos do Territorio, Xunta de Galicia.

Orografía Comeza ao sur da serra de Queixa e polo seu suroeste atópase dentro da serra do Fial das Corzas, a cal continúa cara ao sueste coa serra de San Mamede. A serra da Pena fai de límite leste do parque e o Lombo Lameiro a do sur. Varios cumes do parque superan os 1500 metros, como o Alto do Cernadiño (1504), O Invernadeiro (1516), o Cabezo do Cernado (1513), As Pozas (1544), A Meixón dos Abroxos (1590), o Cabezo das Pozas (1594) e a Cabeza de Berganciños (1597).Consulta realizada no visor xeográfico do Instituto de Estudos do Territorio, Xunta de Galicia.

Hidrografía miniatura|Río da Ribeira Grande. Os dous vales das serras do Invernadeiro percórrenos os ríos da Ribeira Pequena e o da Ribeira Grande. Nesas dúas bacías que forman, nas abas flúen corgos e corgasCorrentes de auga de pouco caudal. que chegan a varios regos menores, afluentes deses ríos. Estes dous ríos chegan ao encoro das Portas, que se atopa ao sur do parque, e que está construído sobre do río Camba. Á súa vez, o río Camba é un afluente do río Bibei, o cal chega ao río Sil.

Namentres que o Ribeira Grande é un río de máis caudal e que flúe por un val en forma de "U", o da Ribeira Pequena decorre máis encaixado dentro dun val de ladeiras de fortes pendentes. Nas abas destes ríos atópanse fervenzas como as dos Arcos.

Xeoloxía O Invernadeiro sitúase dentro da zona de Galicia Media-Tras-Os-Montes do macizo hespérico. Formouse durante o ordovícico. Produciuse para a zona ao oeste da Ribeira Grande, a cal é a máis escarpada, durante o ordovícico inferior e para a restante, como a Ribeira Pequena, durante o ordovícico medio. Só unha área menor ao suroeste se formou máis tarde: no silúrico-devoniano.

O territorio do ordovícico inferior está formado por bandas de cuarcitas, arenitas e lousas. As lousas presentes poden ser grises azuladas, nas capas inferiores, e lousas grises e xistos negros nas superiores. O territorio do ordovícico medio é o núcleo central do Invernadoiro. Esténdese de NO-SE, pasando polas cabeceiras dos dous ríos, e componse de lousas grises e azuladas con sucesións de filitas. A área do silúrico-devoniano forma unha bacía de material heteroxéneo e supón un cambio con respecto das formacións ordovícicas. Presenta unha serie verde, de lousas areosas, grauvacas e cuazo-filitas; ou metaconglomerados de cores azuis, grises ou verdes de materiais silíceos.

Dentro do parque existen varios lugares de interese xeolóxico. Algúns son circos glaciares (na cabeceira de Corga de Aguacenza, no Morrón dos Salgueiros e no Fial das Corzas), outros son pregamentos (como a confluencia da Corga Cenzoá e a Ribeira Grande, ou a cabeceira de Corga da Ortiga), socalcamentos (os aluviais de Ribeira Grande) ou encaixamentos (o final da Ribeira Pequena), outros son coluvións (como o do Corgo das Cembas-Ribeira Grande) e outros fervenzas (como a fervenza e Cristas de Corgo da Buraquiña). Tamén están presentes os xacementos fósiles, como os da Ortiga, o dos Altos do Cernado e os do Cernado.

Xeomorfoloxía Predominan os vales encaixados no terreo, con grandes manifestacións da acción erosiva fluvial, que separan áreas altas e planas con irregularidades. Aparecen tamén algunhas chairas illadas, relativamente extensas e rexuvenecidas pola rede fluvial, con altitudes aproximadas de 1.000 m. A acción dos fríos durante o cuaternario deixou pegadas xeomorfolóxicas como as moreas e os circos glaciares.

Edafoloxía Presenta como aspectos máis notables o escaso desenvolvemento da maior parte dos perfís e a existencia de determinados tipos de solo, con características que parecen estar relacionadas cos fríos Wurnienses, tanto na súa distribución como nalgúns caracteres morfolóxicos.

Na súa formación predominaron as accións mecánicas sobre as químicas, debido ás condicións climáticas.

En xeral, predominan os solos escasamente desenvolvidos (Ranker e Litosol), con áreas de solo hidromorfo (Historal e Glysol) e pequenos enclaves de solos podsólicos.

Tamén existen algúns cambisoles nos lugares ben drenados e con escasa pendente.

Clima O parque atópase entre nun clima oceánico con influenzas continentais. O relevo favorece a presenza de microclimas en pequenas extensións.

A temperatura media atópase preto dos 10 °C. Os veráns son suaves, con temperaturas ó redor dos 15 °C, e os invernos fríos, con mínimas que poden chegar ós -10 °C. A pluviometría é de 1.600 mm/ano e ocupa 158 días do ano. Boa parte destas precipitacións son forma de neve. Ademais, os días de xeada por ano son 72, e danse agás de xuño a setembro. Carece de secas estivais.

A influencia das masas mariñas no clima da rexión é máis reducido e iso móstrase con veráns e invernos máis marcados.

O parque atópase entre as rexións climáticas eurosiberiana e mediterránea e o seu macrobioclima é temperado.

Demografía No parque non existen aldeas habitadas. Os lugares máis poboados preto do parque son as aldeas das parroquias que ocupa o parque, e que en 2019 supoñían unha poboación de 48 persoas.Consulta realizada no portal do Instituto Galego de Estatística, Xunta de Galicia.

Hábitats Este espazo natural está, bioclimaticamente, encadrado dentro da rexión eurosiberiana, provincia atlántica europea e sector galaico-duriense. En particular, encádrase dentro do denominado subsector queixense. Isto supón que o parque se atopas á beira dos lindes da rexión eurosiberiana coa rexión mediterránea, en concreto na área de transición da flora da cordilleira cantábrica e da dos macizos do Bierzo e Seabra coa fachada atlántica. Como exemplo, a influencia mediterránea favorece a presenza de cerquiños e deriva na ausencia de queirogas maiores queiroga maior (Daboecia cantabrica) nas formacións de mato de uz e toxo.

A área que cobre o parque atópase a unha altitude elevada e de ríos no que coexisten diferentes hábitats. En particular nos altos atópanse uceiras, están presentes as carballeiras galaico-portuguesas e os bosques de abeneiros, freixos e acivros. Outros hábitats presentes son dos ríos e prados ou as zonas de rochedos.

Flora e fauna Flora miniatura|220px|Vales con matogueiras e árbores como os cerquiños. Os bosques do parque son de crecemento lento e propios de climas de montaña. As especies que os forman e son máis abundantes son o carballos comúns (Quercus robur), habitual das zonas atlánticas, e os cerquiños (Quercus pyrenaica), habitual das zonas submediterráneas. Estas carballeiras atópanse sobre todo nos avesedos e valgadas. Nas ladeiras orientadas cara ao norte e vales estreitos están presentes as carballeiras con arandeiras. Outra formación son os carballos alber (Quercus petraea) cos acivros (Ilex aquifolium). No alto das abas dominan os bidueirais e os acivros (Ilex aquifolium) e no fondo das corgas, fano as abeleiras (Corylus avellana). Mesmo os acivros forman sós arboredos no noroeste do parque, nas abas da corga de Aguacenza. Xa nas ribeiras, atópanse freixos (Fraxinus excelsior), abeleiras (Corylus avellana) e sanguiños (Frangula alnus), bidueiros (Betula celtiberica) entre outros. Só preto da Ribeira Grande existen abeneiros (Alnus glutinosa).

Outras árbores que existen no parque son os teixos (Taxus baccata), os cancereixos (Sorbus aucuparia), os salgueiros cabuxos (Salix caprea), os abruñeiros (Prunus spinosa) e os pradairos (Acer pseudoplatanus). Ademais, por ser unha área de plantacións forestais ata a década de 1980, existen áreas de piñeiros rubios. Algunha outra especies arbustivas presente é o estripo (Crataegus monogyna).

Nos altos dominan os queirogais, con especies como a Erica australis subsp. aragonensis, e a altitudes un pouco máis baixas as carqueixas (Pterospartum tridentatum). Nos rochas dos altos atópanse endemismos como Armeria ciliata ou Dianthus langeanus. Nas chairas do altos, como é no Alto do Seixo, danse pastos seminaturais e neles aparecen especies como a herba das brañas (Nardus stricta). Nos solos asolagados aparecen especies como Galium broterianum ou Oenanthe crocata, e matogueiras formadas por Genista micrantha ou Erica tetralix. Nas matogueiras existen os endemismos Allium victorialis, a Festuca elegans, a Festuca graniticola e Narcisuss asturiensis.

Nas zonas de sombra dos bosques existen unha riqueza de fieitos e consérvanse endemismos de hepáticas como Aphanolejaeunea microscopica e de vasculares como Anemone trifolia subespecie albida ou Eryngium duriaei subespecie juresianum (especie en risco de extinción).

A explotación para o papel do territorio do parque introduciu entre 1950 e 1960 Pinus sylvestris nas zonas de matogueiras. Os actuais piñeiros presentes no parque son os que persistiron a eses incendios e a repoboacións feitas desde 1984 para cubrir áreas queimadas. Unha áreas importante de piñeiros do parque atópase no sur.

Fauna miniatura|Ribeiras con bidueiros e salgueiros. Invertebrados As lamáchegas (Geomalacus maculosus) e os escornabois (Lucanus cervus) son dúas especies ameazadas presentes no parque. Ademais, existen arredor de 30 especies de coleópteros endémicas da península presente no parque. Compre destacar os tricópteros Limnephilus bipunctatus e Rhyacophila terrai.

Peixes As troitas, o cacho e a boga do Douro, que son especies ameazadas, habitan os ríos do parque. Preto da Aula da Natureza do parque atópase un centro ictioxénico para criar estas especies no parque.

Anfibios e réptiles No parque habitan 7 especies de anfibios e 3 de réptiles que se atopan ameazadas ou en risco de extinción.

Entre os anfibios están a ra patilonga (Rana iberica), a ra vermella (Rana temporaria) e a rela común (Hyla arborea). Algunhas das réptiles son a lagarta da serra (Iberolacerta monticola) e o lagarto das silvas (Lacerta schreiberi).

Outras especies a destacar do parque son o lagarto arnal (Lacerta lepida), a lagarta dos penedos (Podarcis hispanica), a lagarta galega (Podarcis bocagei), a cobra viperina (Natrix maura), a de colar (Natrix natrix), a lagarteira común (Coronella austriaca) e a víbora de Seoane (Vipera seoanei) e a fociñuda (Vipera latastei).

Mamíferos O Invernadeiro destaca pola presenza de mamíferos catalogados, que chegan a 40 especies.